O asalto das Atochas. Roteiro do barrio de Monte Alto
O xornal O Resplandor das Atochas, que editou a CRMH, recollía os tráxicos sucesos e a represión franquista que viviu o barrio coruñés das Atochas o 10 de xullo de 1937.
Coinicidindo co 70 aniversario, a CRMH organizou o 29 de xuño de 2007 un roteiro polas Atochas e Monte Alto, conducido por Lino Braxe, facendo paradas nos lugares da memoria e rendendo homenaxe a persoas do barrio que destacaron na loita antifranquista.
Paramos na rúa Alta na casa de Basilisa Álvarez González “A Corales” ; na panadería onde traballou o militante da CNT Alejandro Basilio Palacios; na casa do comunista Joaquín González “O Panadeiro”; na rúa San José onde estivo o cine Hércules e, anteriormente, o Centro Cultural herculino (até 1934) e, xa en 1936, o Ateneo Cultural da Coruña, que era a tapadeira dunha Loxia Masónica ; nas casas da rúa Atocha Alta asaltadas polas forzas represivas, na rúa Marconi, onde vivía José Villaverde e outros anarquistas; no Campo de Artillería onde estaba en 1936 o Ateneo Libertario Generación Consciente; na rúa Disciplina onde Perla Torreiro apareceu de súpeto dicindo ¡Eu nacín na rúa Liberdade!; na panadería de José Sánchez Triñanes, militante anarquista e un dos fundadores do Club do Mar; na escultura que no Campo de Marte lembra a Ramón Maseda secretario xeral da Agrupación Socialista Coruñesa en 1936, asasinado polos fascistas, e promotor da Cooperativa de vivendas dese parque.
Neste roteiro participaron Manuel Rivas, Iria Leis, familiares de José Villaverde e Juan No, Beatriz Parga, David Pena, Benito Ferreiro, Manuel Lugrís, Xosé María Palacios, as actrices Belén Constenla e Rebeca Montero, Xosé Lois Martínez, Eliseo Fernández, Xosé Luis Rodríguez Pardo e Xurxo Souto. Houbo actuacións musicais de Xosé Taboada e Sara Rodríguez, o coro de Cantigas da Terra, o grupo Tumba Lobos e Miro Casabella.
Todo foi posíbel polo grupo de traballo no que participaron: familia Torres Meitín, Beatriz Gómez Amigo, Fernando Souto Suárez, Rubén Afonso Lobato, Maite Prego Teira, José Luis Varela Tasende.
O barrio non esquece
Na madrugada do 10 de xullo de 1937 as veciñas e veciños das Atochas – Monte Alto, María Otero, Fernando Caamaño, Carlos Miguel Pérez “Moreno”, Jesús Rodríguez “Chucho”, Alicia Dorado, Antonio Fournerakis “El Viejo”, José Valeiro e Julio Acebedo, foron asasinados por tropas de asalto fascistas, tras irrumpir nas casas-refuxio de Atocha Alta nº55 e da Rúa do Carme nº6.
Defender as liberdades, loitar pola xustiza social, e non someterse ao Réxime totalitario instaurado tra-la sublevación miltar, costoulles a vida a eles e a outros moitos compañeiros e compañeiras nos días seguintes, tra-la sucesión de asaltos, detencións, e execucións ao longo do barrio e da cidade. Esta razia fascista rematou coa case totalidade dos núcleos e redes de resistencia da FAI-CNT coruñesa.
O espírito loitador e o exemplo de dignidade destes veciños son parte integrante do carácter deste barrio, pero o seu recordo vivo permanece mudo. Devolvámoslles a voz reivindicando a súa memoria no 82º aniversario da caida das Atochas!
Fai sete meses xa que celebramos a primeira edición das xornadas “O barrio non esquece”, coas que quixemos rendir unha homenaxe ás veciñas e veciños das Atochas – Monte Alto que combatiron o Réxime fascista dende a súa instauración en xullo de 1936, ata que se produciu o asalto ás casas-refuxio e o desmantelamento da rede de resistencia en xullo de 1937.
O día 10 deste mes cúmprese o 82º aniversario da caida das Atochas, e queremos reivindicar esta data como parte do calendario conmemorativo do barrio e da cidade. Con este fin volvemos á praza onde estes acontecementos históricos tiveron lugar, para celebrar a memoria de María Otero, Fernando Caamaño, Carlos Miguel Pérez “Moreno”, Jesús Rodríguez “Chucho”, Alicia Dorado, Antonio Fournerakis “El Viejo”, José Valeiro, Julio Acebedo, Alejandro Basilio Palacios, José Torres e tantos outros que deron a súa vida pola liberdade, a dignidade e a xustiza social.
O seu recordo vivo permanece mudo. Devolvámoslles a voz cunha ruada comunitaria á altura do exemplo de dignidade que nos legaron.
Faladoiros, artes urbanas, música, baile e moita improvisación festeira.
Mércores 10 de xullo, de 18’00 a 23’00
Praza Cántigas da Terra, Atocha Alta
Saude e Memoria!
Pingback: O resplandor das Atochas - Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña