Francisco Pillado Maior (Republicano de Honra 2017)
Francisco Pillado Mayor, coñecido como “Pancho” Pillado para as súas persoas achegadas, naceu na Coruña en 1941, e foi un grande impulsor e estudoso do teatro galego, activista cultural, escritor, investigador, tradutor e editor, así como director teatral e docente. A música foi, porén, como el mesmo recoñecía, a súa gran paixón e vocación, sendo el un notable pianista. O seu pai foi o xornalista Francisco Pillado Rivadulla (1918-1989), director do xornal La Voz de Galicia entre os anos 1968 e 1977, e o seu bisavó foi o pianista e compositor coruñés Francisco Pillado Villamil (1856-1926).
Pancho cursou o bacharelato na Academia Galicia, e desa etapa formativa lembraría con especial agarimo a docencia e influencia do profesor Miguel González Garcés, así como que foi durante os seus estudos nese centro cando coñeceu á que logo sería a súa compañeira de vida, Noli Vega, pero tamén a amizade forxada con Manuel Lourenzo, co que formou o que sería un tándem fundamental para as artes escénicas galegas.
Pancho Pillado na Real Academia Galega
Francisco Pillado e Manuel Lourenzo foron os impulsores do grupo de teatro da Agrupación Cultural O Facho, que se presentou publicamente en agosto do ano 1965, cun espectáculo que constaba de dúas partes. Francisco dirixira a primeira, que consistía na escenificación de textos de Luís Pimentel e Castelao, mentres que a segunda parte era unha representación da obra O cabalo do cabaleiro, de Carlos Muñiz, traducida e dirixida por Lourenzo. Este grupo teatral foi un dos pioneiros en representar obras en galego, tanto de autores galegos como internacionais.
Pillado axiña comezou a desenvolver o seu labor divulgativo cultural tanto na prensa escrita, na que colaborou en medios como La Voz de Galicia, A Nosa Terra ou O Correo Galego; como na radio, dirixindo «A escena e a pantalla», un espazo sobre cinema e teatro, en Radio Coruña EAJ-41, e desenvolvendo crítica literaria en Radio Nacional. Ademais, traballou como xornalista no gabinete de prensa dunha refinería de petróleos.
O seu interese e labor como escritor e investigador a prol da cultura galega reflectiuse na súa participación en volumes como Textos para o ensino do galego, no ano 1976, un volume elaborado xunto a Maruxa Barrio, Xoán Cejudo, Henrique Harguindey e Xulia Tarrío Pillado, e publicado en Edicións Rueiro, editorial que botara a andar no ano 1975 e que tamén publicou en 1979 Xeografía descriptiva de Galicia, un volume colectivo no que participou Pillado canda a Maruxa Barrio, Henrique Harguindey e Ánxel Iglesias.
Nos comezos do grupo de teatro da Agrupación Cultural O Facho, Pillado e Lourenzo descoñecían unha gran parte da historia do teatro galego e foi Leando Carré Alvarellos quen lles abriu os ollos á tradición previa, que lles fora arrebatada pola invisibilización e a censura da cultura galega, especialmente en relación ao xénero dramático. Ese foi, como lembraba Pillado Mayor, un acicate definitivo para comezar a investigar na historia do teatro galego
, que os levou a traballar para a creación da, ata entón, practicamente inexistente historiografía do teatro galego, e tamén para a promoción no eido editorial e na propia escena dos textos teatrais en galego.
Pillado e Lourenzo foron os autores de libros fundamentais para a bibliografía das artes escénicas galegas: O teatro galego, publicado no ano 1979, e Antoloxía do teatro galego, publicado no ano 1982; os dous en Ediciós do Castro; así como do Dicionário do teatro galego (1671-1985), publicado no ano 1987 na editorial Sotelo Blanco, na colección Biblioteca do Arlequín; textos que serviron de semente para moitos traballos posteriores. Ese ano Francisco Pillado Mayor asumiu a dirección da colección Biblioteca do Arlequín, que arrincou a partir da publicación do Dicionario.
Francisco Pillado no Memorial Xérmolos de homenaxe ás vítimas do franquismo
Pillado Mayor estivo entre as persoas impulsoras da fundación da Escola Dramática Galega, proxecto pioneiro no desenvolvemento do sector teatral galego, no ano 1978, da que foi presidente da súa Xunta Rectora e na que se encargou do seu departamento de Estudos Teatrais, dirixindo dende el os Cadernos da Escola Dramática Galega, que serviron de berce editorial para numerosos dramaturgos e dramaturgas galegas, tanto consolidados como novos nomes, así como de pezas do teatro universal e mesmo traballos ensaísticos e manuais arredor de diferentes aspectos da arte escénica en galego. Estas publicacións non só serviron de pulo a moitas autoras e autores, senón que tamén potenciaron a produción de textos teatrais breves e serviron de elemento de difusión da literatura dramática galega, así como de material dramatúrxico para moitos grupos teatrais. Este labor supúxolle varios recoñecementos, ademais da propia boa acollida que tiñan os cadernos: no ano 1989 obtivo o Premio da Crítica e no ano 1993 recibiu o Premio Compostela de Honra por estas publicacións.
A súa vontade investigadora e divulgativa levouno tamén a impartir clases, obradoiros e conferencias arredor da historia do teatro galego, algo que se vinculaba coa súa vocación docente. Francisco decidira estudar Maxisterio, na Escola de Maxisterio da Coruña, coa intención de exercer algún día como mestre rural, unha profesión que el confesaba que tiña por aquel entón moi idealizada
. Ao rematar esa carreira, cursou os estudos de Graduado Social e, grazas ao seu bo expediente, foille ofrecida a posibilidade de incorporarse ao cadro de profesores do centro, cargo que aceptou, traballando no Seminario de Estudos Sociais Ramón da Sagra (actualmente a Escola de Relacións Laborais da Coruña) como docente dende comezos dos anos 80 ata o ano 1992, en que deixou o posto para poder centrarse na dirección da editorial Laiovento, que fundara en decembro de 1991 xunto a Xosé Manuel Beiras, Pepe Carreiro, Xesús Couceiro, Manuel González Millares e Afonso Ribas, e da que foi director ata o ano 2014. Esta foi dende os seus inicios unha editorial especializada no xénero ensaístico pero moi comprometida coa publicación de textos teatrais, na que Pillado impulsou a súa colección de teatro. Nesta liña, foi o coordinador de volumes como Banqueiros, que levou o premio da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega na modalidade de teatro no ano 2013.
Promoveu ademais outros proxectos culturais como a creación da sala Luís Seoane, no ano 1980, na que foi director dos cadernos dos espectáculos, ou Elsinor Teatro, en 1990, na que asumiu tamén a dirección editorial. Ese ano fundou o Grupo de Teatro de Alunos da Escola de Estudos Sociais da Coruña, que fixo a súa presentación pública coa representación da peza Panchiño, do dramaturgo arxentino Osvaldo Dragún. Pillado Mayor tamén asumiu a dirección dos nove primeiros números de Casahamlet: Revista de teatro, que naceu no ano 1999 ao abeiro do estudo e compañía de teatro Casahamlet, unha iniciativa impulsada por Manuel Lourenzo e Santiago Fernández.
Ademais dos volumes sobre a historia e realidade do teatro galego no seu global xa mencionados, elaborados en coautoría con Lourenzo, tamén abrangueu en solitario a obra de autores como Lugrís Freire, no libro O teatro de Manuel Lugrís Freire, publicado en Ediciós do Castro no ano 1991, que incluía unha análise da súa obra dramática, precedida por unha breve historia do teatro galego e que incluía varias pezas do autor nado en Sada; no número dedicado a este nos cadernos A pinguela, de teatro escolar, publicados por Edicións Fervenza, no ano 2006; ou no libro Na outra banda da ponte (Materiais para un espectáculo didáctico sobre Manuel Lugrís Freire), publicado pola Deputación da Coruña e Casahamlet, tamén no ano 2006, unha obra de teatro de Pillado Mayor na que facía un repaso pola biografía do xornalista, dramaturgo e escritor sadense. Foi tamén o autor do traballo Cinco aspectos do teatro galego, no ano 1992, publicado mediante a colaboración entre El Correo Gallego e a Xunta de Galicia.
Outro labor divulgativo importante foi o que fixo da figura e da obra de Manuel Varela Buxán, tanto en artigos xornalísticos como nunha conferencia que impartiu convidado pola Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela; no monográfico sobre a Compañía Galega de Teatro Maruxa Villanueva, nos Cadernos da Escola Dramática Galega; ou na súa participación no libro colectivo Manuel Varela Buxán. O patriarca do teatro galego, coordinado por Xosé Luna Sanmartín.
Pillado lembraba como a asistencia á representación da obra O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca, no ano 1959, a cargo do Teatro de Cámara da ACI, fora tamén un grande estímulo para logo Lourenzo e mais el crearen o grupo de teatro da Agrupación Cultural O Facho. Bastantes anos despois, os dous afondaron na obra do autor mindoniense para elaborar a Guía das obras dramáticas de Álvaro Cunqueiro, editada pola Deputación da Coruña no ano 2006.
Aínda que el non se consideraba tradutor, Pillado Mayor exerceu un importantísimo labor como tradutor, ademais de como dramaturgo, na elaboración de numerosas adaptacións propias de textos teatrais procedentes doutras linguas ao galego, como Dúas farsas: A doncela, o mariñeiro e mais o estudante e O paseo de Buster Keaton, de Federico García Lorca, que publicou nos Cadernos da Escola Dramática Galega, no ano 1978; O irlandés astrólogo, de Luís Seoane, escrita orixinalmente en castelán e adaptada por Pillado ao galego (Ediciós do Castro, 1980); Catro pezas de A. Chékhov (Castrodouro, 1982); A boda de Esganarello, unha versión libre en galego da peza Le mariage forcé, de Molière, que foi posta en escena pola Escola Dramática Galega e que saíu publicada en 1982 na editorial Castrelos; Maxia vermella, de Michel de Ghelderode, no ano 1985, publicada na editorial Libros de Teatro Don Satúrio; As tres irmás (drama en catro actos), de Anton Chekhov, en 1987, tamén na editorial Libros de Teatro Don Satúrio, estreada polo Centro Dramático Galego nese mesmo ano; Fígaro ou a inútil precaución, unha adaptación d’O barbeiro de Sevilla, de Beaumarchais, publicada na editorial Espiral Maior, no ano 2003, que fora posta en escena pola compañía Librescena no ano 1997; ou Cyrano de Bergerac, nunha tradución e adaptación da obra homónima de Edmond Rostand realizada en colaboración con Paulino Pereiro e publicada en 1999 en Baía Edicións. Esa versión de cámara foi levada á escena pola compañía Librescena, baixo a dirección de X.M. Rabón no ano 1999 e, posteriormente, Teatro Galileo tamén fixo unha montaxe a partir da tradución de Pillado, no ano 2016.
Paulino Pereiro xa colaborara con el anteriormente, musicando en 1991 unha versión que el fixera de Máxia vermella, de Michel de Ghelderode, diferente á publicada na editorial Libros de Teatro Don Satúrio, que levaba por título As gargalladas do espectro e que dirixira Fernando Morán coa compañía Maxia vermella. A súa tradución da peza A lección, de Eugène Ionesco, que saíra publicado como A lición, nos Cadernos da Escola Dramática Galega, no ano 1991, foi publicada de novo no ano 2002 por Laiovento, xunto á tradución ao galego de Henrique Harguindey do texto A cantante calva.
Outras pezas das que fixo versión en galego e que se representaron foron A máis forte, de August Strindberg, que dirixiu Carlos Clemente para o grupo de teatro Danthea, no ano 1985; Os cravos de prata, de Nicolas Bela, que estreara o grupo de teatro da Agrupación O Facho no ano 1986 e que foi publicada no ano 1990 por Sotelo Blanco; Pedro e o capitán, de Mario Benedetti, levada á escena por Fernando Morán no ano 1993, coa organización de Amnistía Internacional da Coruña, e que foi publicado no ano 2003 na colección Os libros do CDG, editada pola Xunta de Galicia e Edicións Xerais; A esperar por Godot, de Samuel Beckett, que foi montada pola compañía Luís Seoane no ano 1982 baixo a dirección de Xosé Manuel Rabón, e por Teatro Galileo no ano 1999, e que foi publicada en Laiovento en 2003 baixo o título Á espera de Godot; ou A porta pechada, de Jean-Paul Sartre, montada por Andrómena Teatro no ano 2006.
En colaboración con Miguel Anxo Fernán-Vello elaborou varios libros de conversas, como Conversas en Compostela con Carvalho Calero (Sotelo Blanco Edicións, 1986), A nación incesante: Conversas con Xosé Manuel Beiras (publicado orixinalmente no ano 1989 na editorial Sotelo Blanco e, posteriormente, no ano 2000, en Laiovento), e A estrela na palabra: Novas conversas con Xosé Manuel Beiras (Laiovento, 2004). Mediante este mesmo xénero, Xosé Luna Sanmartín desenvolveu no ano 2007 unhas conversas co propio Francisco Pillado Mayor (No pazo de Laiovento: Conversas con Francisco Pillado Mayor), que permiten coñecer de primeira man a súa vida, a súa obra e tamén as súas inquedanzas e pensamentos. Outros libros que permiten afondar na súa figura e pensamento son Camiño sen retorno, escrito por Pillado Mayor e publicado en Laiovento no ano 2014; ou No país da irmandade: homenaxe a Francisco Pillado Mayor, publicado pola Deputación da Coruña no ano 2007.
Ademais de participar en moitos máis volumes colectivos, como A nosa literatura: Unha interpretación para hoxe (II), na colección Alexandre Bóveda de Edicións Xistral, no ano 1985; Rafael Dieste. Un creador total, publicado na editorial Galaxia, en 1995; foi editor e coordinador de moitos outros volumes noutras editoriais alén das mencionadas, como a antoloxía A poesía e o teatro interseculares, editado xunto a Xosé Ramón Freixeiro Mato e publicado por Edicións A Nosa Terra en colaboración coa Asociación Socio-Pedagoxica Galega (AS-PG), no ano 1996; ou o libro Os aforismos do riso futurista. Autores galegos polo aforismo, que coordinou xunto a Xavier Seoane e que foi publicado en Edicións Xerais no ano 2017.
No ano 1996 doou a súa biblioteca e arquivo de teatro á Universidade da Coruña, que pasou a denominarse Biblioteca-Arquivo de Teatro Francisco Pillado Mayor
, dende a que tamén desenvolveu un importante labor editorial. Ese mesmo ano cedeu á Facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela a biblioteca que herdara do seu pai.
Alén dos recoñecementos que obtivo polos proxectos dirixidos ao longo da súa traxectoria, tamén recibiu outras homenaxes polo seu compromiso social e cultural: no ano 2006 levou o Premio San Martiño de Normalización Lingüística da Asociación Cultural O Brado, da Estrada; no ano 2012 a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia concedeulle o seu Premio Abrente de Honra, polo seu traballo incansable a prol da cultura e, especialmente, do teatro galego; o Premio Ibán Toxeiro da A. C. Alexandre Bóveda recaeu nel no XVIII Memorial Ibán Toxeiro do ano 2014, pola súa dedicación ao teatro; e en 2017 foi galardoado como Republicano de Honra 2017 pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña en recoñecemento á defensa dos valores republicanos e demócratas que fixera durante toda a súa vida.
Fonte: Consello da Cultura Galega