O goberno do Estado debe abrir xa ao público o Pazo de Meirás e iniciar xa os traballos que permitan a cesión modal deste ben
Unha vez confirmada a firmeza da sentenza do Tribunal Supremo a CRMH da Coruña reclama a cesión a Galiza deste ben e esixe ao Estado a apertura sen demora do Pazo de Meirás ao público.
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña ven de coñecer a resposta do goberno do Estado a unha pregunta do Bloque Nacionalista Galego no Congreso dos deputad@s, en relación coa posíbel transferencia do Pazo de Meirás a Galiza baixo a fórmula de cesión modal e sobre a garantía de participación da sociedade galega na definición dos usos e da xestión dese lugar.
A este respecto, o goberno do Estado remite a toma destas decisións á Comisión de coordinación de actuacións relativas á xestión e usos do Pazo creada no ano 2021, unha vez que o Tribunal Supremo ratifique a atribución definitiva da propiedade do Pazo de Meirás.
A CRMH da Coruña, vistas estas manifestacións, quere lembrar as seguintes cuestións:
- A citada comisión tiña previsión de constitución ao abeiro dun “Protocolo Xeral de Coordinación temporal de actuacións entre a Administración Xeral do Estado, a Xunta de Galiza, a Deputación Provincial da Coruña e os Concellos da Coruña e Sada” asinado en xuño do ano 2021. Tamén estaba prevista a creación dunha “Comisión de Asesoramento científico e técnico” con persoas propostas pola Administración Xeral do Estado, a Xunta de Galiza, a Deputación da Coruña, o Concello de Sada e A Coruña, a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega. Ningunha das dúas comisións foron convocadas desde a sinatura do protocolo (vai facer o vindeiro mes de xuño 5 anos), e polo tanto, nunca se constituíron de xeito formal.
- A vixencia prevista inicialmente no propio protocolo era de 4 anos ou “ate que adquirisen firmeza as resolucións xudiciais que afectan ao mencionado inmóbel”
- Recentemente coñeciamos a Sentenza do Tribunal Supremo 386/2026 (relativa á propiedade do Pazo de Meirás e sobre o dereito dos herdeiros do ditador Franco a ser indemnizados polos gastos necesarios e útiles realizados no inmóbel) , ao que non se presentou recurso algún polas partes persoadas nos prazos legais establecidos, polo que a citada sentenza adquiriu firmeza a todos os efectos.
En base ás evidencias das cuestións anteriormente formuladas, a CRMH da Coruña quere manifestar:
- A formula anunciada polo Estado para abordar cuestións moi importantes relativas aos usos futuros e cesión do inmóbel a Galiza, pode ser acaída sempre que o Estado actualice os obxectivos e fíns para o que foi asinado o citado protocolo, que como pode concluírse da súa lectura, o Estado incumpriu manifestamente durante case 5 anos da súa vixencia.
- A actualización do citado protocolo debe garantir a participación real da sociedade galega, e nomeadamente do memorialismo galego na súa toma de decisións.
- Os traballos sobre a resignificación, usos futuros do ben e cesión modal do Pazo de Meirás a Galiza deben comezar sen máis demora, unha vez que a citada sentenza sobre a titularidade de Meirás adquiriu firmeza, e a Administración Xeral do Estado é propietario deste ben a todos os efectos.
- En consecuencia co apartado anterior, non existe ningunha xustificación para que o Estado impida ás visitas públicas ao interior das Torres e outras dependencias do Pazo, polo que a CRMH da Coruña esixe ao Estado o cumprimento da legalidade e permita o acceso e disfrute público deste ben.
- A CRMH da Coruña reivindica a cesión modal do Pazo a Galiza. Esta cesión en todo caso debe garantir a titularidade e usos públicos, asociados á memoria histórica e coa represión franquista coa complementariedade da vinculación de Meirás coa vida e obra de Emilia Pardo Bazán.

A CRMH da Coruña diante da liquidación do estado posesorio (indemnización aos herdeiros do ditador Franco)
Como xa comentamos con anterioridade, a sentenza do Tribunal Supremo sobre o Pazo de Meirás, adquiriu firmeza. E con ela, o dereito dos herdeiros do ditador Franco a ser indemnizados na condición de posuidores de “boa fe” polos gastos necesarios e útiles realizados no inmóbel.
Desde a CRMH da Coruña queremos manifestar publicamente, unha vez máis, a necesidade dunha reflexión democrática a este respecto. E preciso coñecer este proceso, as razóns que levaron aos Franco a que un xulgado lles recoñeza un dereito inaceptábel en termos democráticos e históricos.
Máis en todo caso, a CRMH da Coruña solicita novamente ao goberno do Estado que de as instrucións oportunas á avogacía do Estado para que no incidente de execución de sentenza de liquidación do estado posesorio que se abrirá proximamente polo Tribunal de Instancia correspondente da Coruña, se combata neste proceso activamente as pretensións dos herdeiros do ditador. Todo elo co obxectivo de evitar, ou no peor dos casos limitar o importe resultante de dita liquidación e o seu enriquecemento inxusto


