
Comparecencia ante a fiscalía de memoria democrática da familia de Julio Nieto López
O pasado venres, 21 de agosto, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña e a A.C. Memoria Histórica Democrática acompañaron a Dona Vitoria e Don Juan Eduardo Guillén Nieto na súa comparecencia, nos Xulgados de Ferrol, ante a Fiscala Delegada Provincial de Dereitos Humanos e Memoria Democrática, Dona María Encarnación Mayán, para exercer acto de xurisdición voluntaria e Declaración de Feitos Pasados e solicitar a anulación de condenas e recoñecemento de Vítima da Ditadura do seu avó, Julio Nieto López, executado na Coruña en 1946.
Asistíu como testemuña o historiador e Cronista Oficial de Viveiro Don Carlos Nuevo Cal, fillo dun compañeiro de militancia e prisión de Julio Nieto. Julio Nieto López naceu en Almería en 1904, durante a República ingresóu no Corpo de Seguridade e Asalto e tivo destino en Huelva e Madrid. En 1933 obtivo o título de oficial telegrafista, e casou con Loreto Tapia Robson, doutora en medicina e especialista en pediatría e puericultura e de importante currículo profesional e formación moi avanzada para o seu tempo. Tiveron dous fillos: Julio e Vitoria Loreto Nieto Tapia, xa falecidos.
Ao producirse o golpe militar de xullo de 1936, residían en Madrid. Julio Nieto permaneceu leal á República, ascendeu a alférez por méritos de guerra en outubro de 1936 e chegou a alcanzar o grao de capitán no Exercito Popular. Foi detido en 1939, pasando polas prisións Celular de Valencia e Central de Yeserías en Madrid, acusado de auxilio á rebelión e condenado a 20 anos dos que cumpriu catro. A súa muller, como consecuencia disto, atopábase baixo vixilancia policial, sendo postergada profesionalmente e marxinada aos peores destinos.
En 1943 obtivo a liberdade provisional e trasladouse a Lugo para vivir cos seus fillos e esposa, alí destinada como médico. Traballou como administrativo na imprenta Celta e logo na concesionaria da Ford en Lugo, traballos precarios polos seus antecedentes. En Lugo integrouse no Partido Comunista. sendo nomeado Secretario Xeral do Comité Provincial. En xaneiro de 1945, tras unha caída doutros compañeiros é detido e interrogado pero logra escapar e pásase á clandestinidade, refuxiándose en Láncara e incorporándose á Guerrilla, exercendo a xefatura da III Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia.
En 1946 foi detido nunha redada policial das redes de apoio á Agrupación, ao ser o máximo responsable militar converteuse na peza central do sumario 75/46, con máis de 50 persoas acusadas do delito de rebelión militar por considerarlles enlaces da guerrilla, ou militantes comunistas ou republicanos. Julio Nieto foi condenado a pena de morte, xunto a Ramón Vivero Grada, pertencente tamén ao mesmo Corpo de Seguridade e Asalto. Foron executados a garrote vil o 21 de setembro de 1946 na prisión provincial da Coruña e non se puideron recuperar os seus restos mortais que posiblemente se atopen na fosa común nº 74 do cemiterio de San Amaro.
O historiador Carlos Nuevo achegou as vivencias transmitidas polo seu pai, Ignacio Nuevo García, Secretario Político das Juventudes Socialistas, quen compartiu con Julio prisión en Lugo e na Coruña en 1946, relatando as continuas torturas e malleiras que sufieron durante a súa detención.
Os seus netos solicitaron na comparecencia:
• Que se recollan os feitos probados como realmente sucederon. • Que se recolla a nulidade das causas que constan no Arquivo Militar Territorial nº 4 da Coruña, no Tribunal Militar Territorial nº 1 de Madrid e en calquera outro arquivo.
• Que se inscriba o auto no Arquivo do Reino de Galicia para que non esqueza a súa historia.
• Prestan o consentimento para a súa inclusión no Rexistro e Censo Estatal de Vítimas.

O seu irmán Julián, tamén membro do Corpo de Seguridade e Asalto, foi o autor da detención do Xeneral Sanjurjo cando, en 1932 tras o intento fracasado de Golpe de Estado, fuxía cara a Portugal, polo que foi ascendido a Cabo. Na guerra ascendeu a Sarxento nas filas da República e en 1939 foi procesado polos franquistas e sobresido posteriormente.
FOTOGRAFIAS
- Imaxe de portada: De esquerda a dereita Manuel A. Fernández Pita, Presidente da A.C. M.H.D., Beatriz Parga Massa, Directiva da CRMH, os familiares Victoria e Juan Eduardo Guillén Nieto e o historiador Carlos Nuevo Cal.
- Imaxe interior: Materiais cedidos pola familia de Julio Nieto López. Publicados na web da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña
