Porque é necesario e moi urxente a declaración do antigo cárcere da Coruña como Lugar de Memoria?
A declaración non só supón un xusto e necesario recoñecemento ás vítimas do franquismo que penaron no cárcere. Serviría tamén como instrumento para acometer a maior das urxencias que ten neste momento ese espazo. A protección e a rehabilitación do cárcere no entorno da Torre de Hércules.
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña presentou onte escrito de solicitude de incoación de expediente para a declaración do antigo cárcere da Coruña como Lugar de Memoria Democrática en relación co disposto na Sección 4º da Lei de Memoria Democrática, como medida de xustiza e recoñecemento ás vítimas do franquismo.
Máis tamén fixo esta solicitude tendo en conta o criterio de que é necesario garantir o mantemento deste lugar tal e como o lembramos para que esta declaración teña sentido. Debe protexerse e rehabilitarse, e esta declaración axudará a garantir esta preservación do inmoble, hoxe en día en estado de abandono absoluto.
Neste sentido, o artigo 52.1 da Lei de Memoria Democrática establece que “as administracións públicas que sexan titulares de bens declarados lugares de memoria democrática en base á presente lei, con carácter xeral, estarán obrigados ao garantir a súa perdurabilidade, identificación explicación e sinalización acaida. En todo caso, as administracións públicas evitarán a remoción ou desaparación de vestixios erixidos en lembranza e recoñecemento de feitos representativos da memoria democrática e a loita da cidadanía polos dereitos e liberdades en calquera época”.
Sen dúbida co cárcere da Coruña reúne todos os requisitos par a declaración do antigo cárcere como Lugar de Memoria. E á vista da situación actual tamén resulta obvio que é necesario actuar con urxencia para que se cumpra tamén a Lei de Memoria Democrática para que tamén se podan desenvolver as labores de difusión, interpretación e promoción cidadá previsto no artigo 53 da citada Lei, a través de diferentes mecanismos e instrumentos.
O feito que desde a Secretaria de Estado de Memoria Democrática se incoase o procedemento motivado coas medidas de protección e usos compatibeis, pero sobre todo, as medidas provisorias necesarias para a protección e conservación do ben previstas na Lei sería un avance importantísimo no obxectivo da rehabilitación do antigo cárcere.
O feito que a incoación do expediente de declaración de Lugar de Memoria se publique no BOE – previa a súa declaración – levaría aparellada a anotación preventiva do vello cárcere no Inventario de Lugares de Memoria Democrática e “determinará a aplicación provisoria do réxime de protección previsto para os lugares inscritos no mesmo” (artigo 50.3 da Lei de Memoria Democrática). E por elo que esta incoación debe facerse con urxencia indicándose as medidas que garantan a súa protección e mantemento.
Todo elo sen menoscabo das medidas solicitadas desde a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña tanto ao SIEPSE-Ministerio do Interior, propietaria do antigo cárcere, como ao Concello da Coruña ao que lle solicitamos recentemente actuacións urxentes para o cumprimento do recollido na lexislación e normativa municipal a respecto dos deberes legais de conservación e rehabilitación do antigo cárcere da Coruña.