Opinión

María Casares: a grande dama do teatro que nunca esqueceu a Galiza

Por que o Teatro Colón da Coruña debería levar o nome de María Casares

Silvia Seixas

Hai nomes que pesan na historia dunha cidade. Hai nomes que honran, que nos representan, que nos devolven a mirada cara a quen somos e de onde vimos. E logo hai nomes que simplemente están aí, sen máis razón que a inercia ou a comodidade do costume. O Teatro Colón da Coruña merece un nome que fale de nós, que nos vincule coa nosa terra e coa nosa xente. Merece chamarse María Casares.

María Casares foi moito máis que unha actriz. Foi unha coruñesa forzada ao exilio por mor da barbarie dunha Guerra Civil que lle arrebatou a patria, a infancia e a lingua materna. Filla de Santiago Casares Quiroga, presidente do goberno republicano, tivo de fuxir con apenas trece anos cara á Franza, onde construíu unha das traxectorias artísticas máis brillantes do século XX. Converteuse nunha das grandes damas do teatro francés. Mais nunca deixou de ser galega, nunca perdeu o seu acento, nunca esqueceu a ría en que se criou nin a terra que lle negaron.

Nas súas memorias, Residente privilegiada, escribiu desa Galiza que gardaba na alma. Palabras que demostran que a súa terra natal non era só un recordo: era parte esencial da súa identidade, unha ferida aberta que nunca fechou.

Xustiza histórica e memoria familiar

Aquí reside a primeira razón por que o Teatro Colón debería levar o seu nome: a xustiza histórica. María Casares foi vítima dunha represión que obrigou millares de galegos e galegas a fuxiren para o exilio. Mais a súa non foi a única dor da familia. A súa irmá Esther ficou na Galiza, soportando o peso da ditadura, vivindo baixo a sombra dunha represión que non perdoaba o apelido Casares.

Como escribiu a propia María, Esther foi “o paradigma da persecución inxusta”. Esther Casares Quiroga nunca foi procesada, nin expedientada, nin se lle tomou declaración para un sumario. O único delito era ser filla de Santiago Casares Quiroga. Viviu dezaseis anos de arresto domiciliario na rúa da Franxa da Coruña, coa súa filla Cuca, persoas apestadas que ninguén saudaba. Non puideron saír do país até 1955, cando finalmente se reuniron con María en París, antes de se dirixiren ao exilio mexicano onde estaba o seu marido.

En canto María brillaba nos escenarios de París, Esther resistía na sombra, como tantas outras mulleres galegas que sostiveron a memoria e a dignidade baixo o franquismo. Nomearmos o teatro na honra de María é tamén recoñecermos esa ferida familiar e colectiva, é dicirmos ben alto que non esquecemos. Que aquelas mulleres e homes que tiveron de facer as malas –e tamén quen ficou soportando a represión– non desapareceron da nosa memoria nin da nosa conciencia nacional.

O encontro coa xente galega do exilio

María Casares nunca deixou de ser galega lonxe da Galiza. En 1957 realizou unha viaxe á Arxentina e ao Uruguai que marcou un momento histórico de reenconto coa galeguidade. Cando chegou a Bos Aires para actuar no Teatro Cervantes, había nas butacas unha constelación de intelectuais da Galiza no exilio que levaban moito tempo agardando poderen coñecela persoalmente: Marívi Villaverde, Laxeiro, Luís Seoane, Rafael Dieste, Eduardo Blanco Amor, Virxinia Pereira, Rei Baltar, Ramón de Valenzuela…

Fixeron actos na súa honra. Os galegos e as galegas de Bos Aires sabían o que era fuxiren, estaren no exilio. María voltou a ouvir falar galego despois de tanto tempo. Ela mesma afirmou: “Agrádame estar entre a miña xente. En París non me é posíbel falar galego aínda que vaia a recitais. Rosalía é a miña favorita, mais tamén Curros”.

O seu pai, Santiago Casares Quiroga, que tiña unha importante biblioteca, líalle de pequena na casa de Panadeiras na Coruña –e tamén en Montrove, onde pasaban os veráns e ían á praia de Bastiagueiro– obras de autoras e autores galegos. Esa semente literaria galega nunca a abandonou.

María mantivo sempre vínculos estreitos coa intelectualidade galega exiliada. Relacionouse con Luís Seoane, con Lorenzo Varela, con tantos outros creadores que, coma ela, tiveron de refacer as súas vidas fóra da terra. Formou parte desa constelación de artistas da Galiza que, desde o exilio, mantiveron viva a chama da nosa cultura. Non foi unha fuxida en solitario: fixo parte dunha diáspora que non renunciou á súa identidade. Pormos o seu nome no Teatro Colón sería recoñecermos esa rede de resistencia cultural, ese compromiso coa galeguidade que nunca se apagou.

Un acto de reparación feminista

Nunha cidade, como tantas outras, onde case todos os monumentos,rúas e edificios emblemáticos levan nomes masculinos, reivindicarmos María Casares é tamén un acto de reparación feminista. O teatro é un espazo onde nós, as mulleres, sempre estivemos, mais poucas veces fomos recoñecidas máis aló dos escenarios. María foi protagonista absoluta, directora das súas decisións artísticas, unha muller que traballou cos grandes mestres do seu tempo en pé de igualdade. Pormos o seu nome no Teatro Colón sería recoñecermos que tamén elas son grandes, que a cultura ten rostro de muller.

Universalidade sen renunciar ás raíces

Alén disto, María Casares representa o mellor da nosa tradición cultural: a universalidade sen renunciar ás raíces. Triunfou en París, mais nunca negou a súa orixe. Chegou a dicir que o seu verdadeiro nome era María Casares, que nacera no teatro, e que a súa patria era o teatro. Mais tamén afirmou: “Cando un se exilia é para sempre”. Esta dor do exilio, esta dualidade, esta pertenza dividida, é parte da nosa historia colectiva como pobo. Non renunciou á súa identidade para ser aceptada; levou a Galiza consigo. Iso é o que nós deberíamos facer: levarmos o seu nome con orgullo.

Dúas mulleres, dous teatros, unha mesma tradición

A Coruña xa ten o Teatro Rosalía de Castro, a pouca distancia do Colón. Non é casualidade que María Casares declarase que Rosalía era a súa autora favorita. Entre as dúas mulleres existe unha liña de continuidade que vai para alén do tempo e do espazo: ambas tiveron de deixar a Galiza nalgún momento, as dúas levaron consigo a dor da terra afastada, ambas transformaron esa dor en arte universal sen renunciaren nunca á súa identidade.

Que A Coruña teña dous teatros cun diálogo entre estas grandes mulleres sería un recoñecemento á tradición cultural galega encarnada en voces femininas.

Reescribir a historia desde a dignidade

Mudar o nome non é apagar a historia. É reescribila desde a nosa perspectiva, desde a dignidade dun pobo que se recoñece no mellor das súas fillas e fillos. O Teatro María Casares sería un símbolo potente de reconciliación coa nosa memoria, de compromiso coa igualdade e de afirmación nacional. Sería un xesto de xustiza poética: devolver aos coruñeses e coruñesas un espazo que leve o nome dunha das súas propias, dunha muller que nos fixo grandes no mundo.

María Casares non pode regresar. Mais podemos traela de volta facendo que o seu nome resoe cada noite no corazón cultural da cidade que a viu nacer. Sería, finalmente, un xeito de lle dicirmos: Benvinda á casa!

Partillar

2 comentarios en «María Casares: a grande dama do teatro que nunca esqueceu a Galiza»

  • Paréceme unha idea excelente. Concordo con todos os aspectos que trata o artigo de Silvia.

    Resposta
    • Nos tamén Manuel. Debemos seguir traballando e reividicando este recoñecemento

      Resposta

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *