20 aniversario da CRMH da Coruña

O Barco da Memoria

O 14 de agosto de 2006 chegaba á Darsena da Coruña o vapor Hidra (“O Barco da Memoria”, unha iniciativa da Consellería de Cultura da Xunta), que traía a exposición Os Mártires do Mar, coordinada por Dionisio Pereira. Deu a benvida Beatriz Gómez Amigo, presidenta da CRMH e Manuel Rivas leu o manifesto Barco da Memoria:

Os barcos que partiron da costa galega nos tempos posteriores ao golpe fascista do 18 de xullo levaban xente cun destino gravado na íntima bitácora: volver. Non habería que falar en realidade de fugas, senón dunha epopeia de salvación. Eran barcos que zafaban dunha morte segura, da cacería humana desatada en terra. Xunto coas vidas a salvar, aqueles barcos levaban un transporte valiosísimo, un tesouro laboriosamente labrado durante moitos anos, unha obra transmitida e continuada de xeración en xeración de loitadores:; a consecución das liberdades e os dereitos humanos, a procura dun hábitat democrático que dera un xiro copernicano á historia, que cambiara o signo fatal de séculos de dominación reaccionaria e escurantista. E tamén, dende diferentes ópticas, tomaba corpo a reivindicación dun autogoberno, o que os librepensadores republicanos e galeguistas denominaban “a redención da Nosa Terra”. Todo iso ía neses barcos.

Ao longo da historia, o mar foi para nós o primeiro dos camiños. O camiño do sustento, a xenerosas despensa. O camiño da emigración e do comercio. O camiño das ideas e das innovacións culturais. Podemos dicir que Galicia nunca estivo rodeada polo mar, senón arrolada polo mar, liberada polos camiños e eidos do mar. O mar, nos tempos escuros, estivo estreitamente vixiado. O mar sempre foi tratado como un sospeitoso. O retrouso do mar, a súa linguaxe secreta, é un convite sempre a recomezar. A arquitectura máis fermosa creada polo ser humano é a dos barcos. Esa é tamén a forma que adoita ter a memoria cando quere avanzar, cando a memoria se sitúa no chamado “círculo de iluminación”, visíbeis como astros os soños compartidos, e pon rumbo a esperanza.

Si. Volven os barcos. Volven os compañeiros, Liberdade!

Até o 18 de agosto celebramos numerosas actividades. Unha exposición de tebeos de Miguel Anxo Prado. Concerto de “A Quenlla” na proa do barco. Actuación do coro da Asociación Cultural Alexandre Bóveda. Conferencia “A represión en Galicia”, coa participación de Xesús Redondo Abuín, do Foro pola Memoria de Galicia. Maratón de lectura sobre a represión en Galicia, en colaboración coa Marcha Mundial das Mulleres. Mesa redonda sobre “A muller como vítima do franquismo”, coa participación de Carme Blanco, Aurora Marco, Victoria Martínez Rodríguez, Lois Pérez Leira e Ángel Rodríguez Gallardo. Proxección do documental “A Cidade da Selva”.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *