Cemiterio do Val: ocultación dun crime
Lourenzo Fernández Prieto (publicado orixinalmente no xornal “La Voz de Galicia”)
Os casos dos 26 suboficiais e 8 mariñeiros fusilados no cemiterio do Val (Narón) o día seguinte a Nadal de 1936; o contraalmirante do Arsenal de Ferrol, Antonio Azarola, fusilado o 4 de agosto; e o xeneral Salcedo Molinuevo, xefe da VIIIª División Orgánica (Galicia), fusilado o 9 de novembro, xunto co xeneral Caridad Pita, gobernador militar da Coruña e xefe da 15ª Brigada, por non sumarse ao golpe de Estado e defenderen a legalidade do poder establecido, son probas de crimes contra a obediencia debida que, sumadas a outras —cando menos 4.652 vítimas mais, só en Galicia, de 1936 a 1939—, forman parte dun asasinato masivo que podería merecer a cualificación de crime contra a humanidade. No marco do que o profesor Antonio Míguez, novo decano da Facultade de Historia, caracteriza como prácticas xenocidas.
Os responsables daquelas mortes tiveron moitos anos (39) para darse conta da magnitude do crime que cometeran. Fóronse facendo conscientes ao ritmo da historia, en 1943 coa caída do Duce, en 1945 co miserable final do III Reich no búnker da chancelería, despois da vitoria aliada, cos axustes de contas contra os colaboracionistas da Europa ocupada, cos xuízos de Nüremberg en 1946-47. A comezos dos anos cincuenta, cando acordaron desesperadas cesións aos Estados Unidos nunha saída para a súa ditadura. De novo nos setenta, cando a morte xa chamaba polo ditador, a angúria dun futuro incerto levounos a volver fusilar, agora só 5 rapaces, para renovar a lección que os que viviran o 36 xa coñecían. Para relembrar de que foran capaces.
Non foron moitos os responsables. Nun exército a xerarquía é incuestionable, logo do golpe militar todas as decisións foron de arriba abaixo. Os colaboradores implicados —colaboracionistas— foron algúns mais, tampouco tantos como os golpistas quixeron facer ver a través do control da información e a creación de resortes narrativos. A longa ditadura foi capaz de ocultar, manipular e inventar o que necesitou, incluída unha memoria colectiva. Mesmo traballaron —moi especialmente— sobre a memoria das vítimas e os seus descendentes.
No exército a xerarquía é incuestionable, as consecuencias da insubordinación e da alteración da cadea de mando son coñecidas. Por iso non lles abondou aos golpistas prender aos seus superiores e pechalos na prisión ferrolá de San Felipe; por iso tiveron que matalos, a todos, antes de empezar unha guerra de resultado incerto. Seguiríanos moitos máis. Logo de catro campañas de exhumación de fosas cun amplo equipo de historiadores, arqueólogas, forenses e xenetistas, descubrimos novidades que poden modificar parcialmente a historia dese pasado incómodo que aínda percute en nós. Identificamos pautas de ocultación. Moitas autoridades da ditadura, seguindo a lóxica dos perpetradores, foron borrando as pegadas do crime ao ritmo dos cambios no mundo. Movéronse de lugar cadáveres, construíronse nichos —ou variantes de estradas— enriba das fosas dos asasinados, clausuráronse cemiterios como o ferrolán de Canido. Os responsables tomaron conciencia clara da magnitude do crime cometido e actuaron en consecuencia.