Presentación do libro “Rotspanier. Un miliciano galego no exilio francés 1939-1946”
A Comisión pola Recuperación coorganiza o acto de presentación do libro de Juan Galán “Rotspanier. Un miliciano galego no exilio francés 1939-1946”. O acto terá lugar na Casa Museo Casares Quiroga (Rúa Panadeiras 12 da Coruña) o vindeiro mércores 25 de marzo ás 18:00 horas. O acto estará presentado e moderado polo compañeiro da nosa asociación Rubém Centeno, no que ademais do autor deste novo libro, participaran o escritor Xavier Alcalá, o investigador Luis Lamela e a escritora Blanca Riestra.
Juan Galán recolle en Rotspanier a peripecia vital de Joaquín Fernández Millán, mariñeiro de profesión da Pobra do Caramiñal, emigrado ao País Vasco na década de 1920, que loitou como miliciano no Exército de Euskadi. Como tantos outros españois, a inicios de febreiro de 1939 cruzou os Pireneos para exiliarse en Francia, onde sería internado en campos de concentración durante a Segunda Guerra Mundial, forzado a traballar en compañías de traballo (CTE e GTE) na zona controlada polo Goberno de Vichy, e, posteriormente, para a Organización Todt, na zona ocupada polos nazis, na construción do Muro Atlántico.
É esta unha obra de grande interese pola información que nos proporciona sobre eses miles de republicanos (os Rotspanier) que fuxiron de Franco para caer nas mans de Hitler.


