Republicanas de Honra

Dolores García Suárez (Lolecha) (Republicana de Honra 2008)

Dolores García Suárez, “Lolecha”, recibiu a distinción Memoria da Coruña 2008; o galardón -unha escultura de Pepe Galán, autor tamén do monumento ás vítimas do Portiño- entregads na Cea da República, que tivo lugar o sábado,12 de abril, no restaurante Fontenova, despois da inauguración do monumento ás vítimas do Portiño. A CRMH quere recoñecer así o traballo de Lolecha por recuperar a memoria histórica da Coruña e, ao mesmo tempo, facer unha homenaxe a todas as familias que perderon a seres queridos, vítimas da ditadura franquista, por defender a democracia e a liberdade.

Lolecha tiña naquel intre 84 anos, nacera o 15 de setembro de 1923 no lugar de Loureiro de San Pedro de Visma. Foron sete irmáns: Dolores, Manuel, Francisco, José, Fina, Rosa e Luisa. Desde a recente morte do seu marido, Ángel Villamisar Gómez, vive no Grupo de Pescadores co seu irmán Paco. Lolecha púxose en contacto coa CRMH facilitándonos o certificado de defunción do seu pai José García Vázquez, que é unha das 19 vítimas do intento de fuxida do Portiño, ocorrida o 3 de marzo de 1937.

José García Vázquez foi detido e acusado por este intento de fuxida. Lolecha acudía todos os días ó cárcere da Coruña para levar comida ó seu pai e todo o que necesitase; mentres esperaba para ver ó seu pai, coincidiu con moita xente da Coruña que ía visitar aos presos. Despois dun consello de guerra, celebrado o 5 de xuño de 1937, José García Vázquez foi fusilado en Punta Herminia o 9 de outubro dese ano.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *