Novas do asociacionismo memorialista

O Día das Mapoulas, que se celebra este mércores nas Atochas, reivindica o papel dos centros sociais no pasado e o presente da Coruña

A asociación cultural Refuxios da Memoria dedica cada 10 de xullo a recuperar e poñer en común a historia antifranquista e feminista do barrio. As actividades desta edición comezarán no Campo de Artillería (19h), para rematar na praza da Corales, ao final da rúa San Xosé

A asociación cultural Refuxios da Memoria convoca este mércores á veciñanza do barrio das Atochas e Monte Alto á celebración do Día das Mapoulas
Libertarias, que se desenvolve cada 10 de xullo como forma de recuperar e reivindicar a memoria das veciñas do barrio que o 10 de xullo de 1937 foron asasinadas, perseguidas ou obrigadas a fuxir nun asalto policial orquestado polas autoridades franquistas contra as redes de resistencia antifascista da Coruña.

Nesta edición, a sétima, a xornada estará centrada no papel que tiveron, nos anos previos ao golpe militar que instaurou a ditadura e tamén no pasado recente e no presente da cidade, os centros sociais, ateneos e, en xeral, da función da autoxestión como barreira de contención de derivas sociais autoritarias e de creación de horizontes alternativos, así como nodos de encontro autoformación e cultura.


Deles falarase, de maneira coral, a partir das 19 horas, no Campo de Artillería, onde está previsto que comecen as actividades deste Día das Mapoulas. Dalí, a comitiva dirixirase á praza de Cántigas da Terra, onde ase situaban algunhas das casas-refuxio onde as veciñas libertarias das Atochas deron acubillo e forneceron as redes de resistencia ao réxime fascista desde 1936.


O roteiro concluirá, cara ás 20 horas, na praza da Corales, no remate da rúa San Xosé, renomeada así como homenaxe á sindicalista Basilisa Álvarez, La Corales, unha das mulleres anarquistas cuxa memoria se reivindica cada 10 de xullo, e cuxa casa-refuxio foi asaltada polas autoridades franquistas naquel 1937. Na homenaxe haberá música, a da formación feminina Casa Balteira, lecturas e as intervencións da poeta, mestra e creadora feminista Carmen Blanco e de Carla Abelha, unha muller da clase traballadora.


Desde as 21 horas, a festa continuará no bar Patachim (rúa Orillamar, 16) nunha sesión aberta a quen queira participar, con cereixas, sardiñas e foliada.

O día das Mapoulas Libertarias

O Día das Mapoulas Libertarias está organizado por Refuxios da Memoria, un colectivo de investigación e divulgación creado en 2018 para traballar no eido das memorias colectivas e arredor do movemento obreiro libertario coruñés, nomeadamente no barrio das Atochas e Monte Alto. A deste luns será sétima edición do memorial, que comezou a celebrarse no ano 2018, tras un proceso de investigación sobre a memoria libertaria do barrio das Atochas, recollido na web https://www.refuxiosdamemoria.org/

As fotografías do evento serán publicadas na conta de X e Instagram do colectivo @refuxios e poderán usarse para a súa difusión. Calquera consulta sobre a actividade pódese dirixir á conta de X do colectivo, ao email memorial@refuxiosdamemoria.org ou ao teléfono 652 812 076 (Daniel Palleiro).

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *