Moita participación na xornada sobre espolios franquistas organizada pola CRMH da Coruña
Desde a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña quixemos analizar os casos de Meirás e Cornide, como símbolos dos espolios perpetrados pola ditadura franquista desde ópticas diferentes ás habituais. No caso do proceso de devolución (provisorio, xa que está pendente de resolución definitiva por parte do Tribunal Supremo) queriamos darlle unha perspectiva xornalística, esto é, a visión do seguimento que se realizou desde a prensa local.
Para esta parte contamos con xornalistas que escribiron moitas das pezas nos xornais que posibilitaron en boa medida que hoxe teñamos información rigurosa e datos contrastados de todo este proceso. Desde os seus medios, Antares Pérez e Marta Otero (La Opinión A Coruña) e Silvia R. Pontevedra (El Pais) foron debullando ás suas respectivas vivencias dun proceso complexo e longo (que repetimos, ainda non rematou) e que non deixou indeferente ao público que ateigou na tarde noite de onte o Salón de Actos do Circo de Artesáns da Coruña.
Desde a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña queremos agradecer as tres xornalistas que atenderan a chamada da nosa asociación e compartiran onte con nós e co público asistente ás xornadas estas vivencias. Sabemos que era a primeira vez que o facían e queremos valorar e parabenizar a participación nestas xornadas.
A segunda parte da Xornada adicámola a analizar con detalle a situación xurídica da Casa Cornide neste momento, e as vias posibeis para a súa recuperación. Para elo contamos con Carlos Aymerich Cano, un dos profesores encargados de redactar o informe xurídico realizado desde a Universidade da Coruña sobre estas posibilidades xurídicas.
Agradecemos por suposto a Carlos Aymerich as explicacións dadas sobre este proceso, que ao igual que acontece coa xuestión xurídica sobre Meirás resulta moi complexa. Onte avanzamos no coñecemento sobreos procesos que afectan tanto ao Pazo de Meirás como a Casa Cornide.
Durante o vindeiro mes de decembro faremos públicos os videos que recollen as tres xornadas relacionadas coa celebración do 20 aniversario da CRMH da Coruña, esto é, a xornada celebrada a semana pasada adicada á simboloxía franquista na cidade da Coruña, a celebrada onte relativa aos espolios do franquismo e a que temos prevista para o vindeiro mércores dedicada a lugares da memoria da represión na cidade da Coruña na que estarán Rubém Centeno e Eliseo Fernández.