MANIFESTO POLA PROTECCIÓN E PRESERVACIÓN DO LEGADO E OBRA DE LUIS SEOANE E ISAAC DÍAZ PARDO, FITO FUNDAMENTAL DA CULTURA E MEMORIA HISTÓRICA DE GALIZA
O pasado mes de xullo, a Xunta de Galicia publicaba no DOG a declaración do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside como Ben de Interese Cultural. Esta resolución foi produto da presión exercida durante anos pola sociedade civil, que viña demandando que o museo fose dotado dunha figura de protección que o preservase co legado que contén e con todo o seu significado. Porén, as condicións que recolle o Decreto aprobado pola Xunta resultan totalmente insuficientes para a finalidade á que debe ir encamiñada esta figura de protección, polos seguintes motivos:
1. Non se garante que se manteña o espírito co que foi fundado.
O Carlos Maside é moito máis que unha colección de obras de arte. É a experiencia pioneira de recuperación da memoria histórica en pleno franquismo, mesmo a nivel estatal. Unha iniciativa coa que se pretendía reconectar a sociedade galega coas experiencias artísticas anteriores á Guerra Civil, cun rico universo cultural que ficara silenciado polo réxime e do que apenas nada se coñecía. Para iso, foi fundamental a converxencia de Díaz Pardo cos intelectuais do exilio, nomeadamente con Luis Seoane. O Laboratorio de Formas de Galicia foi o ente que pretendía a través de diferentes ferramentas poñer en marcha ese proceso de recuperación da memoria histórica e dunha modernización cultural que partise das formas e das características que nos son máis propias. Cerámicas do Castro, a empresa embrionaria onde todo comezou, deu soporte ás demais iniciativas (Ediciós do Castro, Sargadelos e o propio Museo Carlos Maside) que conforman a maior industria cultural da Galicia contemporánea, a principal iniciativa de contestación ao réxime franquista desde o plano cultural. Unha ferramenta poderosa para a democratización da arte e tamén para a proxección da identidade diferencial do pobo galego no marco dunha ditadura que a estaba a esmagar e a estigmatizar.
2. Non se integra ao conxunto de Cerámicas do Castro.
O Carlos Maside compréndese no seu contexto como parte dun todo, que é a obra de Isaac, e como parte dun conxunto integrado, que son as Cerámicas do Castro. Por iso reivindicamos que a declaración como Ben de Interese Cultural abranguera a todo ese conxunto do que forma parte o edificio no que botou a andar a fábrica nos anos 40 e o estudio de Díaz Pardo ata os seus últimos días; a planta de produción de 1963, obra de Fernández-Albalat con forte pegada da sensibilidade plástica e do espírito práctico de Isaac; con edificios anexos nos que estivo a vivenda da familia Díaz Pardo; a Pía do Loureiro; o estudo no que traballou Luís Seoane ou as instalacións primitivas do propio museo; o edificio do LICSA e o mesmo Carlos Maside, cos seus característicos módulos hexagonais, tamén de Fernández-Albalat; ademais de diversas obras plásticas que enriquecen os diferentes escenarios, como o mural de Seoane representando a tres mulleres; diversas intervencións de Isaac, ou a fonte dedicada a Castelao polo ceramista Francisco Pérez Porto. E iso sen mencionar os bens que albergan os edificios. Non ten sentido que no caso de Sargadelos, en Cervo, se optase pola declaración do conxunto como algo integrado e neste caso non se faga así, contradicindo o criterio das principais institucións culturais e científicas do país.
3. Non se inclúe toda a colección.
Unha porción significativa das obras depositadas no Museo non están incluídas na catalogación realizada para a declaración como BIC, co cal fican desprotexidas, o que aínda é máis grave se temos en conta a falta de sensibilidade de quen xestiona Cerámicas do Castro e Sargadelos a respecto do significado das mesmas desde o plano cultural.
4. Detúrpase o propio nome do museo.
A declaración como BIC consolida o cambio do nome do museo levado a cabo de facto pola empresa, que transformou o Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside en Museo Galego de Arte Contemporánea Sargadelos Carlos Maside, en versión castelá na propia sinalética do edificio. Un cambio que carece de xustificación e de sentido, como non sexa o de facer desta institución cultural unha ferramenta ao servizo dun interese empresarial, dándolle a volta á realidade que edificou Isaac: unha industria ao servizo dun proxecto cultural; unha empresa ao servizo dun proxecto de país.
5. É posible estender a protección BIC ao conxunto aquí citado -planta de produción, edificio LICSA, Pía do Loureiro, mural de Seoane, intervencións de Isaac e fonte dedicada a Castelao.
Non soamente é posible, atendendo a informes como o presentado polo Consello da Cultura Galega, senón imprescindible xa que deste xeito protexerase non soamente o carácter intrínseco das edificacións, senón tamén o espírito co cal foron construídas. A vertebración da dita protección está incondicionalmente unida aos principios de coñecemento, divulgación e sentido da cultura dos Fundadores -Isaac Díaz Pardo, Luís Seoane e o círculo de persoas unidas a eles-. Neste senso o ideal que sostiñan está ligado a unha práctica activa, concienciada e que honraba tanto a Historia como a Arte, a Literatura e a Industria galega nas súas figuras sobresaíntes. Pero tamén funcionaba e facía á vez homenaxe á cultura de base, coas súas propias dinámicas e co mesmo propósito dos precedentes históricos desta: facer cultura de país, para o país e dende o país para a cultura universal.
Se realmente se quere materializar o Museo Galego de Arte Contemporánea como BIC debe comezarse por respectar os valores citados, seguindo unha actividade cultural dinámica, aberta á sociedade galega e que inclúa a mostra das obras conservadas e ciclos de todas as ramas artísticas e de estudo que xa contaran con presenza no museo, partindo dunha programación establecida polo Laboratorio de Formas.
Facendo expresa a postura do compromiso coa significación de Sargadelos, dos Fundadores e da ambición que eles tiñan nas capacidades, forzas, historia e ideas do país no mundo, publicamos este manifesto para lograrmos a adhesión de toda a sociedade galega para que
A Xunta de Galicia estenda a declaración BIC do Museo Carlos Maside a todo o conxunto de Cerámicas do Castro, xa que este se comprende no seu contexto como parte dun todo, que é a obra de Isaac, e como parte dun conxunto integrado, que son as Cerámicas do Castro.



