Opinión

O nome do “Pazo de Meirás” non é un invento de Franco

Carlos R. Babío Urkidi

A descrición do “Pazo de Meirás” ofrece confusións en función de quen escriba sobre a  súa historia. Nesta propiedade coñecida sempre socialmente como Pazo de Meirás foron aparecendo termos ao longo da súa existencia como “Granja de Meirás”, “Torres de Meirás”, “Pazo del Caudillo”, conxugados no tempo co propio nome de “Pazo de Meirás”… Termos estes que achegan análises diferentes de como se denominou  realmente esta propiedade, e que responden a contextos históricos concretos e tamén á influencia das persoas que durante o tempo, estiveron vinculadas a esta propiedade

A conxugación destes conceptos levan a diferentes interpretacións sobre como debe definirse esta propiedade, incluso propóndose nalgúns casos que debe mudarse mesmamente o nome de “Pazo de Meirás”. Outras opinións afirman que a denominación de Pazo aparece coa chegada de Franco en 1938, por decisión meditada da ditadura e de quen encarnaba o liderado desta.

Máis é isto último verdade? Ou ten que ver máis coa construción de relatos épicos que se lle outorgan ao franquismo? Existiu realmente o Pazo de Meirás con anterioridade a Franco? Como debemos referirnos a esta propiedade? Porque aparecen no tempo diferentes definicións para referirse a esta propiedade e a que responden?

Sirva este artigo para axudar a dar resposta a estas preguntas desde o estudo e a experiencia que pode ter un na investigación sobre os procesos históricos que se dan en Meirás. Como conclusións estarán a matización dalgunhas das afirmacións que sobre este tema se publican, e noutros casos coa discrepancia máis absoluta por entender que non responden a feitos históricos acontecidos en Meirás. Máis vexamos as razóns polas que se chegan a elas:

En primeiro lugar debemos diferenciar varios etapas históricas ao redor do Pazo de Meirás:

De 1809 a 1907: Vai desde a destrución dunha antiga fortaleza polos franceses na guerra da independencia e a reconstrución como casa de campo polo avó de Emilia Pardo Bazán, e as súas posteriores transmisións ao pai de Emilia, e de este á escritora. A partir de 1893 comezará a construción das Torres ás que se mudará Emilia en 1907. Esa “fortaleza” atribúeselle xa incluso a condición de “Pazo” na Resolución que no ano 2008 incoa o procedemento para a declaración “das Torres de Meirás, tamén coñecido como Pazo de Meirás” na que expresamente afirma: “Historicamente está documentada neste lugar, nunha finca orixinariamente propiedade da familia paterna de Emilia Pardo Bazán, a preexistencia dunha edificación de Pazo que foi incendiada polos franceses en 1809”.

De 1907 a 1921: O período onde Emilia Pardo Bazán pasa 14 anos (temporadas nas estacións máis secas do ano), xa nas Torres de Meirás.

De 1921 a 1938: Nesta etapa esta propiedade, e tras a morte de Emilia Pardo Bazán, pasa a estar “xestionada” por Jaime Quiroga – fillo da escritora – e Jose Cavalcanti, casado con Blanca Quiroga, filla tamén de Pardo Bazán.

De 1938 a 1975: Toma de posesión do ditador Franco no que pasa temporadas de verán. 37 anos consecutivos ate a súa morte en 1975.

En segundo lugar debemos definir o que é un pazo. Conveñamos características comúns ao mundo pacego galego; un lugar onde existe unha casa “solariega” nun entorno rural, propiedade dunha persoa nobre ou burguesa onde existen actividades agropecuarias, xardíns e capela.

É por último, desmontemos unha afirmación falsa que por moitas referencias bibliográficas que a conteñen, non a converterán en verdade. Non é certo, por moito que se repita, que as Torres de Meirás están construídas sobre as ruínas dunha fortaleza destruída polas tropas francesas en 1809 durante a guerra da independencia. Como tampouco foi verdade, como xa demostramos, a falsa doazón que o relato oficial franquista contou sobre como o Pazo de Meirás – e boa parte das terras e mesmo algunha casa adxacente – rematan inscritas como novas pertenzas de Franco no rexistro da propiedade de Betanzos.

Sabemos que boa parte da obra literaria de Emilia Pardo Bazán creouse en Meirás. E sabemos tamén que Pardo Bazán non establece a súa residencia nas Torres ate 1907 – por estar en proceso de construción desde 1893 -, polo que é perfectamente deducíbel que non escribiu obras como “La Tribuna” (1882) ou “La Piedra Angular” (1891) enriba da “escombreira” deixada alí anos antes polas tropas francesas.

Polo tanto, primeira confusión a resolver. As Torres non se constrúen sobre as ruínas de nada. É o antigo Pazo de Meirás o que se reconstrúe sobre aquela antiga fortaleza ou pazo destruído polos franceses na guerra da independencia.

E quen reconstrúe aquela fortaleza destruída a partir de 1809 é Miguel Pardo Bazán o avó de Emilia Pardo Bazán quen  restaura esta propiedade como casa dedicada á xestión da produción agropecuaria, labor que na que afondará o pai da escritora José Pardo Bazán. Converterase así nunha casa solariega (definición desta propiedade de uso común na época) coas características antes comentadas presentes no mundo pacego galego, como xa se comentou tamén. Por exemplo a capela, presente en Meirás con anterioridade á existencia das propias Torres, e na que precisamente casa a propia Emilia Pardo Bazán o 10 de xullo de 1868.

José Pardo Bazán promove todas estas actividades pacegas en Meirás, máis non chegará a ver a colocación da primeira pedra das Torres de Meirás, que ordea colocar a súa única filla Emilia Pardo Bazán tres anos despois da morte deste. E isto non é casualidade, xa que a escritora tiña outros plans diferentes para a finca de Meirás, como veremos máis adiante.

A través das hemerotecas podemos contrastar que na época, tras esta reconstrución realizada polos antepasados de Emilia , este inmoble recibía a denominación de Pazo. Así se refería por exemplo o xornal “La Época”, que na súa edición de 26 de agosto de 1897, e con motivo da presenza de Pardo Bazán no palco de autoridades nos actos na Coruña pola morte de Cánovas del Castillo, “quien acompañada de sus hijos y vestida de riguroso luto, llegó a ocuparla desde sú Pazo de Meirás”. No mesmo artigo fala dun loureiro empregado nos funerias e que “procedía de la hermosa quinta que en Meirás posee la eximia escritora Dª Emilia Pardo Bazán”.  É só un exemplo dos moitos que podemos atopar na época de referencias do Pazo de Meirás na prensa que aludían, lembremos,  a unha propiedade onde aínda non existían ás Torres tal e como as coñecemos hoxe.

As primeiras imaxes que podemos visualizar das Torres pertencen xa ao inicio do século XX. A máis antiga coñecida a día de hoxe será un gravado delas publicado polo xornal “El Noroeste” en agosto de 1902 onde vese a fachada da capela construída, e as dúas torres baixas, faltando a fachada principal por rematar e a torre de Levante só tiña o primeiro andar en construción. Compre sinalar tamén que non coñecemos imaxes dese antigo Pazo, o que axuda a que non se comprenda a día de hoxe a complexidade descritiva da finca.

A definición desta propiedade como Pazo de Meirás, antes da existencia das Torres mestúrase coa definición que a propia Pardo Bazán lle da a este inmoble: “La Granja de Meirás”, como unha evocación literaria nun ambiente rural e descritivo das actividades que se desenvolvían no inmoble, isto é a actividade gandeira e agraria. Ou sexa, as propias do mundo pacego galego. Termo empregado en vida do seu pai

Que Pardo Bazán empregase literariamente o termo Granxa como definición desta propiedade, non significa que non se referise a Meirás como Pazo, como o demostra esta carta que dirixe desde esta propiedade a Emilio Castelar no verán de 1898 (conservada no arquivo da BNE), cando as Torres de Meirás estaban aínda nun incipiente estado de construción.

Coa mudanza en 1907 de Pardo Bazán do antigo Pazo de Meirás ás Torres comezará en boa medida a confusión para definir correctamente á propiedade que como se ve, chega aos nosos días. Emilia pasará a residir nunhas torres froito da súa inspiración e deseño persoal. Unha especie de castelo onde todo resposta á condición de nobre e literaria da súa moradora e que contrasta fondamente con ese Pazo de Meirás herdado do seu pai anos antes.

Porque ambos edificios convivirán na propiedade, máis agora compre destacar o que pasará a ser unha obra arquitectónica da escritora: “As Torres de Meirás”, moi distinta dun Pazo acolledor e inspirador literario, máis no que Emilia Pardo Bazán non se sinte representada. As Torres son a súa obra e será o que ela destaque como enderezo das súas estadías nas Mariñas de Sada. É por elo que deste ano de 1907 será a  definición máis habitual que se lle dará á propiedade nos medios, e única nos escritos que ela realizará desde Meirás, anque convivindo coa denominación máis  popularizada e socialmente empregada do “Pazo de Meirás”.

Como consecuencia do anterior, desapareceran a partir deste momento ás referencias de Emilia Pardo Bazán a esta propiedade como “Granja de Meirás”, empregando nas súas cartas e material de imprenta a definición de Torres de Meirás incluso un ano antes de mudarse ás Torres, aínda en construción, como podemos ver nas seguintes imaxes:

Máis todo isto non significa que desaparecesen do Pazo de Meirás as actividades gandeiras e agropecuarias. Incluso, boa parte dos ingresos da familia Pardo Bazán están ligados a estas actividades e ao arrendamento de terras.

De feito, como era habitual no funcionamento dos pazos galegos, existía unha unidade administrativa de xestión que tamén podemos contrastar a súa existencia no caso do pazo de Meirás. Xestión que terá como protagonista central ese edificio ao que Emilia Pardo Bazán quería darlle toda a relevancia e liderado, como se pode ver neste documento de imprenta, encabezando o lugar xunto a data como Torres de Meirás e asinado polo administrador dese Pazo, Francisco Roca Martínez, marido de Pilar Chas Portela, cociñeira da casa (citada como Pilara, no libro “La Quimera” de Emilia Pardo Bazán).

A convivencia descritiva da propiedade con dúas realidades fondamente diferentes como son un antigo Pazo e un castelo medieval que pasou a ser a construción principal do conxunto, vai ter novas acepcións coa chegada de Franco en 1938, conxugando catro termos. Dous, os definitorios da propiedade (pazo e torres) outro co topónimo no que se atopan (Meirás) e outro coa descrición do novo morador (caudillo). Nunca se conxugarán as catro xuntas, facéndose diferentes combinacións entre elas (El Pazo de las Torres de Meirás, El Pazo del Caudillo, El Pazo de las  Torres del Caudillo….), quedando co tempo a definición da propiedade como Pazo de Meirás.

É máis. Esa etapa de Meirás que vai desde a mudanza de Emilia ás Torres en 1907 e a súa morte en 1921 faise visíbel, como xa se comentou, a presenza do termo “Torres de Meirás” froito do desexo da escritora. Máis aínda así, anque a escritora non empregará nunca máis xa o termo “Granja” ou “Pazo”, podemos comprobar como o termo “Pazo de Meirás” non desaparece totalmente da prensa escrita da época nos 20 anos que Emilia Pardo Bazán pasa longas temporadas nas Torres de Meirás. Isto demostra o uso social do termo do que existe memoria, incluso na propia parroquia de Meirás de persoas coetáneas coa época da propia Emilia Pardo Bazán. Estas persoas sempre se referían a esta propiedade como “Pazo de Meirás”, o que axudará a confundir as Torres co concepto de Pazo.

E esta atribución do concepto de Pazo ás Torres de Meirás estarán presentes desde a xénese da existencia destas. Unha confusión que se presentará moitas veces e que irá afondándose no tempo.

Tras o falecemento de Emilia, volverá a empregarse con maior frecuencia tamén na prensa e en xeral nos medios escritos,  o termo que socialmente, como xa se comentou, era común na época para referenciar a este inmóbel. A propia escritura que formaliza a “Junta Pro Pazo del Caudillo”  referenciaba a propiedade transmitida en 1938 como “Pazo y Torres de Meirás” (as duas realidades existentes nese terreo) con descrición concreta da finca, das Torres e dese antigo Pazo como “pabellones de distinta traza, destinados a los diferentes servicios de esta clase de fincas de recreo, en número de cinco, dos de ellos emplazados en una y otra de los márgenes del camino de entrada a la finca”. E esas “fincas de recreo” en Galiza estaban asociadas en boa medida a propiedades de nobres ou burgueses e, xa que logo, a esa tipoloxía que podemos asociar cos pazos galegos.

É certo que coa chegada de Franco, o Pazo perderá características naturais propias do mundo pacego galego, anque se mantiveron actividades agropecuarias e gandeiras durante os 37 veráns que Franco pasou en Meirás, onde todos os gastos da actividade os asumía a administración, como se dunha explotación pública se tratase, e os beneficios eran practicamente ingresados na súa totalidade na conta bancaria do ditador.

Coa chegada de Franco chegará tamén a transformación da finca, que mediante abusos cometidos contra os propietarios e arrendatarios, que perderan os seus dereitos sobre as terras, a propiedade será ampliada en case 3 hectáreas e a incorporación dunha nova casa de tipoloxía labrega.

Eses pavillóns aos que facía referencia a escritura serán profundamente transformados neste período. Incluso algúns deles con construcións anexas serán eliminadas, e ese antigo Pazo pasará en parte, e convivindo con actividades agropecuarias, a ser infraestrutura de servizo da residencia oficial de verán da xefatura do estado. As Torres de Meirás.

É tamén é certo que hoxe esa vella finca de Meirás carece practicamente de vestixios daquel Pazo, pola fonda pegada deixada alí polo ditador Franco. Máis iso non xustifica desligar esa propiedade da definición como Pazo, que como a inmensa maioría dos Pazos galegos, perderon a concepción orixinaria das actividades que desenvolveron no pasado. Incluso a pesar que Meirás ten características peculiares dentro das características pacegas.

O que non é certo é que coa chegada de Franco en 1938 aparecese a definición de Meirás como Pazo como algo novidoso e concibido polo propio ditador, máis aló dos matices xa comentados. Porque non existe ningún “transito a Pazo” desde unhas “Torres de Meirás”. En todo caso, poderá existir unha clara vinculación do termo “Torres de Meirás” con Emilia Pardo Bazán (a partir de 1907 e ate 1921), e de “Pazo de Meirás” a partir da presenza de Franco en 1938 (mesturado nalgunhas ocasións co termo “El Pazo de las Torres de Meirás”). Máis en ningún caso o termo “Pazo” é ningunha novidade en Meirás a partir de 1938.

Ao igual que pasara co termo “Pazo de Meirás”, que non desapareceu totalmente no uso na etapa que Emilia Pardo Bazán residiu nas Torres, o termo “Torres de Meirás” tampouco desaparecerá coa chegada de Franco, como podemos ver nalgunhas publicacións da prensa da época:

De feito o “Pazo” é o único termo que está presente sempre en Meirás desde que o avó de Emilia Pardo Bazán decide reconstruír aquela vella fortaleza destruída polos franceses na guerra da independencia, e que chega ate os nosos días.

Afirmar que o Pazo de Meirás “nunca foi pazo”, que este é resultado “dunha decisión de Franco ou do seu réxime”, ou que este termo precisa “repensarse” ou mesmo “resignificarse”, segundo afirman algúns historiadores é, cando menos, algo dificil de comprender socialmente. Tamén para aquelas persoas que levamos traballando moitos anos no estudo e investigación ao redor do Pazo de Meirás, tamén na reivindicación social, no activismo memorialístico e compromiso.

E tamén é difícil de comprender o relato histórico a este respecto que se recolle na resolución que acorda incoar o procedemento de declaración do Pazo de Meirás como Lugar de Memoria Democrática. Nela afirmase que “O Pazo de Meirás… está intimamente ligado á figura de Emilia Pardo Bazán e ao franquismo”, algo moi evidente, máis que contradise co que se afirma a continuación: “De 1938 a 1975, xa como Pazo, foi sede estival da xefatura do estado”. Unha afirmación que como podemos ver non é certa, e que só axuda a aumentar a confusión sobre a definición do inmoble.

Sobre esta propiedade de Meirás, é habitual a grandilocuencia, o uso de certa épica, e faltou case sempre rigor. E memoria. Memoria histórica que seguiremos a reivindicar.

Partillar

Un comentario en «O nome do “Pazo de Meirás” non é un invento de Franco»

  • Bravo. Canto sabe este home. E canto mais sabe, a visión de conxunto faise mais nidia. Grazas Babío, sen o teu traballo, nada disto tería pasado.

    Resposta

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *