Entrevista a Iria Frine Rivera. Salvemos o Carlos Maside
“En calquera outro sitio do mundo ese museo sería o pulmón dun territorio e aquí está como se non contara nada. Ese Museo non é nada” Entrevista realizada no podcast de “Ferida Aberta no 36” da autoría de Nuria López
No podcast A Ferida Aberta no 36 fálase da loita polo Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside en Sada por parte da Comisión O Castro. Unha entrevista feita no espazo axeitado: o dos feitos acontecidos fai noventa anos e que levaron a quenes o viviron a construír unha institución como o Museo Carlos Maside. Unha institución que é museo por espírito e man dos Fundadores, Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo. Pero tamén unha homenaxe aos exiliados, aos represaliados -o caso de Camilo Díaz Baliño, pai de Isaac e referente de Seoane-, a unha sociedade que experimentou a brutalidade e crueldade da guerra e a quenes viviron o exilio interior.
As connotacións desta institución quere proxectar a riqueza a que contribuíron todas as persoas coas que eles medraron. Non existe nada banal, estéril ou mesquiño. As ideas, a cultura, as metas dun Díaz Baliño, dun Castelao, do Seminario de Estudos Galegos, dos Renovadores como Carlos Maside, leváronse a práctica de xeito que o Museo Carlos Maside servira como posta en activo da práctica Memoria Histórica décadas antes de que o termo entrara no código legal. O Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside supón unha institución innovadora non so pola proposta dunha programación integral (arquivística, filmes, biblioteca, espazo de exposicións, lugar de publicacións e conferencias), hoxe levada a cabo nos mellores museos internacionais. Pero tamén é innovadora pola enunciación explícita e implícita da Memoria Histórica por parte dos Fundadores. A día de hoxe segue sendo a punta de lanza deste termo a nivel galego e español, así como no paradigma de Europa e no ámbito internacional.
Máis videos na canle de Nuria López A FERIDA ABERTA NO 36: https://www.youtube.com/@aferidaabertano36

