Chega a hora da verdade sobre o Pazo de Meirás. O Tribunal Supremo fixa o 19 de febreiro como data de votación da sentenza definitiva
O Tribunal Supremo fixa o vindeiro 19 de febreiro como data para a votación do fallo sobre o Pazo de Meirás no que terán que resolverse de xeito definitivo, e que afectan a duas cuestións fundamentais:
- O dereito de propiedade do inmoble ao que afecta o fallo emitido polo Xulgado de 1ª Instancia número 1 da Coruña no mes de setembro de 2020 (os inmobles e fincas que están dentro dos límites dos muros descrita no catastro coa referencia 001800100NJ50B0001HR)
Compre suliñar que esta parcela cos seus inmobles está conformada pola finca onde se ubican as Torres e o antigo Pazo de Meirás, propiedade dos Pardo Bazán dunhas 5,7 hectareas de extensión á que foi incorporada outra parcela máis que estaba en réxime de arrendamento de perto de media hectáreas. A familia Pardo Bazán, desentendeuse dos dereitos destes colonos facendo constar en 1938 na escritura de venta á “Junta Pro Pazo del Caudillo”. Así quedou redactado: “En la transmisión se incluyen; el edificio….. Y se incluyen igulamente todos cuantos terrenos se hallen unidos al referido edificio y puedan formar con el una sola finca, aun cuando alguno o algunos de ellos estén arrendados; pero en este caso habrá de entenderse la Junta con los colonos a los efectos de la dejación de tales terrenos“. Os colonos foron obrigados a asinar a renuncia sobre os dereitos de explotación (e mesmo da propiedade futura) que tiñan sobre estas terras. O Pazo de Meirás pasaba con esta primeira operación expansiva das 6 hectáreas
Máis o afán expansivo non rematou aquí. Outras fincas colindantes foron incorporadas (en total 16), obrigando aos seus propietarios a vender por un precio previamente fixado polos compradores, e como no caso anterior, expulsar aos colonos que levaban estas fincas en arrendamento. A anexion destas fincas fixo que o Pazo pasase agora das 9 hectareas, que son as que podemos ver hoxe dentro dos muros que rodean a esa descripción catastral que teñen tras dela unha historia de abusos e represión brutal.
O fallo do Xulgado de 1º Instancia en setembro de 2020 atendeu a acción reivindicatoria da Administración Xeral do Estado sobre a propiedade deste inmoble e determinou que a propiedade era do Estado, condenando á familia Franco a restituir a posesión. Con posterioridade a familia Franco recurriu esta sentenza diante da Audiencia Provincial da Coruña que falla en febreiro de 2021 a favor do Estado, mantendo a propiedade en mans do Estado.
Este fallo da Audiencia Provincial foi recurrido posteriormente pola familia Franco diante do Tribunal Supremo, que terá que resolver na votación do fallo previsto para o vindeiro 19 de febreiro.

- A liquidación do Estado posesorio do Pazo de Meirás. Teñen os Franco o dereito a ser indemnizados?
O Código Civil establece posibeis dereitos de liquidación ou indeminización en determinadas circunstancias. No caso de Meirás está en litixio tamén.
O primeiro dos fallos sobre Meirás ditado polo Xulgado de 1ª Instancia, ordeou a restitución do pazo ao seu lexítimo dono (o Estado) sen liquidación do estado posesorio. Ou sexa, non recoñecía nengún dereito indemnizatorio á familia Franco pola posesión do ben, incluidos os peridos onde houbo diferentes transmisións (tras a morte de Franco en 1975, tras a morte de Carmen Polo en 1988 e tras a morte de Carmen Franco en decembro de 2017 no que toman posesión como propietarios en partes iguais os netos do ditador Franco).
Este fallo, recurrido polos netos de Franco diante da Audiencia Provincial da Coruña, foi modificado concretamente nesta parte en febreiro de 2021, recoñecendo aos Franco o dereito a obter unha indeminización pola liquidación do estado posesorio “de boa fe” desde 1975.
Este fallo, que inicialmente era aceptado con moita propaganda e moi pouca decencia polo Estado, foi recorrido finalmente polo Estado diante da repulsa e a mobilización do asociacionismo memorialista que contou con grande apoio social. E non só social. O concello de Sada, personado nos diferentes procesos xudiciais sobre a reivindicación do Pazo de Meirás, foi tamén impulsor desta reclamación que rematou con diferentes recursos diante do Tribunal Supremo, e que terá que resolver o vindeiro día 19 de febreiro.
Unha vez coñezamos ese fallo será o momento de valorar a situación, e mesmo o papel xogado por cada parte nun proceso no que non todo foi, nen moito menos, exemplar.
- E os bens mobles? Que pasa con eles?
Moito temos lido sobre este conflicto, máis compre aclarar algunhas cuestións. O TS non vai a resolver nada sobre esta cuestión. Polo tanto, a sentenza non afectará á propiedade daqueles bens mobles, que se dirime noutro proceso nun xulgado de Madrid
Tanto nun caso coma no outro, referímonos claro está aos bens mobles que estaban en Meirás cando o Estado toma posesión provisoria do Pazo de Meirás en 2020. Os que desapareceron durante o periodo 1975 – 2020, sucumbiron á rapiña dos Franco.
- A que non afecta a futura sentenza
Aos bens que manteñen fora dos muros do Pazo a familia Franco en Meirás, e que o Estado sigue, a dia de hoxe incomprensiblemente sen reclamar, como é o caso da casa das Cunchas.


