Iniciativas sociais e políticas sobre memoria

Primeira querela contra crimes do franquismo admitida a trámite polos xulgados de Galiza

  • A querela está promovida pola Cordenadora Estatal de Apoio á Querela Arxentina (CEAQUA).
  • Esta admisión é a primeira en Galiza e únese ás outras seis denuncias que xa foron admitidas a trámite en varios xulgados de España.
  • Desde CEAQUA celebran esta nova admisión, mais lembran que, despois de máis de 115 querelas, este segue a ser un acontecemento excepcional e instan ás autoridades públicas e aos partidos políticos a que tomen todas as medidas necesarias para garantir que este feito excepcional se converta en rutina.

O Xulgado de Instancia 2 de Padrón (A Coruña) acordou o inicio dunha investigación xudicial polas torturas sufridas por Manuel Reboiras o 28 de setembro de 1975, no contexto de crimes contra a humanidade. Solicita información documental ao Arquivo Histórico Nacional, ao Centro de Documentación da Memoria Histórica e á Dirección Xeral de Policía.


Manuel Reboiras presentou unha denuncia o pasado outubro de 2024 polas torturas que sufriu durante dúas detencións. Unha o 28 de setembro de 1975, en Padrón, e unha segunda o 18 de xuño de 1976, no monte do Castro (Vigo).

O auto de admisión a trámite da causa é froito da estimación dun recurso de reforma interposto pola Fiscalía e da revogación do auto ditado polo mesmo Xulgado o 12 de decembro de 2024, que ordenou o sobresemento e o arquivo da causa por prescrición.

En CEAQUA, acollen con satisfacción o contido da sentenza ditada polo Xulgado de Primeira Instancia de Padrón, e agardan que se poida avanzar na investigación penal.

Esta é a primeira vez que se admite a trámite en Galiza unha denuncia por crimes franquistas.

En calquera caso, lembran desde CEAQUA que algunhas das admisións a trámite de denuncias presentadas, que deberían permitir a investigación xudicial dos delitos denunciados, seguen a ser, a día de hoxe, excepcionais e extraordinarias.

Desafortunadamente, até a data de hoxe, foron desestimadas ou rexeitadas máis de 115 denuncias penais que denunciaban tales delitos en todo o estado español.

Unha vez máis, neste sentido, debemos lembrar que o Estado español está lonxe de reverter as políticas de impunidade imperantes que impiden, por regra xeral, impiden na actualidade as investigacións xudiciais sobre os crimes franquistas.

Polo tanto, aínda que o Auto do Tribunal de Instancia de Padrón representa un mínimo avance neste asunto, non cabe dúbida de que o Estado español debe reverter, dunha vez por todas, as súas políticas de impunidade, implementando medidas lexislativas que garantan, de vez por todas, o dereito á tutela xudicial efectiva das persoas que sufriron graves violacións dos dereitos humanos durante a ditadura franquista e a Transición.

É máis, durante este ano, no que se conmemora o 50 aniversario da morte do ditador Francisco Franco e no que o goberno programou máis de 100 actos, desde CEAQUA queren interpelar unha vez máis o goberno de coalición e os grupos parlamentarios que conforman o poder lexislativo para lembrarlles que a súa inacción forma parte das políticas de impunidade que mantén o Estado español. Polo tanto, cincuenta anos despois da morte do ditador, debemos seguir denunciando os 50 anos de impunidade que impediron a investigación e o xuízo dos crimes de dereito internacional cometidos durante a ditadura franquista e a Transición.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *