Notas

Temos que dicir, antes que nada, que en Galicia os enfrontamentos bélicos entre dous exércitos artellados como tales só tiveron lugar en Ferrol (A Coruña) do 20 ao 22 de xullo de 1936; triunfaron os sublevados. Ata o 28 de xullo houbo certa resistencia fronte aos golpistas por parte dos defensores da legalidade da II República; eran xente do común, mal armados, que loitaban contra todo un exército profesional e con recursos de combate non comparables. En dez días rematou todo, era lóxico.

 

A diferencia do resto de España, nesta terra non houbo frontes de combate, máis ou menos estables, nas que se masacraran unidades militares de distinto signo; non houbo guerra stricto senso. O que si que se perpetrou foi unha salvaxe, metódica e abondosa represalia desde o primeiro día do alzamento dos que por moito, pouco ou nada, remataron coa acusación de "rebelión militar" (de xeito que nos sorprende) e de opoñerse ao Movimiento Nacional.

 

Comezada a sublevación, o xeneral golpista Emilio Mola Vidal, o Director, proclamaba o inmediato 19 de xullo de 1936: “Es necesario propagar una imagen de terror (…) Cualquiera que sea, abierta o secretamente, defensor del Frente Popular, debe ser fusilado”. O futuro non presaxiaba nada bo.  

 

Este documento de traballo comezou o seu desenvolvemento no ano 2014 e, de xeito fundamental, a partires das bases de datos do proxecto Nomes e Voces, que iniciou no ano 2006 a Universidade de Santiago de Compostela (USC). Tamén se achega unha fartura de información de procesos militares sobre os represaliados, que teñen a súa orixe nos rexistros de “Buscar Combatientes, Buscador de la Guerra Civil Española”.

 

Tamén se consultaron en distintas fontes (de xeito significado na Wikipedia) datos das mulleres e homes que se relacionan neste documento. Entre moitas outras, estudáronse informacións sobre barcos de guerra, fuxidas de todo tipo de embarcacións, actuacións da guerrilla antifranquista e das forzas de represión, pactos e xuntanzas dos fuxidos, barcos cara o exilio, prisións, campos de concentración, colonias penitenciarias, batallóns de soldados traballadores, partidos políticos, sindicatos, noticias en xornais, guías de brigadas mixtas, unidades do Exército da República no decurso da guerra…

 

Elaboráronse unhas vinte mil fichas de persoas represaliadas polo franquismo. A sabendas de que unha grande maioría delas eran persoas casadas, que tiñan fillas e fillos, que tiñan nais e pais, irmás e irmáns, o número de perseguidos polo réxime militar rebelde e, á fin, persoas vítimas dos malos tratos, deostadas, empobrecidas, sen dereito algún na “nova España”, derrotados…, acadan un múltiplo sensible dos que nesta recompilación se citan. Desapareceron para todos, sen rastro, agás para a memoria silenciada dos seus. Tamén elas e eles sufriron e caeron por Galicia e por España; despois de case que 90 anos non é de máis que a nosa historia o recoñeza.

 

A maioría das mulleres e dos homes que se recollen nesta tarefa naceron en Galicia, pero tamén se inclúen persoas que naqueles momentos do franquismo tiveron algunha relación ou repercusión transcendente sobre as galegas e os galegos. Atópanse nomes, sobre maneira do Principado de Asturias, de León ou da Raia Seca portuguesa, que por mor da veciñanza xeográfica, tiveron presenza e, moitos deles, morreron na nosa rexión. Tamén se reflicten militares e políticos republicanos ou golpistas, que desenvolveron intensa actividade naqueles desnortados días do golpe de Estado e nos seguintes tempos andados.

 

As idades que se rexistran para as persoas documentadas neste traballo manifestan os anos que tiñan na data na que se produce o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936. As referencias á súa veciñanza tamén se vinculan temporalmente a aquelas nefastas xornadas.

 

Os historiais co fondo na cor morado pertencen á xente represaliada ou que prestou servizos a favor do goberno legal da II República.

 

Os currículos sombreados na cor azul sinalan a militares sediciosos, a adeptos e colaboracionistas do movemento rebelde, a autoridades represoras e, asemade, a membros dos corpos e forzas de seguridade que, ben é certo, só cumprían ordes superiores.

 

As persoas marcadas co fondo na cor amarela non tiveron participación directa nos feitos vencellados á represión franquista ou non se puido determinar esta conexión.

 

Os nomes escritos en vermello dentro de cada ficha corresponden con mulleres ou homes dos que se elaborou o correspondente rexistro bibliográfico neste documento.

 

Os nomes sinalados en azul en cada ficha correspóndense con mulleres ou homes dos que non se creou o seu currículo:

. por falecer antes dos feitos base deste documento.

. por seren galegos residentes fóra de España.

. por non se obter datos relevantes das súas persoas ou non os poder identificar de xeito concreto.

. por nacemento noutros lugares de España e sen relación directa coa represión en Galicia.

. por tratarse de autoridades estranxeiras.

 

Certos feitos con transcendencia, as causas militares reflectidas, os nomes de barcos de guerra que participaron na contenda española, os barcos de fuxidos ou de saída cara o exilio, acontecementos significativos…, aparecen remarcados na cor verde.

Partillar