O BNG da Coruña denuncia o incumprimento do goberno local na instalación da estatua en memoria dos Irmáns da Lixivia
A concelleira Mercedes Queixas denuncia que case 5 anos despois da súa doazón ao Concello, o Goberno Local aínda non instalou a estatua en memoria dos Irmáns da Lixivia. En concreto, sinala que o 1 de xullo de 2020 -hai case 5 anos- a Xunta de Goberno Local aceptaba a doazón ao Concello da escultura da autoría de Ramón Conde coa que se rende tributo á memoria dos coñecidos como “Os irmáns da lixivia” -os veciños de Monte Alto Jaroes, Bebel e France García– fusilados polos fascistas no Campo da Rata en 1936.
A escultura foi doada ao Concello por Selva García, filla do único dos irmáns superviventes ao golpe militar, Pepín García, e o compromiso do Goberno Local con ela foi que a obra se instalaría na rotonda da confluencia das rúas Paseo Alcalde Francisco Vázquez-Manuel García Canzobre-Regata Cutty Sark.
Mais, case 5 anos despois, a escultura aínda non foi colocada na localización prometida, o que levou a concelleira do BNG Mercedes Queixas a rexistrar un rogo oral para a súa lectura no Pleno do vindeiro xoves 13M.
O rogo reza como segue: “Que o Goberno Municipal asuma o seu compromiso e execute, no lugar comprometido e á maior brevidade, a instalación da escultura de Ramón Conde que homenaxea “Os irmáns da lixivia”, como mostra de recuperación da memoria persoal e familiar das vítimas da guerra civil e da ditadura na Coruña”.
A extrema dilación no cumprimento do compromiso contraído polo Goberno Local coa familia destas vítimas do fascismo constitúe unha “falta de respecto” á súa memoria, particularmente incomprensíbel vindo dun “goberno que se autodenomina como progresista”, xulga Queixas.
“Nin a familia desta vítimas da guerra civil nin o propio escultor comprenden a que se debe esta dilación na execución deste compromiso”, conclúe Queixas antes de lle demandar ao Goberno Local que canto antes proceda a facer un recoñecemento público -memoria e reparación- aos irmáns da lixivia.
A fonte orixinal desta nota de prensa pode consultarse na seguinte ligazón: https://acorunha.bng.gal/articulo/novas/case-5-anos-despois-da-sua-doazon-ao-concello-goberno-local-ainda-non-instalou-estatua-memoria-dos-irmans-da-lixivia/20250310133343011641.html
