Actualidade

Construamos un futuro republicano

Manifesto da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, con motivo dos actos do Día da República 2024:

O concello da Coruña e todos os da nosa comarca teñen unha longa tradición republicana e así o manifestaron cando puideron votar libremente para decidir a forma de Estado. Nas eleccións municipais da Coruña de 12 de abril de 1931 as candidaturas republicanas tiveron 35 concelleiros fronte aos 5 da monárquicas. Nas eleccións a Cortes de xuño de 1931 as candidaturas republicanas acadaron 13 deputados e 3 as “independentes”, que eran de dereitas. Nas eleccións a Cortes de febreiro de 1936 a candidatura da Fronte Popular conseguía 12 deputados na provincia da Coruña e 5 as da CEDA e independentes de dereitas.

O 18 de xullo de 1936 non se iniciou unha “guerra entre avós”, como difunde a dereita, senón un golpe de Estado contra o goberno lexítimo da República, que trouxo 40 anos dunha ditadura criminal. Lembramos neste 14 de abril o asasinato de cargos públicos, dirixentes sindicais e persoas que defendían a República e a democracia. Foron asasinados, entre outros, Alfredo Suárez Ferrín, alcalde da Coruña; Francisco Pérez Carballo, Gobernador Civil; Rogelio Caridad Pita, Gobernador Militar; Enrique Salcedo Molinuevo, Xeneral Xefe da VIII División Orgánica; José López Bouza, presidente da Deputación; Ánxel Casal, vicepresidente da Deputación e alcalde de Santiago; Ramón Beade, Tomás López e José Novo, alcaldes de Betanzos; Antonio Fernández Pita, alcalde de Sada e máis de 6.000 persoas en toda Galiza.

Temos unha monarquía caduca, herdeira do franquismo, incompatíbel cun sistema democrático. É un réxime vitalicio e hereditario, que non ten en conta a vontade popular porque non é elixido polo pobo nunhas eleccións democráticas. O rei Juan Carlos foi imposto pola ditador Franco en 1969 e proclamado polas Cortes franquistas en 1975.

O chamado rei emérito Juan Carlos I vive na opulencia nun autoexilio, organizando festas de cumpreanos multitudinarias a “todo pago”. As chamadas regularizacións fiscais do rei Juan Carlos, coa implicación da Fiscalía e do Goberno través da Axencia Tributaria, non tiñan outro obxectivo que evitar as repercusións penais dos seus presuntos delitos. Unha situación escandalosa e impropia dun país democrático porque hai un recoñecemento explícito de delitos, cometidos como actividades privadas fóra do ámbito institucional, que non se poden xulgar porque o rei é inviolable ou están prescritos.

Estamos a prol da ruptura democrática e queremos decidir sobre o noso futuro como pobo. Partindo desa realidade plurinacional, do recoñecemento da soberanía da nación galega e o seu dereito democrático a decidir, estamos pola convocatoria dun referendo consultivo para que a cidadanía poida decidir sobre o modelo político e institucional e escoller a forma de Estado: monarquía ou república. Coa celebración dese referendo iniciaranse procesos constituíntes que recoñezan o dereito de autodeterminación ás nacións que integran hoxe o Estado español.

Queremos unha República laica que acabe cos privilexios da igrexa católica, igualitaria, xusta e radicalmente democrática, que lexisle para a inmensa maioría da sociedade, poña freo á corrupción e ao enriquecemento sen límites duns poucos; que acabe cos recortes sociais que empobrecen ás clases populares. Unha República que recupere a memoria democrática, acabe coa impunidade e condene a aqueles que durante a Ditadura cometeron crimes contra a humanidade, que non prescriben.

A monarquía está blindada e o CIS leva moito anos sen preguntar sobre a valoración da monarquía. Tamén son rexeitadas sistematicamente todas as iniciativas presentadas no Congreso para investigar a corrupción da monarquía de Juan Carlos e familia. Mentres tanto, non estamos dispostos a normalizar as visitas que fai Juan Carlos a Sanxenxo e outros lugares de Galiza.

Chamamos a toda a cidadanía para que se sume á construción dunha alternativa republicana e por unha maior xustiza, democracia e liberdade para o noso pobo.  É hora de expresar o noso compromiso en defensa da democracia e pola transformación social, e por iso queremos manifestar alto e claro que estamos por un futuro republicano.

O 19 de xuño de 2014, coincidindo coa abdicación do rei Juan Carlos, máis de 3.000 persoas participamos nunha manifestación unitaria na Coruña baixo o lema “Galiza pola República e polo dereito a decidir”. Cando se cumprirá en xuño o 10º aniversario daquela abdicación, queremos lembrar que Galiza non ten rei e comprometémonos a participar na revitalización daquela plataforma que promoveu a mobilización cívica.

Chamamos ás institucións públicas para que promovan pronunciamentos ou mocións pola República, así como que honren a memoria de todas as persoas que foron represaliadas na ditadura. 

VIVA O 14 DE ABRIL!

GALIZA POLA REPÚBLICA!

Partillar

Un comentario en «Construamos un futuro republicano»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *