20 aniversario da CRMH da Coruña

Intervención do presidente da CRMH con motivo da inauguración do Memorial ás vítimas do franquismo

A alocución de Manuel Monge, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, realizouse o 19 de decembro de 2010 con motivo da inauguración do Memorial “Xérmolos” adicado ás vítimas da represión franquista na Comarca da Coruña.

Camaradas, compañeiras, compañeiros, amigas e amigos:

Xa estamos aquí.

Este 19 de decembro de 2010 pasará á historia como a data en que realizamos un acto de xustiza de reparación. De xustiza porque despois de trinta e tres anos de democracia lembramos e homenaxeamos, con nomes e apelidos,  a 600 persoas de dez concellos da comarca que foron asasinados polo franquismo; a súa morte non foi inútil porque foron “xermolos de paz e liberdade”, como chamamos a este conxunto escultórico, obra de Xosé Val Díaz “Valdi”. É tamén un acto de reparación porque non queremos nin silencio, nin esquecemento.

É hora de dicir a verdade e acabar con ambigüidades vergoñentas. Aquí non houbo Guerra Civil, senón un xenocidio, é dicir, unha eliminación sistemática e planificada de persoas por motivos ideolóxicos e políticos. Estamos, xa que logo, ante crimes contra a humanidade que, segundo o dereito internacional, non prescriben. Aínda queda moito por facer e máis de 100.000 persoas seguen nas cunetas. Dicía o ex–fiscal anticorrupción, Carlos Jiménez Villarejo, que con esas fosas “continúa entre nós a Guerra Civil e a Ditadura”.

Este non un acto de vinganza, nin partidista. Desde a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña invitamos a todo o mundo, tamén a todos os grupos municipais, a participar porque queremos un apoio unánime. Os que se automarxinan terán que dar unha explicación.

A homenaxe ás vítimas do franquismo ten un carácter comarcal e queremos agradecer a colaboración dos concellos da Coruña, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Oleiros e Sada e a presenza neste acto de alcaldes da comarca e de membros das súas corporacións municipais.

Este Memorial é posíbel pola subvención que nos concedeu o ministerio da Presidencia, pola colaboración da Deputación da Coruña e, sobre todo, pola colaboración institucional que temos co concello da Coruña, que facilitou todas as infraestruturas necesarias. Esa colaboración e apoio queda hoxe patente coa presenza do alcalde da Coruña, Javier Losada. Esperamos que esa colaboración institucional continúe en todas as actividades relacionadas coa recuperación da memoria histórica.

Somos demócratas e xente de paz. Por iso honramos a estas vítimas do franquismo cos versos que presiden este menhir central, do escritor Claudio Rodríguez Fer: “Paz para sempre”.

Amigas e amigos, saúde, terra, mar e República.

Inauguración do Memorial “Xérmolos”
Escolma de imaxes da ianuguración do Memorial “Xérmolos”
Partillar

Un comentario en «Intervención do presidente da CRMH con motivo da inauguración do Memorial ás vítimas do franquismo»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *