Iniciativas sociais e políticas sobre memoria

Galiza súmase de novo á loita contra a impunidade dos crimes do franquismo

Preséntase unha nova querela ante os Xulgados de Vigo polos crimes contra a humanidade cometidos durante a Ditadura franquista

  • No contexto da campaña de denuncia de 50 anos de impunidade Jesús Vázquez González e Francisco Domingo García Montes presentan unha nova querela nos Xulgados de Vigo contra os autores das torturas sufridas en xullo de 1976.
  • Súmanse ás máis de 115 querelas presentadas no conxunto do Estado español esixindo a investigación xudicial dos crimes contra a humanidade cometidos durante a ditadura franquista e denunciando a inacción do poderes do Estado para reverter esta situación.
  • Fai tan só uns meses, o Comité de Dereitos Humanos das Nacións Unidas reiterou ao Estado español a obriga de adoptar as medidas necesarias para garantir a non aplicación da amnistía nin a prescrición das graves violacións de dereitos humanos cometidas durante a ditadura franquista.
  • As entidades memorialistas e de dereitos humanos seguiremos loitando para romper o muro de impunidade e que teña lugar a investigación e axuizamento dos crimes contra a humanidade cometidos durante o franquismo.

No día de hoxe, Jesús Vázquez González e Francisco Domingo García Montes formularon ante os Xulgados de Instrución de Vigo unha nova querela contra os autores e responsables das torturas sufridas nun contexto de crimes contra a humanidade, tras a detención de ambos os querelantes o 8 de xullo de 1976 na cafetería Reca 2.

O motivo da detención de ambos os dous querelantes e as torturas sufridas na Comisaría de Vigo foi pola súa militancia política e sindical na Unión do Povo Galego (UPG) nunha época de brutal represión e persecución xeneralizada do réxime ditatorial franquista contra os movementos sociais, políticos e sindicais considerados contrarios ao réxime tanto en Galiza como en todo o territorio español.

Jesús Vázquez González e Francisco Domingo García Montes estiveron 5 días totalmente incomunicados nas dependencias da Comisaría de Vigo sita en Rúa Luis Taboada, onde foron sometidos, como xa referimos, a torturas de forma continua.

O 13 de xullo de 1976 foron postos a disposición xudicial e ingresaron na antiga prisión sita en Rúa Príncipe (actual museo MARCO), pasando os primeiros días en réxime de isolamento penitenciario e, posteriormente, na galería 3 de presos políticos.

Ambos os querelantes formulan querela contra 12 axentes membros da Sección Local de Investigación Social da Comisaría do CXP de Vigo e 2 axentes do servizo de información da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra.

Esta querela súmase ás máis de 115 querelas presentadas ante os tribunais españois no conxunto do Estado por persoas que, no exercicio do seu dereito á verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición, demandan a investigación e axuizamento dos crimes contra a humanidade cometidos pola ditadura franquista.

Cómpre destacar que no mes de xullo deste ano, o Comité de Dereitos Humanos de Nacións Unidas lamentou profundamente que estes procedementos contra os presuntos responsábeis de violacións graves de dereitos humanos non dean lugar a ningunha actuación penal efectiva.

Ademais, no referido informe, o Comité insta ao Estado español a “adoptar todas las medidas legislativas y de otra índole necesaria para garantizar que no se aplique ni la amnistía ni la prescripción a las graves violaciones de derechos humanos durante la Guerra Civil y la dictadura franquista, y que está prohibición se cumplan escrupulosamente en la práctica”.

A pesar dos diferentes chamamentos de Nacións Unidas, do impulso das entidades memorialistas e de dereitos humanos e da cidadanía, os xulgados do Estado español invocan a Lei de Amnistía, a prescrición dos delitos e o principio de legalidade, como principais motivos para impedir a investigación e o axuizamento destes crimes, habéndose declarado mesmo polo Tribunal Constitucional que a vixente lei de Memoria Democrática non habilita para investigar os crimes franquistas. A día de hoxe nin o Goberno nin os grupos parlamentarios impulsan cambios lexislativos necesarios para pór fin ás políticas de impunidade do Estado español.

Por iso nos cincuenta anos da morte do ditador, conmemorando os asasinatos polo réxime fascista de  Xosé Ramón -Moncho- Reboiras, de Ángel Otaegi, de Juan Paredes -Txiki-, de Ramón García, de Xosé Humberto Baena e de José Luis Sánchez Bravo, debemos seguir denunciando os 50 años de impunidade mantidos polo Estado español. Continuaremos desde CEAQUA demandando xustiza para todas aquelas persoas e familiares que sufriron os crimes franquistas.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *