Homenaxe aos fusilados do Portiño

Despois do levantamento militar do 18 de xullo de 1936 moitas persoas tiveron que pasar á clandestinidade para evitar ser asasinadas. Neste ambiente de terror, o 3 de marzo de 1937, preto de cen persoas tentaron fuxir en dous barcos desde o peirao do Portiño. A fuxida foi abortada pola Garda Civil e unha compañía de artillaría das baterías de costas, que estaban esperando e vixiando a zona, e descargaron os seus fusís de morte sobre os reunidos.

Segundo as actas do Consello de Guerra 362/37 foron detidas 28 persoas e 15 declaradas en paradeiro descoñecido. Este Consello ditaba sentenza o 5 de xuño de 1937 e 15 homes foron condenados a morte, 10 a cadea perpetua e 2 a 15 anos de prisión. Tres meses despois foron sacados da prisión provincial da Coruña e fusilados en Punta Herminia.

Coincidindo co 70º aniversario do intento de fuxida do Portiño, realizamos un acto de homenaxe o 9 de marzo de 2007 coa intervención de Eliseo Fernández, Serafín Mourelle, Xurxo Souto e Manuel Rivas, e unha ofrenda floral no peirao.

O 12 de abril de 2008 e cunha asistencia de máis de 500 persoas  inaugurabamos o monumento ás vítimas do Portiño, obra do escultor Pepe Galán. Houbo música, interpretada por Os Gaiteiriños e por Xosé Taboada. En nome das familias das vítimas falaron Maruja Seijas e Xesús Dopico. En representación do Goberno Municipal estaban María Xosé Bravo e Esteban Lareo. Contamos coa colaboración musical de Os Gaiteiriños e Xosé Taboa. No monumento hai unha placa con estes versos de Carlos Pazos:

Camiñantes!

Ollade o ceo!

Ulide o mar!

Sentide o vento!

Non esquezades a quen morreu pola liberdade!

O presidente da CRMH, Manuel Monge, dicía na súa intervención:

As forzas represoras franquistas abortaron un intento de fuga, o camiño á liberdade. Hoxe, coa inauguración deste monumento, retomamos ese camiño e renovamos o noso compromiso coa democracia e a liberdade. Lembramos a moitas persoas que, como Manuel Montes e o seu fillo Carlos Montes, deron a súa vida por organizar a resistencia ao fascismo ou preparar outras fugas. É unha homenaxe unitaria a republicanos, anarquistas, socialistas, comunistas e nacionalistas; a quen durante a longa noite de pedra da Ditadura e posteriormente, xa en democracia, durante trinta anos de silenzo, loitaron para que houbese por parte dos poderes públicos unha condena explícita do franquismo e puidésemos honrar a memoria de todos os que sufriron inxustizas e agravios por motivos políticos ou ideolóxicos, padeceron prisión, deportación, confiscación dos seus bens, traballos forzosos, internamento en campos de concentración ou tiveron que exiliarse. Esta homenaxe é, xa que logo, unha cuestión de xustiza.

Realizamos unha ofrenda floral no peirao, escoitáronse as sereas –lembrando o que fixeran os barcos coruñeses o 18 de xullo de 1936 para avisar á poboación do levantamento militar fascista contra a República– e rematou o acto cunha intervención do escritor e socio da CRMH, Manuel Rivas.

O 11 de marzo de 2008, a CRMH da Coruña presentaba na Casa Museo Casares Quiroga “A Gaceta do Portiño”, unha publicación na que se fai unha homenaxe, co motivo de terse cumprido o pasado día 3 de marzo o 71 aniversario, ao intento de fuga do Portiño de case cen persoas á zona republicana, co resultado de 19 mortos e bastantes encadeados.

En novembro de 2020 presentabase Luz e dignidade. O monumento de Pepe Galán aos Mortos do Portiño, A Coruña’.

Trátase dunha publicación que conxuga arte e historia, nunha edición promovida pola Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMHaC)

Unha inmersión sinxela a un monumento e a memoria histórica, mediante imaxes e textos onde o escultor Pepe Galán desvela, entre outras, as chaves simbólicas e artísticas da obra, ademais da palabra de Fernando Souto (presidente da CRMHaC), a investigación da fuxida do Portiño de Eliseo Fernández, a análise poética de Xavier Seoane e o estudo teórico-científico de John Thompson. O encaixe do libro correspóndelle ao deseñador Pepe Barro.

Fotos da publicación: Pablo Anllo e Amador Iravedra.

Partillar