Lembranzas e recoñecemento ao exilio galego en Mexico
O acto coorganizado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña realizouse con motivo do acto de presentación do libro de Graciela Ortega Lorenzo “Arroz con leche a la veracruzana”.
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña xunto a AC Irmáns Suárez Picallo de Sada e a AC Eira Vella de Betanzos e o Concello de Sada, participamos este pasado xoves nun acto ao redor do exilio galego en México, cuestión esta que centra o ultimo libro de Graciela Ortega Lorenzo. Participaron no acto, ademais da autora do libro, que o fixo desde Barcelona, cidade na que reside, Josefina Tomé Méndez filla de exiliados afiliados ao Partido Galeguista.
Josefina, que participou desde Ciudad de México, compartiu con nós experiencias e lembranzas da colectividade galega e española do exilio en México. Tamén documentación inédita como o carné do Partido Galeguista da súa nai, Dora Méndez, asinado por quen era naquel momento o Secretario Xeral, o deputado en duas lexislaturas, o sadense Ramón Suárez Picallo. Ou o carné do Patronato Galego de Cultura en México do seu pai Carlos Tomé.





Sen dúbida un acto moi emotivo e especial que puxo de manifesto a necesidade de seguir traballando na recuperación e posta en valor da memoria histórica do exilio galego, das suas vivencias, do seu legado e o recoñecemento social ao que é merecente.
Tamén falounos doutros galegos no exilio como foi Florencio Delgado Gurriarán con quen o seu pai tivo unha fonda amizade e partillou con nós un poema inédito que agasallou no seu día a súa familia.
Graciela Ortega fixo un interesantisimo percorrido sobre o contido do libro “Arroz con leche a la veracruzana”, e do seu siñificado no que se reconstruen feitos reais do exilio galego en México. Presentou o acto o secretario da AC Irmáns Suárez Picallo, Abel López Soto, e interviron Pilar Vázaquez pola AC Eira Vella e Carlos Babío pola CRMH da Coruña. Pechou o acto o alcalde de Sada Benito Portela
Proximamente compartiremos neste espazo web o video completo do acto.




