Republicanas de Honra

Miguel Angel “Gus” Gómez Alvarez (Republicano de Honra 2026)

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) acaba de nomear a Miguel Ángel Gómez Álvarez “Gus” (Zamora, 3-9-1953) como Republicano de Honra 2026.

Con esta distinción a CRMH quere poñer en valor as vidas e o compromiso de toda unha xeración de cidadás e cidadáns que na primeira metade da década dos 70 loitou con determinación contra a ditadura franquista, nunha época na que organizar-se e sair ás ruas en defensa da democracia estaba proibido e era duramente reprimido. Sen o esforzo desta xeración non poderíamos comprender as trasnformacións e os avanzos democráticos que a sociedade e o própio sistema político experimentaron durante aqueles anos.

A loita social no Tardofranquismo

A finais dos anos 60 xurdiu con forza unha nova xeración antifranquista reivindicando o final da ditadura. A sua aparación estivo ligada a un novo panorama global, marcado por acontecimentos como o Movimento polos Direitos Civis nos Estados Unidos, a revolta de 1968 na Franza ou as loitas revolucionarias anticoloniais de liberación nacional. Estas novas ideas afianzaron-se entre unha mocidade profundamente farta de décadas de ditadura e que procuraba  unha transformación profunda da sociedade e a consecución de direitos e liberdades.

Esta eclosión democrática, que se materializou no surximento de diversos movementos ainda clandestinos -obreiros, estudantis ou viciñais- topou coa incomprensión e a brutalidade dun réxime moribundo que endureceu as suas medidas de represión e castigo. Miguel Ángel Gómez Álvarez sofreu em primeira persoa a crueldade dun rexime ditatorial e espantoso que se negava a desaparecer.

Detencións e malleiras

Con 18 anos de idade, o 17 de Decembro de 1971 foi detido por axentes franquistas da Brigada Político Social acusado de “propaganda subversiva”. Gus, participaba das mobilizacións estudantis da Faculdade de Ciencias Políticas da Universidade Complutense de Madrid, onde cursaba estudos. Pasou 3 dias incomunicado nunha celda da Dirección General de Seguridad (DGS, hoxe sé da Comunidade Autónoma de Madrid, na Porta do Sol). Ali foi interrogado, entre malleiras e ameazas sendo rodeado, en varias ocasións, por un grupo de axentes que o golpeaban con mans e pés até deixá-lo meio inconsciente.

Torturado por  Billy el Niño

O 19 de maio de 1973 é novamente detido. Foi pateado na rua até case perder o coñecemento e introducido no maleteiro dun veículo, sendo trasladado á Dirección  General de Seguridad. Ali permaneceu 7 dias incomunicado, sofrendo continuos  interrogatórios e torturas espantosas, algunhas delas coñecidas como “O Pato”, “O quirófano”, a tortura do “Soño” ou a das “prantas dos pés e glúteos”. Foron varios os axentes franquistas que o maltrataron. Entre eles destaca o torturador franquista José Antonio González Pacheco (Billy el Niño) do que recebeu unha brutal malleira que case o deixa sen vida. Unha desas noites de terror en que o levaron á enfermeria tiña os pés tan inflamados que non podia nen calzar-se nen camiñar.

As prisións de Carabanchel, Segovia e Zamora

Gus foi enviado á prisión de Carabanchel con 20 anos de idade, onde pasou os  primeiros 15 dias na enfermeria curando as feridas producidas nos inerrogatórios. En carabanchel coñeceu as celdas de castigo e o aillamento, mas tamén a luita organizada dos presos políticos. Ali coincidiu, entre outros, con Marcelino Camacho, Alfonso Sastre, Rafael Pillado ou José María “Chato” Galante. Posteriormente, foi trasladado á Prisión de Segovia, onde colaborou activamente nos preparativos da famosa “Fuga de Segovia”, participando tamén en duas folgas de fame contra as penas de morte de 5 loitadores antifranquistas. Gus seria trasladado por última vez, antes de sair en liberdade, á prisión de Zamora.

A loita da xeración de Miguel Ángel Gómez Álvarez “Gus” nom é algo aillado. Unha noite de 1936, un grupo de falanxistas que se adicaban á “limpeza social” polos povos de Zamora entrou na sua casa e levou ao seu avó para matá-lo. Existe unha continuidade na luita antifascista dunha sociedade que, através de varias xeracións,  resistiu o xenocidio e a ditadura totalitaria desde o primeiro momento do Golpe de Estado de 1936. Hoxe seguimos facendo memoria e reivindicando Verdade, Xustiza e Reparación.

INTERVENCIÓN DE MIGUEL ANGEL GÓMEZ “GUS” NO PARLAMENTO EUROPEO, CONVIDADO POLO GRUPO DE MEMORIA HISTÓRICA DESA INSTITUCIÓN, ONDE NARRA A REPRESIÓN Á QUE FOI SOMETIDO COMO VÍTIMA DO FRANQUISMO

“Gus”, xunto a compañeir@s da Coordinadora Estatal de Apoio a Querela Arxentina (CEAQUA) na Illa de San Simón
Partillar

2 comentarios en «Miguel Angel “Gus” Gómez Alvarez (Republicano de Honra 2026)»

  • Toda a miña admiración a Gus, un loitador polas liberdades. Grazas

    Resposta
  • Congratulaciones desde Italia, la justa recompensa por qui ha luchado y sufierto por el bien comun!

    Resposta

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *