Actualidade

Un salón da Capitanía Xeral da Coruña en honor a Juan Yagüe Blanco  “o carniceiro de Badajoz”

Na imaxe, Juan Yagüe “O carniceiro de Badaxoz” con Adolf Hitler

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) quere denunciar  publicamente a existencia dun “Salón de Honor” adicado ao criminal de guerra Juan Yagüe no interior do emblemático edifcio da Capitania Xeral da Coruña.

É un escándalo que, ademais, o citado salón se publicite nas visitas guiadas, e tamén, sen nengun tipo de rubor, no portal oficial do Ministerio de Defensa do Goberno de España, incumprindo flagrantemente a Lei de Memoria Democrática.  (Accesibel en https://ejercito.defensa.gob.es/de/Galerias/Descarga_pdf/Unidades/Coruna/mam/PALACIO_CAPITANIA_GENERAL.pdf.)

Non só supón unha ofensa ás vítimas da ditadura, tamén é unha ofensa á propia institución militar. Supón un desprezo á democracia. Centos de militares foron fusilados, precisamente, por ser leais á democracia.

Resulta insólito que un golpista como Juan Yagüe manteña a dia de hoxe os honores concedidos pola ditadura, precisamente, no mesmo lugar no que foi detido a punta de pistola o Xeneral Enrique Salcedo Molinuevo, máxima autoridade militar naquel momento, fusilado posteriormente no castelo de San Felipe xunto ao Gobernador Militar da Coruña, Rogelio Caridad Pita. Para eles non hai nengun salón, nengunha placa. Tan só o esquecimento imposto polos seus asasinos. Resulta escandaloso.

Juan Yagüe foi o máximo responsable da Masacre de Badajoz, da que se fixo eco a prensa  internacional documentando uns feitos que horrorizaron ao mundo. Estima-se que perto de 4.000 persoas (un 10% dos habitantes da cidade) foron asasinadas entre o 14 e o 15 de Agosto de 1936.

Yagüe tamén foi responsable dos saqueos, da violación sistemática de mulleres e doutros métodos de extrema violencia que exerceron as tropas africanistas no seu avanzo a Madrid, aterrorizando e masacrando á povoación civil en numerosos povos e localidades.

Unha vez acabada a guerra foi unha persoa clave na relación da nova ditadura franquista con Hitler. En 1939 viaxou á Alemania onde mantivo contacto co criminal de guerra Hermann Wilhelm Göring, conformando-se como umha das figuras do franquismo mais próxima ao III Reich, simpatizando e apoiando abertamente o nazismo.

Desde hai anos, en cumprimento da Lei de Memoria Democrática, numerosos símbolos adicados a Juan Yagüe foron retirados en diversos lugares como Soria, Madrid, Logroño ou Oviedo. O goberno de España tamén reitoroulle varios títulos, como o Marquesado que lle concedeu a título póstumo Franco en 1952 ou a Medalla ao Mérito no Traballo concedida na ditadura.

Por estes motivos a CRMH acaba de solicitar formalmente ao Ministerio de Defensa e á Dirección Xeral de Atención ás vítimas dependente do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, que se proceda á eliminación da denominación “Salón de Honor TG Yagüe” que existe no interior do Edificio da Capitania, asi como a retirada imediata desa denominación na publicidade oficial das visitas guiadas, incluída a web do Ministerio de Defensa.

Non pode haver espazos de impunidade para a exaltación da ditadura.

A lei debe cumprir-se. Tamén no interior do edificio da Capitanía.

NOTA: O cartaz está colocado tamén en edificios públicos do Concello da Coruña, como o caso do Centro Social do Ventorrillo:

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *