Dous actos sobre a maior fuga carcelaria de Europa
Aproveitando a presenza de Fermin Ezkieta na nosa comarca nestes dias, organizaremos dous actos na comarca da Coruña en relación cos fugados en 1938 do Forte de San Cristóbal/Ezkaba, fuga na que participaron case 200 galegos.
Fermin Ezkieta é autor do traballo “Los fugados del fuerte Ezkaba, a quen agradecemos a colaboración e participación nestes actos.
O primero dos actos levará por título “Dous Bergondeses na maior fuga carcelaria de Europa”. Unha charla-debate coorganizada entre o Concello de Bergondo e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Será este vindeiro martes 25 de novembro ás 19:00 horas en Bergondo (A Senra)

Ao día seguinte, o mércores 26 de novembro, celebraremos o segundo dos actos previstos baixo o título “Case 200 galegos na maior fuga carcelaria de Europa” e que terá lugar no salón de actos de Portas Artabras (Amigos dos Museos de Galicia, na cidade vella da Coruña, en rúa Sinagoga 22) ás 20:00 horas

A fuga do Forte de San Cristóbal no Monte Ezkaba, preto de Pamplona, o 22 de maio de 1938, posúe o encanto dun acontecemento épico. Recibiu máis cobertura no New York Times que na prensa española durante corenta anos, e provocou 206 mortes na montaña, ademais de 14 execucións en Pamplona en agosto de 1938.
“Iluminar as habitacións do pasado ata que a casa arda” (Luis Rosales). Este é o propósito de dar a coñecer esta fuga esquecida, a maior fuga dunha prisión de Europa. Revelar a vida na prisión, os rostros e as vidas dos que organizaron a fuga, dos que chegaron á fronteira e as fosas comúns que foron exhumadas nos últimos anos.
Entre os 795 presos republicanos fuxidos había case 200 galeguistas. Como Amador Rodríguez (de Salceda), o último en ser capturado; Julio Costa (A Coruña) ou Antucho Valladares (Silleda), organizadores do plan de fuga; Gerardo Gómez Lorenzo e Andrés Pardo Argüeso, ambos de Bergondo, foron fusilados durante a fuxida. Os restos doutro, Vicente Mejuto (A Coruña), foron identificados nunha das fosas localizadas.

