Actualidade

Continúa a opacidade, os incumprimentos legais e o compromiso real coa memoria no Pazo de Meirás por parte da Xunta de Galiza e do Estado

O BOE publicaba o pasado día 14 de agosto a resolución pola que se declara o Pazo de Meirás como Lugar de Memoria. Ese mesmo día a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña presentaba diante da Secretaría de Estado de Memoria Democrática un escrito de solicitude de acceso ao expediente administrativo desa resolución, na súa condición de entidade interesada.

 Pasado xa o ecuador do prazo para a formalización de recurso de reposición diante da citada resolución, o Estado sigue sen facilitar a esta asociación acceso ao expediente administrativo, nun novo episodo de opacidade e de vulneración de dereitos, como esta a acontecer neste caso.

Lembremos tamén que recentemente houbo unha retirada de bens mobles no Pazo de Meirás polos herdeiros do ditador Franco con total opacidade tamén por parte da Administración do Estado, xa que do Pazo (concretamente desde o interior das Torres) saíron numerosos bens vinculados á etapa dos Pardo Bazán e da ditadura franquista. Todo elo coa total pasividade da Consellería de Cultura da Xunta de Galiza, que non exerceu en ningún momento as súas obrigas recollidas na Lei de Patrimonio Cultural de Galiza, ao ter o Pazo de Meirás a condición de Ben de Interese Cultural coa categoría de Sitio Histórico.

Neste sentido, a CRMH da Coruña solicitou formalmente diante do rexistro desta Consellería a actuación desta administración polo incumprimento sistemático e constante por parte da administración xeral do Estado (como propietaria do Pazo de Meirás a todos os efectos) do réxime de visitas que establece a Lei de Patrimonio Cultural de Galiza.

Sorprende o feito que agora que o Pazo de Meirás é un ben público a todos os efectos, sexa precisamente a etapa que máis limitacións se dan á visita pública (imposíbel ás estancias interiores das edificacións) que contrasta coa etapa anterior na que os herdei￾ros do ditador Franco eran os propietarios formais deste ben.

A limitación no número de accesos permitidos, provocou tamén que a grande demanda de accesos (lembremos que o Pazo de Meirás é hoxe unha propiedade pública a todos os efectos) non fose atendida no mes de agosto (no momento de maior demanda de accesos)

A todo isto súmase o proceso de liquidación do estado posesorio do Pazo de Meirás (indemnización aos Franco) que se terá que iniciar como consecuencia da execución da sentenza do Tribunal Supremo. E tamén o incumprimento sistemático do Protocolo de actuacións que o Estado promoveu e asinou no Pazo de Meirás hai máis de seis anos con moita propaganda, máis sen ningunha actividade.

Neste sentido queremos lembrar que non se reuniron as comisións previstas no citado protocolo desde a súa sinatura en xuño de 2021.

Por todo elo, desde a CRMH da Coruña, reiteramos as nosas esixencias, máis unha vez:

  • Acceso ao expediente administrativo da declaración do Pazo de Meirás como Lugar de Memoria nas condicións que establecen as leis e en base a unha normal transparencia nos actos administrativos.
  • Explicacións do acontecido ao respecto da saída de bens mobles do Pazo de Meirás vinculados á etapa de Pardo Bazán e a ditadura de Franco.
  • Actuación sen demora da Xunta de Galiza en relación coas súas obrigas recollidas na Lei de Patrimonio Cultural, e nomeadamente en materia de visita pública e de protección do ben de interese cultural que representa o Pazo de Meirás. Moito máis cando esta anunciada desde diferentes medios de comunicación unha nova “vista” dos herdeiros do ditador Franco para continuar a retirar bens mobeis.
  • Transparencia e compromiso na defensa do interese público no proceso que se esta a levar sobre a liquidación do estado posesorio do Pazo de Meirás.
  • A actualización e posta en marcha das comisións previstas no Protocolo de actuacións citado anteriormente.

Na imaxe de cabeceira, a biblioteca que mandou construir Franco nunha das Torres do Pazo de Meirás, quie o Estado non permite visitar, ao igual que as demais estancias interiores dos diferentes edificios.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *