Novas do asociacionismo memorialista

Celanova descobre o que foi Cárcere de Mulleres entre 1936 e 1938

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova e a Concellería de Igualdade do Concello de Celanova sinalarán o edificio dos actuais xulgados de Celanova como Lugar de Memoria co descobremento dunha placa que lembra que foi espazo utilizado como CÁRCERE DE MULLERES entre agosto de 1936 e 1938 nun acto que se desenvolverá o próximo 23 de novembro.

Colocarase na fachada unha placa de aceiro e ferro cunha lenda que recorda que foi espazo de represión. No acto participarán familiares de Salud Torres Díaz María Del Valle Lozano, que sufriron cadea e foron paseadas a finais de 1937 en Xinzo. Acompañarán ás familias a presidenta do Comité, Celia Inés Feijóo Soto, o alcalde de Celanova, Antonio Puga, e a concelleira de Igualdade, Teresa Barge Dapía. A inauguración da placa está prevista para as 13,00 horas do sábado 23 de novembro.

A placa inclúe uns versos dun poema de Rochi Nóvoa. A autora lerá a peza antes do descobremento da placa.

Esa mesma mañá, Rosa María Cid Galante -catedrática no ensino secundario e doutora en Xeografía e Historia- e Julio Prada Rodríguez -catedrático en Historia Contemporánea pola Universidade de Vigo e decano da Facultade de Historia de Ourense, da mesma universidade- ofrecerán sendas conferencias sobre a represión sobre as mulleres durante a guerra e a ditadura. Celebraranse no Salón de Plenos da Casa do Concello de Celanova a partir das 11,00 horas, xusto antes da inauguración da placa.

TRAZO HISTÓRICO

Segundo as investigacións históricas, sinaladamente ás de Domingo Rodríguez Teijeiro e Pablo Sánchez, e os traballos de pescuda do Comité, o CÁRCERE DE MULLERES de Celanova habilitouse como espazo de reclusión feminino aos poucos días do golpe de Estado de xullo de 1936 e a primeira noticia documentada data do 20 de agosto daquel ano. É a data na que se envía desde a Prisión de Partido ao Director da Prisión Provincial de Ourense, un oficio no que o xefe da cadea de Celanova escrebe: “Tengo el honor de participarle a usted que en esta esta prisión no cogen más reclusas porque existen 33 y la cabida es para 12; pero en el caso de que haya necesidad de recluir más pueden ser destinadas a la de Bande en la cual cogen más, o habilitar local en el convento de esta villa”.

A finais do mes seguinte, o 29 de setembro, un oficio do Gobernador Civil de Ourense ordena ao Director da Prisión de Celanova a posta en liberdade de 30 homes e 4 mulleres. Os nomes delas eran Elvira Fernández Méndez, María Dolores Vento López, Eduviges González Ferreras Celsa Alonso Iglesias.

O 8 de xaneiro de 1937, o xefe da prisión de mulleres de Celanova informa do número de reclusas: 42 mulleres e dous nenos. Entre elas, sinala dúas mulleres que sofren doenzas contaxiosas, Silvia Arias e Francisca Conde, e outras dúas que precisan tratamento, Remedios González e Concepción López.

A primeira lista de presas corresponde a maio de 1937 e nela figuran os nomes de 47 mulleres e anótase a presencia ademais de tres nenos (de meses) fillos dalgunha das presas. Nesa lista aparecen, entre outras, Salud Torres Díaz, Florinda Ortega Pérez e Remedios Frías Carballo, vítimas ben documentadas da represión na Gudiña e en Ourense, respectivamente. No mesmo mes, no cárcere de mulleres de Bande aparece rexistrada Eduviges González, como ingresada o 11 de novembro de 1936; é dicir, apenas un mes e medio despois da orde de liberdade en Celanova. O traslado de presas entre Celanova e Bande será constante, tal e como recomendaba o xefe da prisión de Celanova naquel oficio de agosto do 36. Eduviges seguía presa en Bande na última lista da que temos constancia, de agosto de 1939.

Celanova, 9 de novembro de 2024

Partillar

2 comentarios en «Celanova descobre o que foi Cárcere de Mulleres entre 1936 e 1938»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *