Intervención da CRMH da Coruña na homenaxe a Xosé Gómez Gayoso e Antonio Seoane organizado hoxe polo PCG no cemiterio civil
Beatriz Gómez amigo participou no día de hoxe en representación da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, no acto de homenaxe a quen fora secretario xeral do Partido Comunista de España en Galicia, Gómez Gayoso e ao Xefe do Exercito Guerrilleiro de Galicia Antonio Seoane, executados ambos en 1948. Deixamos a continuación a intervención da nosa directiva, Beatriz Gómez:
BÓ DÍA. MOITAS GRAZAS POR NOS CONVIDAR. A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña cumple xa os 20 anos de nacemento.
Con vós, companheir@s, pretendemos restaurar a memoria das vítimas. Un traballo conxunto. Aproveito para mandarlles un saúdo ás amigas Gema e Iria, aínda que ao lonxe, colaboradoras da xunta diretiva da Comisión.
A voz dos fusilados pola represión franquista foi silenciada co asasinato, aquel 6 de novembro de 1948, duns dos moitos loitadores que sofreron a terrible ditadura. Foron un pilar fundamental no tempo que lles tocou dirixir o Partido Comunista en Galicia e o Exército Guerrilleiro de Galicia-León. A ditadura tentou acalar os berros, sen saber que o seu exemplo de vida podería espallarse e manterse no tempo. Mais a día de hoxe as foxas e as cunetas seguen supurando sangue de XUSTIZA.
Non teño moi claro que o Estado se esforce moitísimo en facer cumplir o dereito á MEMORIA e garantir seu cumprimento, xa que van dous anos da lei de memoria democrática, e botamos de menos os cambios anunciados, a apertura de foxas, e máis concretamente a deste cemiterio, da que Rubem Centeno axiña daranos conta, e moitos outros puntos da LEI que están por cumplir.
E tampouco mellora nesa idea pesimista a “ocurrencia” estatal da semana, de levarse para Madrid os fondos do Arquivo Intermedio Militar do Noroeste, con sede en Ferrol, e onde se gárdan, entre moitas outras, a sentencia 370/48 de Gaioso, Seoane, María, Fina, amáis de sete mulleres e homes xulgados no cuartel de Intendencia desta cidade.
A lentidude no cumplimento da lei ten moito a ver co franquismo sociolóxico que padecemos. Estamos en tempos complexos. E lembro unhas verbas de Marx que falan de que a historia sempre se repite, como traxedia e como farsa; hoxe temos unha crecente ultradereita, a nível mundial e a nível do estado español. Grazas que os seus líderes son ben pouco avezados, polo de agora…, pero con moito poder económico e nos “medios”; e unha crise forte poiderase convertir nunha terrible traxedia, dependendo de quen utilice a mentira , que é o mellor que saben facer.
Quixera destacar a figura das mulleres, as guerrilleiras do chan, en contraposición coas do monte. A memoria das mulleres sempre ocupou un lugar secundario no movemento guerrilleiro. E non pode ocupar un lugar secundario no movemento memorialista. Tanto María Blázquez del Pino, como Josefina González Cudeiro foron duas mulleres comunistas, companheiras de Gaioso e de Seoane.
A sua historia está ligada á dos seus camaradas de loita. Sofriron as torturas, e logo foron sentenciadas á 30 anos de cadea, despois de perder seus companheiros. Comezaron seu éxodo carcelario na cadea provincial desta cidade.
Fina coñece a Seoane en Madrid, no 44, onde trasladárase para fuxir de Galiza, toda ela unha cárcere, e despois de ter padecido toda sua familia a represión. Tempo no que chega tamén á capital Xosé Gómez Gaioso, e coñece a sua companheira María. María, embarazada, acompaña a Xosé G.G. ao piso de Antón
Seoane. Onde recibios a policía cun tiro no estómago, á María, e a Gaioso con outro, que vacíalle un ollo.
Entrevistando á Manuel Pillado Rivadulla, subdirector de La voz de Galicia no 1963, fálame do piso que tiña alugado Antón. Sua familia vivía moi pertiño de alí. A proprietaria era Matilde Vela, diretora da “Asociación de Mujeres al Servicio de España”, onde, no tempo da guerra civil, outras mulleres confecionaban roupa para a tropa franquista. Antón alugou precisamente ese piso, na rúa Real, para protexerse da represión na casa dunha militante do Réxime.
O encarceramento dos catro comunistas, e sete homes e mulleres máis, supuxo unha grande desfeita para a guerrilla galaico leonesa, e un cambio de estratexia do PCE, mais non así o remate da loita. Uns fuxiron cara o exilio, e outros continuaron enfrentándose á represión da garda civil, do Exército, das contrapartidas, ás delacións, ás caídas dos guerrilleir@s e dos enlaces…
Cinco anos despois da morte por fusilamento no Campo da Rata, recíbese en Bós Aires a carta que redataron na cadea Xosé a Antón, antes de ser asasinados. E dela recollo estas verbas: “…hemos caído en la lucha, en esa trinchera en la cual, antes de nosotros, cayeron cientos de camaradas. La lucha exige sacrificios,
porque sin ellos no se conquista la libertad…”
As loitas seguímolas mantendo hoxe; unha delas lévase a cabo nos xulgados, como a sentencia do día 7 deste novembro; nela os Franco perden a propriedade de máis de 550 pezas do Pazo de Meirás, unha das teimas que nos representa como entidade de memoria, así como a noso presidente, Carlos Babío.
Pero tamén a loita debe continuar na rúa, onde o Partido Comunista de Galicia consegue hoxe de novo recuperar á memoria dos mártires do franquismo. MOITAS GRAZAS