Mariví Villaverde Otero (Republicana de Honra 2012)
Nada en Vilagarcía en 1922, Villaverde resultou unha das figuras máis importantes na recuperación da memoria histórica do exilio após a ruptura democrática que significou, para a Galiza e para o Estado español, o golpe militar de 1936 e a posterior represión franquista.
Na súa traxectoria vital, Villaverde foi unha das mulleres que máis traballou pola recuperación da dignidade das vítimas do franquismo. Con só 15 anos, Mariví tivo que exiliarse, primeiro a Burdeos (Francia) e despois a Bos Aires (Arxentina) polo perigo que corría o seu pai, Elpidio Villaverde, ex alcalde republicano de Vilagarcía e deputado durante o verán do 36.
Fonte: Xornal Nós
Escritora, tradutora, testemuña dunha realidade que lle tocou vivir, que nos transmite con valentia e xenerosidade. Léganos o pasado que non vivimos, 0 seu presente en que a súa voz segue firme e combativa, á beira do pobo creativo e honrado, en que sempre creu e un futuro en que vivificará toda esta memoria.
Marivi Villaverde, lectora noviña que perdería á forza a adolescencia nas horas en que lle lia no cárcere á súa tía Arxentia, mestra galeguista e republicana, obras de teatro para matar o tempo e a angustia. Teatro que vai agromar no exilio na compaña do seu compañeiro Ramón de Valenzuela, con Roberto Villanueva ou Eduardo Blanco Amor.
Escriben, adaptan, traducen, representan mentres arromban na casa do exilio as táboas do naufraxio dun país e da República. Marivi Villaverde colaboradora do xornal Galicia, nai e legadora da verdade lexitima republicana, a verdade que herdara do seu pai Elpidio Villaverde, alcalde de Vilagarcía e deputado a Cortes en 1936 e das súas tias rapadas, da nai atrevida que con documentación falsa descobre o camiño da liberdade.
A autora da súa propia vida que decide levar a súa memoria a un libro en 1962 Tres tiempos y la esperanza publicado na Editorial Alborada, reeditado por Edicións do Castro (1987) e nunha versión en galego en A Nosa Terra (2002). ao que a autora lle engade un epilogo e lle devolve ás personaxes os seus verdadeiros nomes. Libro no que camiñamos por un vivir privado e silencioso, á beira das nosas maiores, para compartirmos a alegría do progreso e a liberdade espallada na area da praia de Compostela na Vilagarcía das súas primeiras descubertas.
Medo que tamén sentimos, terror vivido, nos cuartos fechados por portas onde petan moitas veces, coa chegada de novas envoltas en fuxidas ou en martes. Un mudo que se esborrallaba malia a lealdade e o amor. Cicatrices que atravesan todas altándegas, cando xa é imposibel o regreso na condena eterna do exilio. Marivi Villaverde, comprometida, activa no Consello pola Memoria, participa en todos os actos políticos e culturais aos que é convidada, comprometida cos tempos que lle tocou vivir, empeñada en lembrar a dignidade coa que Galiza loitou e defendeu a lexitimidade da República. Imprescindibel e necesaria.
(Texto de Marga do Val)