Actualidade

O pasado venres 30 de maio reuniuse por primeira vez, despois de case catro anos,o Consello da Memoria Democrática do Concello da Coruña

Durante todo este tempo a CRMH da Coruña leva reclamando ao concello que se cite este órgano consultivo e de participación cidadá (que segundo o seu regulamento, ten que reunirse ordinariamente cada seis meses) e denunciando esta situación ante os medios de comunicación. Hai unha circunstancia pola que entendíamos especialmente que esta reunión era urxente: a necesitade de retirar da simboloxía franquista da cidade xa que, aínda a estas alturas, despois de dúas leis de memoria e a case 50 anos da morte do ditador, a nosa cidade segue a ser neste tema unha anomalía democrática.

Esta reivindicación por fin deu os seus froitos e no último punto da reunión do venres, por unanimidade, o CMD decide instar ao pleno do concello da Coruña que, coa máxima urxencia, tome as medidas necesarias para aplicar a Lei 20/2022, do 19 de outubro, de Memoria Democrática. Remíteselle para esa labor a memoria do grupo de traballo da Memoria Democrática coordinado por Ana Romero Masiá, directora do Instituto José Cornide e presentado no 2020. A decisión de crear este grupo tomouse por unanimidade no CMD do 27 de novembro de 2019 para que puxese en marcha estudos sobre a retirada da simboloxía franquista da Coruña. Dende a CRMH consideramos este estudo un bo punto de partida aínda que consideramos que debe ser ampliado e actualizado para adaptarse a nova lei de memoria democrática do 2022

En calquer caso valorouse uanimemente a necesidade de que non haxa máis demoras ni excusas para seguir adiando máis a aplicación da Lei e que o Pleno da Corporación da Coruña debe tomar un acordo con urxencia a este respecto.

Tamén houbo consenso en outra das nosas reivindicacións: en que é necesario que dende o concello se faga política educativa a favor da memoria democrática, e ofertar actividades aos centros educativos. Acórdase formar un Grupo de Traballo sobre esta cuestión e noméase como coordinadora a Ana Romero Masiá, directora do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses.

Aprobouse igualmente por unanimidade a proposta da Xunta de Persoal do Concello da Coruña para a reparación dos traballadores municipais vítimas do franquismo. Tamén hai unanimidade na necesidade de ampliar o informe presentado para dar a coñecer os nomes e número de vítimas, e o alcance da represión. O Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses acepta encargarse desta labor e a CRMH ofrécese para aportar a documentación e investigacións que ten a ese respecto, colaborando activamente neste proxecto e acordo adoptado polo CMD.


Aceptouse meter na orde do día as seguintes cuestións:

Por parte do BNG preguntouse sobre as razóns polas que aínda non se colocou a escultura sobre “os irmáns da lixivia” realizada polo escultor Ramón Conde. A concelleira Mercedes Queixas reclamou que o concello cumpra o compromiso adquirido hai casi 5 anos e instale a escultura no lugar comprometido de maneira inmediata. O concelleiro alegou cuestións técnicas sen concretar. Dende a CRMH apoiamos esta iniciativa e o recoñecemento aos “irmáns da lixivia” como vítimas do franquismo e parte fundamental da memoria da nosa cidade.

A proposta da CRMH, Aprobouse por unanimidade revisar as actuación para que se cumpra o acordo para a retirada da distinción de fillo adoptivo da cidade a Manuel Fraga Iribarne, recordando que xa en 2019 o pleno do concello acordaba iniciar o expediente para retirar esta distinción.

Tamén deuse conta por parte da CRMH da previsión de solicitudes que presentaremos para que sexan declarados Lugares de Memoria de acordo co disposto na Lei 20/2022, do 19 de outubro, de Memoria Democrática, e dos que iremos facendo presentacións públicas proximamente.

A CRMH fará seguimento para o cumprimento dos acordos do CMD, e moi especialmente do tratado e acordado a respecto da retirada da simboloxía franquista na cidade da Coruña

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *