O roteiro da memoria que organiza a CRMH da Coruña este sábado día 30, partirá do monumento a Alfonso Molina
A CRMH da Coruña, dentro das actividades que está a desenvolver con motivo da celebración do 20 aniversario da creación da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, e que contan co patrocinio do Concello da Coruña, organiza para este sábado 30 de novembro, un Roteiro da memoria da represión e dos restos do franquismo.
A idea é visitar algúns elementos representativos dos restos do franquismo na cidade da Coruña, e que se abordaron durante as diferentes palestras que formaron parte das Xornadas polo 20 aniversario da CRMH da Coruña, esto é, a simboloxía franquista que pervive na cidade, os espolios do franquismo e os lugares da memoria da represión na Coruña.
O punto de partida será ás 12:00 horas no monumento adicado á memoria de Alfonso Molina, quen fora alcalde franquista na cidade da Coruña situado en Porta Real, precisamente fronte ao edificio coñecido como “Casa Molina”.
A inauguración deste monumento (pode verse unha instantanea na imaxe que encabeza este post), esta vinculado á memoria e a exaltación do franquismo e da súa impunidade. Así, o 7 de outubro de 1968, procediase por parte de quen era alcalde franquista da cidade naquel momento, a descrubrir e inaugurar o monumento. A ese acto oficial da corporación municipal franquista, participaron (tamén de xeito oficial, e entre outras persoas) as seguintes “autoridades”:
- O gobernador civil franquista, Prudencio Landín Carrasco, que ocupou diferentes cargos de responsabilidade política durante o franquismo.
- O gobernador militar na Coruña, Julio Coloma Gallegos
- Santiago Basanta Silva, presidente da audiencia territorial
- Jose María Leirado Sacristán, fiscal xefe da audiencia territorial
- Rafael Puga Ramón, Presidente da Deputación Provincial da Coruña
- Demetrio Salorio Suárez, alcalde da Coruña
- Sergio Peñamaría de Llano, exalcalde da Coruña
Deste elenco de autoridades franquistas, destacamos por exemplo a Sergio Peñamaría de Llano, que figura no informe realizado polo Grupo de Traballo de Memoria Democrática do Instituto coruñés José Cornide, para a aplicación da Lei de Memoria Histórica no concello da Coruña, en relación coa denominación de rúas, avenidas e prazas da cidade. Entre as cuestións que se recollen sinalamos as seguintes:
- Como falanxista, Sergio Peñamaría exerceu de vocal na mesa central electoral para as eleccións sindicais do novo réxime, celebradas polas diferentes seccións, a partir do 21 de outubro de 1944 na Coruña. Durante eses anos de posguerra, estivo destinado no I Terzo da III Bandeira da Lexión, con actuación na zona de Valdeorras, co fin de perseguir e reprimir os fuxidos.
- Na súa condición de fiscal xefe da Auditoría da VIII Rexión Militar, Sergio Peñamaría de Llano actuou en varios consellos de guerra sumarísimos que levaron á morte, ou ao presidio, a numerosos individuos. Especialmente activo estivo en 1946, ano no que localizamos varios consellos de guerra sumarísimos celebrados na Coruña nos que Peñamaría actuou como fiscal.
- En xullo de 1950 entregáronlle un diploma polos seus cargos de secretario local do Movimento e de delegado da Vieja Guardia
Mais tamén figura no citado informe o propio Alfonso Molina Brandao. Reproducimos algunhas das cuestións que constan sobre actuacións nos diferentes cargos do homenaxeado ese día coa inauguración do monumento que permanece a día de hoxe:
- Participou activamente no espolio de Meirás
- …O seu papel como presidente da Cámara da Propiedade o que o implica directamente nas actividades represoras. Iniciou procesos de depuración laboral, en cumprimento cos decretos da Xunta de Defensa Nacional, e no momento de aceptar o cargo sabía que estaría obrigado a facelo. É, polo tanto, colaborador activo na represión nese momento, e polo tanto se lle deben retirar os honores concedidos: o título de Fillo Predilecto e a Medalla de Ouro da cidade, ademais de cambiar o nome da Avenida e retirar o monólito colocado en Porta Real e o seu retrato no Concello realizado por José Luis Rodríguez Sánchez.
Poucas dúbidas deben quedar sobre a necesidade de retirar símbolos e restos do franquismo das nosas rúas e prazas. FRANQUISMO NUNCA MÁIS !