Actualidade

Presentación do traballo “A sociedade silenciada” sobre as fosas ocultas do franquismo no cemiterio de Santo Amaro na Coruña.

O vindeiro día 2 de outubro o investigador coruñés Rubem Centeno Paradela presentará na sede da AC Alexandre Bóveda e coa colaboración da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, as primeiras conclusións do seu traballo de investigación sobre fosas usadas polos criminais franquistas no cemiterio de Santo Amaro da Coruña tras a sublevación de 1936.

Ata hoxe, non se tiña coñecemento concreto sobre que pasaba cos corpos sen vida das centos de persoas asasinadas, paseadas ou mesmo fusiladas polo franquismo. Coñeciamos moitos datos os lugares da represión, isto é, os lugares de detención, dos xuízos sumarísimos e tamén lugares como o Campo da Rata da Coruña onde se cometían os asasinatos e fusilamentos. Máis ate hoxe non coñeciamos que pasaba cos corpos sen vida.

O traballo de investigación de Rubem Centeo e que leva por título “A sociedade silenciada; as fosas ocultas do franquismo na cidade da Coruña pon moita luz a ese respecto. Un traballo aínda en fase de elaboración e investigación, máis do que se poden xa tirar varias conclusións.

A través desta investigación pódese concluír que no cemiterio de Santo Amaro existiron fosas localizadas neste traballo, nos que se realizaron enterramentos clandestinos de moitas persoas asasinadas ou fusiladas desde os primeiros momentos da sublevación, que pola cantidade de enterramentos realizados pode converter estás fosas nas máis importantes de Galiza. Persoas que nalgúns casos foron trasladados das fosas a nichos de cemiterios (do propio Santo Amaro ou outros da comarca da Coruña) e noutros é posíbel que aínda permanezan alí.

Francisco Pérez Carballo

Persoas anónimas que compre identificar nalgúns casos, outros casos de persoas que ocuparon cargos importantes na sociedade da época. Como exemplos sorprendentes de persoas que pasaron por estas fosas clandestinas de Santo Amaro, e que esta investigación pode documentar, estarían entre outros, Francisco Pérez Carballo, Gobernador Civil da Coruña, Antonio Fernández Pita, Alcalde de Sada, Pedro Galán Calvete Secretario da Mocidade Galeguista da Coruña ou Uxío Carré Naya, político e sindicalista.

Estes son só algúns exemplos que amosan a importancia desta investigación de Rubén Centeno que documentan ao redor de 250 persoas represaliadas.  Unha barbarie que nos compromete e interpela como sociedade e da que ate agora so existían silencios e ocultación impropia dunha sociedade democrática normalizada.

De todos estes soterramentos e da súa investigación tratará palestra que se celebrará na Sede da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda o vindeiro día 2 de outubro ás 19:30 horas.

Desde a CRMH da Coruña agradecemos o traballo compretido de Rubem Centeno, co que estamos a colaborar, e que animamos a que se coñeza publicamente.

Para asistir á Palestra podes anotarte de balde na seguinte ligazón, ate completar o aforo.

Partillar

2 comentarios en «Presentación do traballo “A sociedade silenciada” sobre as fosas ocultas do franquismo no cemiterio de Santo Amaro na Coruña.»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *