Actualidade

Non queremos monarquía

Manifesto da Plataforma “Galiza pola República e polo dereito a decidir” con motivo do 10º aniversario da coroación de Felipe VI

Reivindicamos a República e rexeitamos a monarquía porque é incompatíbel cun sistema democrático. É un réxime vitalicio e hereditario, que non ten en conta a vontade popular porque o rei, como xefe do Estado, non é elixido polo pobo nunhas eleccións democráticas.

O ditador Franco, que encabezou en 1936 o levantamento militar e fascista contra a democracia, nomeou a  Juan Carlos como o seu sucesor en 1969 “para que todo quede atado y bien atado para el futuro”. A monarquía actual é, polo tanto, herdeira do franquismo, daqueles que deron un golpe de Estado contra a República constitucional, elixida nunhas eleccións democráticas..

O rei Juan Carlos nunca condenou a ditadura franquista, xustificaba a sublevación contra a democracia e nas súas declaracións públicas falaba da “legitimidad política surgida el 18 de julio de 1936”; sempre manifestou “un gran afecto y una gran admiración” polo ditador Franco e cualificaba 40 anos de ditadura como “gloriosa etapa histórica de nuestra patria”.

A abdicación do rei Juan Carlos en 2014 non tivo outro obxectivo que salvar unha monarquía en descomposición e desprestixiada por numerosos casos de corrupción. Felipe VI continúa a liña do seu pai, recibía ás vítimas do terrorismo no seu primeiro acto como rei, pero ignoraba as centenares de miles de vítimas do franquismo. Entregaba a medalla a Rodolfo Martín Villa, exministro na ditadura, como deputado das Cortes Constituíntes, cando condecorou o 13 de xuño de 1977 ao torturador “Billy el Niño” coa Medalla de Prata ao Mérito Policial e está denunciado na Querela Arxentina polos crimes do franquismo. No seu discurso de Nadal de 2023 Felipe VI non condenaba a sublevación de 1936 contra a democracia da República, nin 40 anos de ditadura, que cualificaba como “error histórico.

A monarquía está blindada. O CIS leva moito anos sen preguntar sobre a súa valoración e todas as iniciativas presentadas para investigar a corrupción da monarquía son rexeitadas sistematicamente pola Mesa do Congreso. As chamadas regularizacións fiscais do rei Juan Carlos, coa implicación da Fiscalía e do Goberno través da Axencia Tributaria, non tiñan outro obxectivo que evitar as repercusións penais dos seus presuntos delitos. Queremos que o rei Juan Carlos sexa xulgado por todos os posíbeis delitos cometidos antes de 2014, cando abdica, e despois de 2014; que reembolse ao patrimonio do Estado as partidas económicas que recibiu con cargo ao orzamento da Casa do Rei desde 2008. Queremos que unha Comisión do Congreso dos Deputados investigue os ingresos do rei emérito en concepto de comisións e outras actividades económicas durante o seu reinado, os bens e patrimonio de todos os membros da Familia Real, así como as contas nos bancos.

O chamado rei emérito Juan Carlos I vive na opulencia nun autoexilio, organizando festas de cumpreanos multitudinarias a “todo pago”. Non estamos dispostos a normalizar as visitas que fai Juan Carlos a Sanxenxo e outros lugares de Galiza. Por outra parte, queremos que sexan eliminadas todas as rúas, como en Pontevedra, e distincións ao rei Juan Carlos porque non merece ningún tipo de recoñecemento social.

Estamos a prol da ruptura democrática e queremos decidir sobre o noso futuro como pobo. Partindo desa realidade plurinacional, do recoñecemento da soberanía da nación galega e o seu dereito democrático a decidir, estamos pola convocatoria dun referendo consultivo para que a cidadanía poida decidir sobre o modelo político e institucional e escoller a forma de Estado: monarquía ou república. Coa celebración dese referendo iniciaranse procesos constituíntes que recoñezan o dereito de autodeterminación ás nacións que integran hoxe o Estado español.

Queremos unha República laica, igualitaria, xusta e radicalmente democrática, que lexisle para a inmensa maioría da sociedade, poña freo á corrupción e ao enriquecemento sen límites duns poucos; que acabe cos recortes sociais que empobrecen ás clases populares. Unha República que recupere a memoria histórica, acabe coa impunidade e condene a aqueles que durante a Ditadura cometeron crimes contra a humanidade, que non prescriben. Queremos verdade, xustiza e reparación para as vítimas do franquismo e a derrogación da Lei de Amnistía de 1977, tal e como recomendaron Amnistía Internacional e a Comisión de Dereitos Humanos da ONU, porque incumpre o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos das Nacións Unidas de 1966, asinado polo Estado Español en 1976.

Cando se cumpre o 10º aniversario da coroación como rei de Felipe VI chamamos a toda a cidadanía para que se sume á construción dunha alternativa republicana. É hora de expresar o noso compromiso en defensa da democracia e pola transformación social, con maior xustiza e liberdade para o noso pobo, e por iso queremos manifestar que estamos por un futuro republicano.

Cómpre unir forzas para acabar coa monarquía, dentro da pluralidade, respectando distintos obxectivos estratéxicos que poidan situar a Galiza no marco dunha República Federal; aqueles que están a prol dun República Galega, ben dentro dunha República Confederal ou como Estado independente, ou as que están por unha República Ibérica con Portugal.

Facemos un chamamento ás organizacións políticas, sindicais, fundacións e todo tipo de asociacións e entidades da nosa nación para que se incorporen a esta plataforma cívica, difundan e  consigan apoios para este manifesto e constitúan grupos territoriais de Galiza pola República. Pedimos ás forzas políticas para que impulsen a creación dunha Rede de Concellos Galegos pola República e presenten iniciativas nos concellos e noutras institucións para que se aprobe a incorporación á mesma.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *