Actualidade

Este vindeiro sábado sairemos á rúa novamente a reclamar o patrimonio espoliado polo franquismo

Este vindeiro sábado 14 de decembro sairá da praza de Maria Pita ás 12:00 horas a V Marcha Cívica pola devolución da Casa Cornide. A convocatoria realizase desde a Comisión Aberta en Defensa do Común e esta apoiada por un bó número de entidades, asociacións, sindicatos e partidos políticos da comarca da Coruña, entre as que se atopa a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.

Estas entidades veñen de aprobar un manifesto conxunto que reproducimos a continuación:

O Pleno municipal da Coruña de 12 de setembro de 2019 aprobaba unha moción por unanimidade para a devolución da Casa Cornide ao patrimonio municipal e que o concello presente unha denuncia no Xulgado para recuperar a propiedade. Por outra parte, a Xunta de Galicia iniciaba o 14 de maio de 2021 o expediente para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) a Casa Cornide, que era aprobado o 27 de abril de 2023 e publicado no DOG en maio.

Dezanove meses despois a Casa Cornide segue pechada a visitas públicas, infrinxindo a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia que obriga aos propietarios a apertura de catro días ao mes e un mínimo de catro horas cada día cando hai unha declaración de Ben de Interese Cultural (BIC).

Isto é posíbel pola permisividade da Xunta coa familia Franco, que alega agora que é unha vivenda particular e que alí vive xente, cousa totalmente falsa e posíbel de comprobar cunha inspección da Xunta. Por outra parte, a Xunta considera que esta continuada infracción da lei é leve e anuncia unha proposta de sanción ridícula de 3.000 euros.

Como dicía a moción aprobada o 1 de outubro de 2020.: “Significados franquistas que promoveron e participaron activamente nos espolios do pazo de Meirás e Casa Cornide –Alfonso Molina Brandao, Pedro Barrié de la Maza e Sergio Peñamaría de Llano– aínda conservan na Coruña rúas, retratos en edificios públicos, placas, monólitos e todo tipo de distincións, que non pode admitir unha sociedade democrática”.

Non queremos a Pedro Barrié, nin a Alfonso Molina como fillos predilectos porque foron persoas ao servizo da ditadura, que participaron na represión, como recolle o informe elaborado polo Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses por encargo do propio concello da Coruña.

A Lei de Memoria Democrática xa retirou a Pedro Barrié o título de Conde de Fenosa. para cumprir co obxecto desa lei: “Defensa dos valores democráticos e os dereitos e liberdades fundamentais” (artigo 1.3). O Pleno da Coruña de 11 de setembro de 2017 declaraban aos Franco como persoas non gratas. Por outra parte, Barrié xa perdeu distincións en moitos concellos: Corcubión retiráballe o título de Fillo Adoptivo e Sada unha avenida e a distinción de Fillo Adoptivo.

O Pleno da corporación municipal de O Barco de Valdeorras, alcaldía socialista, acordaba por unanimidade, a iniciativa da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), solicitar ao concello da Coruña que, sendo coñecedores dos crimes cometidos en Valdeorras por Sergio Peñamaría como tenente dunha Bandeira da Lexión, cambie a actual rúa Alcalde Peñamaría por Mártires de Valdeorras.

Manuel Rivas dicía na lectura do manifesto da II Marcha pola devolución da Casa Cornide: “Estamos decididos a convocar a III, IV Marcha Cívica e as que sexa necesarias até poñer fin a este espolio”. Pois aquí estamos na V Marcha porque se conseguimos a recuperación do pazo de Meirás para o patrimonio público e a titularidade de 691 bens do pazo que a familia Franco se negaba a entregar; se conseguimos a declaración da Casa Cornide como BIC, continuando coa mobilización cívica conseguiremos que se abra ao público e tamén a súa recuperación para o patrimonio municipal.

Esiximos á Xunta de Galicia:

Que acabe coa política de permisividade coa familia Franco, que asumaas súas responsabilidades para facer cumprir a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia e que aplique a máxima sanción pola súa negativa a abrir ao público a Casa Cornide

Que presente ante o Parlamento de Galiza a iniciativa lexislativa conducente a tipificar como falta grave ou moi grave na Lei de Patrimonio Cultural o incumprimento de réxime de visitas do público aos BIC

Que realice unha inspección en cumprimento do artigo 36 da Lei 5/2016 de 4 de maio de Patrimonio Cultural de Galicia –“As propietarias están obrigadas a permitirlle o acceso aos devanditos bens ao persoal habilitado para a función inspectora”– para corroborar que a Casa Cornide non é un domicilio particular e que alí non vive ninguén.

Que se por parte da familia Franco  hai unha “continuidade ou persistencia na conduta infractora” (artigo 134.3.a da citada lei), estude se “puidera ser constitutiva de infracción penal e proceda a tomar as medidas en defensa da legalidade e do interese público”, como xa denunciou a CRMH da Coruña. Sinala o artigo 289 do Código Penal: “O que por calquera medio destruíse, inutilizara ou danase unha cousa propia de utilidade social ou cultural, ou de calquera modo subtraésea ao cumprimento dos deberes legais impostos en interese da comunidade, será castigado coa pena de prisión de tres a cinco meses ou multa de seis a 10 meses”.

Reiteramos o noso apoio ao Concello da Coruña para que presente demanda xudicial civil para recuperar a Casa Cornide para o patrimonio do concello e esiximos ao o Goberno Municipal:

Que  traslade a Comisión de Honras e Distincións e ao Consello Municipal de Memoria Histórica, sen máis dilación,  a proposta de retirada de rúas e distincións a Pedro Barrié de la Maza, Alfonso Molina Brandao e Sergio Peñamaría de Llano.

Que se execute xa a proposta do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses para a retirada de rúas e distincións, en cumprimento da Lei de Memoria Democrática, independentemente das futuras ampliacións do informe dese Instituto.

A relación de apoios a día de hoxe ao manifesto é a seguinte:

Defensa do Común, CRMH, ARMH. Organizacións políticas: Sumar, BNG, Marea Atlántica,
Unión Republicana, PCG, Verdes-Equo, Sada Maioría, Alternativa dos Veciños, Corrente
Vermella, Podemos, Anova. Sindicatos: CIG, UGT, CCOO, CUT, CNT, CGT. Asociacións
Veciñais: Federación de Asociacións Veciñais da comarca da Coruña, Agra do Orzán, Monte Alto,
Palavea, Eirís, Labañou, San Cristobal das Viñas-Birloque, Feans, Gaiteira-Os Castros, Castrillón-
Urbanización Soto. Asociacións Culturais e outras entidades: Alexandre Bóveda, O Facho,
Gomes Gaioso, Irmáns Suárez Picallo de Sada, Eira Vella de Betanzos. Campo de Pena de Palavea,
Vieiros das Mariñas, Roxín Roxal de Paderne. Manchea, Plataforma en Defensa da Ría de Sada-
Betanzos, Acampa, Forum Propolis, Vangarda Obreira, Irmandade Moncho Valcarce, Asociación
para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Ergosfera, Ecoloxistas en Acción, Proxecto Cárcere, Hábitat
Social, Galiza Nova, Xuventudes Socialistas, Xuventudes Comunistas de Galicia, Erguer, Sindicato
de Estudantes, A Mesa pola Normalización Lingüística, Asociación Socio-Pedagóxica Galega,
Asociación de Escritores en Lingua Galega, Amigos dos Museos de Galicia, Colectivo das Pedras
Galladas de Culleredo, Cultura Aberta de Carral, Amnistía Internacional, Instituto José Cornide de
Estudos Coruñeses

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *