Conferencia de Xosé Fortes Bouzán sobre “As forzas armadas ante a transición”
O venres da vindeira semana, día 13 de decembro, ás 19:30h, Xosé Fortes Bouzán, falaranos de As forzas armadas ante a transición. Unha actividade organizada pola Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
A comezos dos anos setenta, o exército español mostrábase impermeable ás ansias de liberdade e democracia que xa manifestaban amplas capas da sociedade, e aparecía como un baluarte invencible da ditadura e a represión ao final do franquismo.
XOSÉ FORTES BOUZÁN (Cotobade, Pontevedra, 1934), foi un dos fundadores na ditadura, cando era capitán de infantería, da Unión Militar Democrática (UMD) que tiña como obxectivo a democratización das Forzas Armadas. Era o contacto cos capitáns portugueses que protagonizaron a “Revolución dos Caraveis”. Detido en 1975, acusado de “conspiración para a rebelión”, condenado a catro anos de cárcere, foi encarcerado e expulsado do Exército. Xa na democracia, reingresa no exército co grao de coronel.
Licenciado en Filosofía e Letras, despois da súa expulsión do Exército traballa como profesor de Historia e foi director do Instituto A Xunqueira de Pontevedra e director, en 1976 de Vagalume, a primeira revista infantil en galego.
Nas primeiras eleccións municipais democráticas de 1979 participa como independente na candidatura de Unidade Galega por Pontevedra, sendo tenente alcalde de Urbanismo.