Nace a Comisión O Castro para a posta en valor do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside
Coa declaración do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside como Ben de Interese Cultural en xullo do 2025, conformouse por parte de diversas entidades a Comisión O Castro. Dada a importancia do Museo para coa sociedade galega e o seu lugar dentro da arte europea e internacional, constituíuse a dita Comisión coa fin de observar o bo coidado e impulsar de xeito orgánico o pleno funcionamento do Museo Carlos Maside segundo a súa natureza xa definida polos Fundadores: Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane. A Comisión está composta de xeito asembleario e estableceuse por votación que Iria-Friné Rivera Vázquez sexa coordinadora da Comisión O Castro.
O Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside é unha parte integral de Sargadelos. Dado o sistema de funcionamento establecido de interrelación entre distintas áreas, o Museo constitúe o epicentro no cal ideas, influencias artísticas, temas, estilos, feitos, artistas, figuras históricas e documentación histórica serven de base para a realización de deseños para cerámica que hoxe teñen un lugar nos fogares así como para unha actitude activa da cultura. A personalidade única deste Museo é que expón a innovación intelectual galega e europea dende as décadas de 1920 e 1930 en adiante, a un nivel igual por exemplo aos actuais arquivos da Bauhaus en Berlín. Este Museo resulta, a todos os efectos, un espazo único no cal estar e que no contexto de hoxe segue a dar a cuestións complexas respostas clarificadoras.
O funcionamento da Comisión segue as liñas dispostas dende a súa conformación. Dado o carácter extraordinario do Museo, a Comisión debe ter en conta o estado de conservación do espazo, as obras da colección e a documentación, a ausencia de actividade e de programación fiel aos principios cos que foi creado e o nulo interese en que funcione como o que é. Ningunha sociedade que se respecte a si mesma quere ver a cultura e a arte que a representa e vive nela ser tratada con degradación, indignidade, indiferenza, frivolidade, interese desleal e ridículo ata o patético e a vergoña allea. Os beneficios de xeito transversal serían maiores de estar en funcionamento. Non só porque é unha parte funcional de Sargadelos, se non porque está orientado a ser práctico para moi diversos públicos, intereses, estudos e traballos.
A Comisión O Castro (https://memoriadacoruna.gal/a-comision-o-castro/) concretou os seus obxectivos e metas no espazo da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. As entidades que xa firmaron o soporte son, entre outras, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda (A Coruña), a AC Irmáns Suárez Picallo de Sada, a Plataforma Carlos Maside (Santiago de Compostela), a Asociación Cultural Lugo Patrimonio (Lugo), 19 de Meirás, Bloque Nacionalista Galego, Alternativa dos Veciños (Oleiros), a Rede de Escolas de Ensino Galego – Semente Nacional, Sadamaioría (Sada), a Fundación Alexandre Bóveda (Pontevedra), a Fundación Manuel María (Lugo), Federación Galiza Cultura (A Coruña) ou Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra (Pontevedra) entre outras entidades e persoas a título individual. Unidos a estes obxectivos e metas está o manifesto do compromiso co Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside (que pode consultarse na ligazón https://memoriadacoruna.gal/manifesto-ceramicas-do-castro/), estando aberto á firma tanto a título individual como á daquelas entidades que apelen á significación e funcionalidade deste Museo: a paz e a solidariedade con memoria, a construción colectiva optimista con consciencia e a identidade e a universalidade en acción. (Pódese asinar o manifesto na seguinte ligazón: https://memoriadacoruna.gal/manifesto-ocastro/)


Animovos a seguir radiante. Salus