Actualidade

Diante da posibilidade de traslado a Madrid dos fondos do Arquivo Intermedio Militar Noroeste, con sede en Ferrol, esiximos do Ministerio de Defensa a dixitalización de documental e o mantemento en Ferrol dos seus fondos

Nota de Prensa conxunta da Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática de Ferrol e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña

Diante do risco real de traslado dos fondos documentais ao ter encargado por parte do Ministerio de Defensa un orzamento de traslado a Madrid que custodia o Arquivo Intermedio Militar Noroeste, situado na cidade de Ferrol, a Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática de Ferrol e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, demandan publicamente a esixencia ao Ministerio de Defensa, do mantemento dos citados fondos en Ferrol e a dixitalización documental que facilite o acceso a investigadoras e investigadores interesadas no coñecemento histórico, nomeadamente aquelas causas e documentos sobre a represión franquista.

A xeito de exemplos, resulta sorprendente e incomprensible que as sentenzas de penas de morte e outras condenas que se ditaron por tribunais militares ilexítimos como o que tiña como sede o cuartel de Atocha da Coruña, o Cuartel de Zapadores en Ferrol entre outros moitos lugares do territorio galego, que forman parte da memoria da represión franquista, e que se conservan no Arquivo de Ferrol, se considere o seu traslado a Madrid simplemente alegándose a grande demanda de consulta destes fondos.

Pensemos so no que serviu este arquivo para fornecer investigacións sobre a represión en todo o territorio galego como o proxecto Nomes e Voces que naceu ao abeiro dos traballos que se realizaron ao redor do Ano da Memoria 2006, promovido pola Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia. Ao proxecto encomendóuselle a tarefa de estudar a violencia golpista durante a Guerra e posguerra, así como ofrecer á sociedade os datos relativos ás persoas que sufriron algún tipo de persecución neste período. Un proxecto inconcluso e aberto a dia de hoxe.

Tamén pensemos que boa parte dos fondos documentais presentados no xuizo sobre a recuperación ao patrimonio público do Pazo de Meirás saíron deste arquivo, en concreto do fondo relativo á sede da Comandancia de Obras e Fortificacións con sede na Coruña.

Demandamos pois, o mantemento dos fondos en Ferrol, e que en todo caso se dixitalice a documentación e sexa accesible de acordo co establecido ao respecto do dereito de acceso e consulta dos documentos de arquivo sobre o golpe de estado, a guerra e a ditadura que garante (así se recolle de xeito explícito) o dereito ao acceso libre, gratuito e universal aos arquivos públicos e privados.

Somos coñecedores da fonda preocupación e rexeitamento do mundo historiográfico e das investigadoras e investigadores galegos diante desta posibilidade de traslado.

Tamén do conxunto do asociacionismo memorialista. É por elo tamén que solicitamos das institucións, partidos políticos e entidades sociais e culturais galegas a demanda do mantemento destes fondos no Arquivo Militar de Ferrol.

Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática de Ferrol
Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *