Novas do asociacionismo memorialista

O memorial ás vítimas do franquismo que se inaugurará este vindeiro domingo en Celanova inclue un veciño de Arteixo

Os actos que honran ás vítimas da represión franquista enterradas no cemiterio de Celanova, celebraranse o domingo 23 de marzo.

O Memorial dos 90 de San Breixo, en Celanova, listo para a inauguración, inclue a Enrique Senra Fernández, falecido o 23 de abril de 1941 na prisión Central de Celanova. Tiña 26 anos e fora xulgado en Oviedo en febreiro de 1938, ingresando en Celanova un ano despois. Enrique Senra Fernández era natural do Val, na parroquia de Loureda en Arteixo.

Entre agosto de 1936 e agosto de 1943 están documentados os enterramentos de 90 homes, vítimas da represión fascista durante a guerra e a ditadura, no cemiterio de San Breixo, en Celanova (Terra de Celanova).

A prisión Central de Celanova, operativa até finais de setembro de 1943, foi o principal centro de represión na comarca e na provincia de Ourense. O historiador Domingo Rodríguez Teijeiro tiña identificados máis de oitenta presos que penaron na cadea e acabaron enterrados no cemiterio parroquial.

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova ampliou a lista a 87 presos despois de ter consultado numerosos expedientes no Arquivo Histórico Provincial de Ourense, e engadiu tres máis, os dos irmáns Fuentes Canal (veciños de Ourense), paseados en Celanova en agosto do 36, e o do guerrilleiro monfortino, Ramón Yáñez Pereira, un dos xefes da guerrilla no Laboreiro, asasinado polas forzas franquista sen xullo do 43.

Hai 7 galegos entre as vítimas que conmemora o memorial que se inaugurará o domingo 23 de marzo. Ademais dos citados, están: Benito Bello Fernández, veciño de Cenlle; Domingo Mantilla, natural de Sober, mais veciño de Ribadavia onde traballaba no ferrocarril; Enrique Senra, da parroquia de Loureda en Arteixo, e o cidadán portugués, canteiro e veciño de Luíntra, Manuel Faría.

A maioría das vítimas foron asturianas, trasladados desde outras prisións en grandes continxentes desde a segunda metade do 38 até o final oficial da guerra. Entre as 90 vítimas, 43 tiñan esa procedencia. Asturianos eran os sete mozos fusilados en setembro de 1939 no mesmo cemiterio e soterrados nunha fosa común que se exhumou a finais de 2022 permitindo a entrega dos restos a tres familias.

Precisamente no xardín onde se atopou a fosa ergueranse o próximo día 23 dous elementos memorialísticos para honrar as vítimas e sinalar San Breixo como lugar de memoria.

Un deles, instalado desde esta semana, o Memorial dos 90 de San Breixo, recolle, segundo orde cronolóxica, a lista de nomes das vítimas enterradas. É obra de Baldomero Moreiras: unha peza de ferro con dúas placas de aceiro, onde van inscritos os nomes, coroada coas siluetas de dúas pombas e elevada sobre unha sepultura que lembra a represión que proseguiu sobre Celanova durante toda a ditadura.

Tamén se instalará un monolito, obra de Uqui Permui, dunha serie que vincula os traballos de exhumación do Plan estatal de fosas nos diferentes cemiterios do país. O primeiro deles inaugurouse hai uns meses en Vilagarcía de Arousa, na comarca do Salnés.

Fonte: Diario Nós: https://www.nosdiario.gal/articulo/memoria/memorial-dos-90-san-brexio-listo-inauguracion/20250314152620218460.html

Partillar

Un comentario en «O memorial ás vítimas do franquismo que se inaugurará este vindeiro domingo en Celanova inclue un veciño de Arteixo»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *