Un bo número de entidades, colectivos e persoas a título individual reuníronse onte para avaliar a situación e accións futuras diante da declaración BIC do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside
Na reunión celebrada onte na sede da AC Alexandre Bóveda convocada polas asociacións CRMH da Coruña AC Eira Vella, AC Irmáns Suárez Picallo e a propia AC Alexandre Bóveda valorouse que o proceso de declaración BIC do Museo é consecuencia da reivindicación social que se estaba levando a cabo alí mesmo.
Tamén se valorou que o legado de Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane vai moito máis aló dunha colección de arte e que compre preservar ao completo este fito fundamental da Cultura e da memoria histórica de Galiza.
Neste sentido todas as persoas participantes aprobamos a elaboración dun manifesto para publicar nos vindeiros días, e acadar aínda máis apoios na reivindicación da preservación deste legado excepcional, organizándonos e convocando novas reunións para traballar neste sentido. Agardaremos tamén a ver o contido da resolución realizada pola Xunta de Galiza para declarar o Museo de Arte Contemporaneo Carlos Maside como Ben de Interese Cultural para pronunciarnos.
O Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside (este é o seu nome e non debe mudarse) é moito máis ca unha colección de obras de arte, (sabendo que como tal, é unha das principais do país) senón que resulta ser unha experiencia pioneira de recuperación da memoria histórica en pleno franquismo. Unha iniciativa coa que se pretendía reconectar á sociedade galega coas experiencias artísticas anteriores a Guerra Civil, dando a coñecer o rico universo cultural que ficara silenciado polo réxime e do que apenas nada se sabía.
Para iso, foi fundamental a converxencia cos intelectuais do exilio, cos que Díaz Pardo entra en contacto no contexto da creación da fábrica de Porcelanas de Magdalena, en Arxentina. Da unión de Isaac con Luís Seoane nace o Laboratorio de Formas de Galicia, o ente que pretendía, a través de diferentes ferramentas, poñer en marcha ese proceso de recuperación da memoria histórica e dando pé a unha modernización cultural que partise das formas e das características que nos son máis propias.
Unha desas ferramentas, ao lado de Ediciós do Castro, Sargadelos etc, é o Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside. Con Cerámicas do Castro, a empresa embrionaria onde comezou todo e que deu soporte ás demais iniciativas, conforman a maior industria cultural da Galiza contemporánea, a principal iniciativa de contestación ao réxime franquista desde o plano cultural. Unha ferramenta poderosa para a democratización da arte (levándoa aos fogares en forma de producións industriais utilitarias), pero tamén para a proxección da identidade diferencial do pobo galego no marco dunha ditadura que a estaba a esmagar e a estigmatizar.
O Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside é obra, fundamentalmente, de Díaz Pardo e de Seoane. Porén, a obra de Díaz Pardo é moito máis que o museo galego. É un conxunto poliédrico de producións que van desde as artes plásticas e o deseño ao labor editorial, pasando pola actividade empresarial e a creación literaria. Todo ao servizo dun fin no que estética e ética se dan a man.
O Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside compréndese no seu contexto como parte dun todo, que é a obra de Isaac, e como parte dun conxunto integrado, que son as Cerámicas do Castro. Por iso reivindicamos que a declaración como Ben de Interese Cultural abranguera a todo ese conxunto, do que forma parte o edificio no que botou a andar a fábrica nos anos 40 e o estudio de Díaz Pardo ata os seus últimos días; a planta de produción de 1963, obra de Andrés Fernández-Albalat con forte pegada da sensibilidade plástica e do espírito práctico de Isaac; o edificio do LICSA (Laboratorio de Industria e Comunicación) e o propio Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside (e o seu contido) cos seus característicos módulos hexagoais, tamén de Fernández-Albalat; ademais de diversas obras plásticas que enriquecen os diferentes escenarios, como o mural de Seoane representando a tres mulleres ou a fonte dedicada a Castelao polo ceramista Francisco Pérez Porto. E iso sen mencionar os bens que albergan todos os edificios.
Agardaremos pois a coñecer o contido da resolución que declara Ben de Interese Cultural o edificio deste museo e a súa colección de arte, para adoptar medidas conxuntas na preservación deste legado cultural e memorialístico co obxectivo de evitar incongruencias que posibiliten a protección do museo mais obvien toda esta realidade que o arrodea, como é tolerar que se soterre e se deturpe a obra de Isaac por parte das empresas que el mesmo concebiu como industrias culturais.
E isto está a acontecer a día de hoxe, cunhas empresas que acollen charlas de figuras da extrema dereita mentres suprimen referencias a quen as creou.
Por todo elo, acordaremos un manifesto conxunto na liña dos acordos adoptados na reunión de onte, para que máis entidades, colectivos e persoas a título individual se sumen para a defensa e consecución destes obxectivos, organizándonos e coordinando accións e decisións futuras.
Listado provisorio de entidades asinantes:
- AC Eira Vella
- Ateneos de Galiza
- Bravexo
- CRMH Barbanza
- AC Barbantia
- AC Terra de Outes
- A.Veciñal Plataforma Galega de Santiago
- AC Vagalumes
- AC Alexandre Bóveda
- Fundacion Alexandre Bóveda
- AC O Facho
- Amigos dos Museos
- Fundacion Manuel María
- 19 de Meirás
- Sumar Coruña
- AVV Atochas Montealto A Torre
- Asociacion O Mural
- Asociación Veciñal Agra
- Plataforma isaac – Sargadelos
- Federacion Galiza Cultura
- Defensado do Común
- AC Reino da Galiza
- Union Anarcosindicalista
- Amigos de Fefiñans
- Plataforma pola Defensa da ria Sada
- BNG
- AVV Oza – Gaiteira – Os Castros
- AC Irmáns Suárez Picallo
- CRMH A Coruña
- Fundación 10 de marzo
- Marea Atlántica
- Lugo Patrimonio
- Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra
- Fundaçom Artábria de Ferrol
- Podemos A Coruña
- Sadamaioria
- Escolas de Ensino Galego Semente
- Alternativa dos Veciños



De interés nacional a iniciativa de ter a obra a dispor do pobo. AAVV Atochas Montealto a Torre presta o seu humilde apoio e como dixen onte coas medidas incluso xudiciais pero con garantía de percorrido, incidindo na mobilización social que é determinante.
O silencio administrativo é negativo e teriamos que determinar a motivación.
aa.vv.montealto@gmail.com
xvazrom@gmail.com
Falta entre os asinantes A Marea Atlántica.
Corrixan o erro, por favor
Sabela Pérez
Correxido
Moitas grazas!
Ola boas,e A.C.REINO “DA” GALIZA.se queredes correxir ,se non non pasa nada ,Grazas e saudos.
Correxido
Falta por incluir entre as entidades representadas onte ás Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra, grazas.
Incluid@s