Actualidade

Homenaxe a Manolito Bello

Na mañá de hoxe, e convocados polo PCG e a CRMH da Coruña, celebramos un acto de homenaxe no cemiterio de Oza a Manolito Bello. Conmemoramos así o 80 aniversario do seu asasinato polo réxime franquista.

Neste acto interviu en nome da nosa asociación a directiva da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, Beatriz Gómez Amigo.

Deixamos a continuación deixamos a intervención completa de Beatriz e unha galeria de imaxes do acto de homenaxe a Manuel Bello Parga:

Manuel Luis Bello Parga, coñecido como Manolito Bello e, na clandestinidade, como Luis Seijo Freire, naceu na Coruña en 1925.


Militante do Partido Comunista de España desde moi novo. Foi detido en maio de 1945, con José Blanco Núñez, José Soto Pombo e Francisco Cousillas Pombo, por impresión e distribución de material subversivo. Despois de pasar pola cadea da Coruña, saiu en xaneiro de 1946 e fuxiu ao monte, e evitar así volver caer preso, pouco despois de saír en liberdade provisoria, e uniuse ao Exército Guerrilleiro de Galicia, á IV Agrupación , no Destacamento Líster. Pouco despois pasou á partida La Marina.


Colaborou no axustizamento do falanxista de Cambre, Manuel Doval Lemat.


Participou o 19 de maio no intento de sabotaxe contra unha emisora de Radio Nacional de España e veuse implicado na morte do xornalista do El Ideal Gallego, Arcadio Vilela Gárate, coñecido membro de Caballeros de La Coruña. Rodeado todo o centro da cidade, con policía e Garda Civil, seus compañeiros conseguiron fuxir polos tellados das casas de Rubine. Mais, Manuel Bello caeu prisioneiro. Torturado cruelmente no cuartel da Garda Civil e na prisión, foi sometido á consello de guerra e condenado á garrote vil. Foi executado na Prisión Provincial da Coruña o 11 de xullo de 1946.
Cada pouco, unha estrela de cinco puntas aparecía no cemiterio de Sta. María de Oza, onde foi sepultado. Converteuse nun heroe para a resistencia anti franquista comunista e un dos destacamentos da IV Agrupación guerrilleira levou seu nome.

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña acode, convidada polo PCE, a este acto, tan necesario para non esquecer a historia da loita guerrilleira contra o franquismo, e céntrase por suposto en Manuel Bello Parga, mais tamén na súa familia, nos seus amigos e nos seus camaradas de loita do PCE.
A ley 20 do 19 de outubro do 2022 de Memoria Democrática fala, no artigo 3, do concepto de víctima, e concreta a quen considérase tal.


No punto 1: …“aos afectados pola represión mesma, así como a quen prestou apoio activo como colaboradores, en defensa da República e súa resistencia ao réxime franquista, en pro da recuperación da democracia”.


No punto 3, di que as “víctimas son tamén as familias”, neste caso, a familia de Manolito Bello e de súa noiva, Carmiña Sousa, xa falecida. Acompáñanos, como todos os anos, Pilar, irmán de Carmiña, que contaba 12 anos cando era Manuel o mozo de súa irmá Carmen. Así como as familia Parga e Bello.


Esquecer é o maior dano que podemoslle facer ás persoas, cando xa non están; e recuperar súa memoria é mantelas vivas, entre nós.


Recuperamos pois a Memoria das Víctimas, e facemos historia dos tempos de Manolito Bello; foron anos en que a dureza dunha dictadura cruel provocou unha moi boa relación entre os camaradas comunistas e os confederados, na IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia, de base comunista, e concretamente na Coruña e comarca, ámbito espacial no que nos movemos nesta asociación memorialista, dende van xa 20 anos.


No tempo da República, case en cada barrio desta cidade, podíase desfrutar dun modesto centro cultural, un ateneo de carácter confederal. Nel avanzou o pensamento anarquista, mais foi especialmente un centro de reunión, unha base que aportou cultura e coñecemento político e sindical ao conxunto da sociedade operaria. Foi importante para afrontar o que, despois do 18 de xullo do 36, ía supor a este País, a loita contra a salvaxe ditadura fascista. E en parte ese ambiente de camaradería colaborou para a conformación das guerrillas, e máis concretamente da guerrilla galega do chan, para lle facer fronte nese tempo de loita, que o réxime tentaba agochar.


Despois dun primeiro intre de fuxida, a guerrilla botou a andar; e veteranos e rapaciños como Manuel Bello Parga, despois de pasar polas torturas de mediados do 45 na comisaría da policía, organizáronse co comunista Avelino Rivas Pombo, cormelán da Coruña, o antes mozo libertario, co veterano José Pedreira de la Iglesia, dos “Queimarán” de S. Roque de Afora, o mozo tamén antes anarquista, co xoven libertario, “Moncho”, Francisco Rey Balbís, de Bergondo, e comunista, despois de pasar pola cadea da Coruña. E o tamén ex-preso coruñés José Santiago Temprano, parece que relacionado co tamén ex- confederal Andrés Cousilla Pombo.


Hai pois unha relación entre anarquistas e comunistas, nos arredores dos anos 45-46. É unha etapa fundamental no movemento guerrilleiro, tanto no monte como no chan, no tempo en que chegou a esta cidade José Gómez Gaioso e Antonio Seoane Sánchez, e fíxose cargo da IV Agrupación guerrilleira “Marrofer”, Marcelino Rodríguez Fernández.


Naquel intre, e despois ao redor de “Moncho”, vanse producir diversas incorporacións de simpatizantes libertarios nos destacamentos da IV Agrupación, artellados polo PCE.


E todo este movemento libertario- comunista ten un punto de relación cos arrabaldes da cidade, concretamente co barrio da Silva, que sofrira na década dos 30 as terribles consecuencias de súa militancia maioritaria no sindicalismo anarquista. Mais tamén nos arrabaldos das Atochas e Montealto, …
Nos anos 45-46 Pedreira poido contar co apoio dos confederados, entre outros, cos irmáns Seijas, o enlace e barbeiro da Silva, Manuel Zapata Varela; o pintor Amador Bermúdez Canosa, do Ventorrillo…


Lembraba Francisca, a muller de Antolín Montes Babío, que Pedreira contactou co fillo de Manuel Montes, do Despertar Marítimo, quen logo foi “paseado”, quen tantas vidas salvou, comunistas, anarquistas, socialistas, galeguistas, republicanos, de todos os matices, desaparecido do seu fogar ao igual que seu fillo Carlos.


Antolín e Francisca eran amigos de Manolito e de súa noiva Carmiña Sousa, xa de cativos. Sabían ben, as dúas parellas, da loita contra o monstruo do franquismo, e os dous mozos compartían inquedanzas e ideais por vivir nun mundo mellor.


Hai outra circunstancia que une tamén a ambas militancias, que é a caía do movemento guerrilleiro anarquista galego, coincidente case coetaneamente coa caída dunha boa parte da guerrilla comunista galega, os dous nas cidades, os dous no ano 1946- 47.


Un grande “arsenal” de armas conservábase neste cidade, que viña sendo un fusil, 3 pistolas, varias outras armas curtas… e unha perigosa Minerva para imprimir propaganda e información. Todo un arsenal para facerlle fronte a un Estado nazi-fascista en mans de militares e falanxistas!!!.
Contaban os guerrilleiros con que, caídos o nazismo e o fascismo, logo as potencias aliadas europeas e os EUA porían todo o interés en conseguir unha España sen Franco; pero entraba Europa na etapa post- Segunda Guerra Mundial, e Franco era o anti comunista que precisaban para enfrontarse ao réxime soviético.


Así, sofrimos a ditadura ata hai agora 50 anos, e sofrimos o franquismo sen Franco ata ben entrada a década dos 80.


Hoxe deixan ver a “patiña” os herdeiros desa sanguenta ditadura, a Dereita que añora voltar, no mellor dos casos, a etapa da mal chamada Transición pacífica, a de AP, de Manuel Fraga; no peor, á ditadura en mans agora de poderes ocultos que non se presentan as elecións, senon que dende os medios de comunicación, dende a xudicatura, pretenden que calemos, que fagamos “borrón e conta nova”…
Aos dous movementos políticos, anarquistas e comunistas, úneos tamén cruelmente a macro causa que leva a centos de homes á cadea, despois da conseguinte toma de declaración, coa variedade de torturas que profesionalizou o Estado terrorista.


Qué o exemplo dos mártires mantéñase sempre na nosa memoria!!!
Qué sexa exemplo de loita para os nosos mozos e nosas mozas!!!

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *