
Os que queimaron soños
O pasado 18 de xullo, a nosa asociación acompañaba nun roteiro da memoria organizado pola AC Alexandre Bóveda. Neste roteiro fixemos unha parada final na dársena da Coruña, onde se celebrou vai facer agora 90 anos, un terríbel suceso. Unha queima de libros organizado polos bárbaros fascistas.
O noso compañeiro Carlos Ares, escribiu este artigo sobre estes feitos, que transcribimos a continuación:


Os que queimaron soños
Neste agosto que ven vanse cumprir noventa anos da queima de libros no porto da Coruña. Un porto que viviu moitos momentos bonitos e felices (a chegada a porto dun barco pesqueiro “copado” de peixe sempre é un momento bonito e feliz) Tamén momentos terribles, naufraxios, malas novas, milleiros de homes e mulleres cara a emigración por motivos políticos e económicos (se cadra ter que buscar outras terras para poder comer é tamén un motivo político)
Nese agosto terrible hai unha foto que di moito de como foron eses tempos. Uns fascistas queiman libros. Libros de bibliotecas de centros obreiros, da Biblioteca de Estudos Sociais “Germinal”, do Círculo de Artesáns… Os mesmos que torturaron, que asasinaron persoas polo terrible delito de buscar un mundo máis xusto, máis libre, mellor, queimaron libros. Tiña que ser. Querían rematar coa liberdade, co sentimento de felicidade, a queima de libros era unha parte inseparable.
Nin sequera eran orixinais. Os fascistas nunca o son. Imitaron moi ben imitado (os fascistas, iso si, son moi bos imitando) o que pasou na Alemaña nazi en 1933. Goebbels mandou queimar libros por “dexenerados”.
Non se contentaban con torturar, con asasinar. Tamén querían rematar cos soños, roubalos. Porque as bibliotecas son iso contedoras e fabricantes de soños.

O pasado 18 de Xullo, no 90 aniversario da Barbarie, A Asociación Cultural Alexandre Bóeveda organizou un roteiro da memoria. Dentro dese roteiro homenaxeamos, lembramos eses libros queimados. Lembramos o que moi ben define Manuel Rivas coma Bibliocausto. Colocamos un humilde vinilo lembrándoo. A Coruña sempre foi unha cidade que le, que ama os libros. Ogallá axiña haxa un memorial oficial lembrando ese terrible día. Eses libros aos que roubaron o seu propósito, dar felicidade, ben o merecen. Eses lectores que perderon esa felicidade ben o merecen. Esas Bibliotecas, eses soños que quixeron roubar (non o conseguiron, nunca o conseguirán) ben o merecen.

