20 aniversario da CRMH da Coruña

Unha homenaxe ás vítimas do franquismo no Paraninfo da Universidade da Coruña (2006)

Este acto celebrouse no Paraninfo da Universidade da Coruña o 17 de marzo de 2006, co asistencia de máis de 500 persoas. Foi posíbel grazas á colaboración da Universidade da Coruña, da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e da consellería de Cultura da Xunta de Galicia. A CRMH sumábase así ao amplo programa de actividades que promovera a Xunta de Galicia, a través de consellería de Cultura e Deporte –declarou 2006 como Ano da Memoria– co fin de contribuír a reconstruír a verdade histórica e homenaxear a todas as persoas represaliadas por defender os ideais de liberdade e xustiza. Ademais da conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, asistiron á homenaxe o reitor, José María Barja, os vicerreitores, Xosé Lois Martínez Suárez, Lois Caparrós e Xosé Lois Armesto; Isaac Díaz Pardo, o portavoz municipal do BNG no concello da Coruña, Henrique Tello, o alcalde de Sada, Abel López Soto, os secretarios comarcais de CCOO e da CIG, Xosé Manuel Lado e Paulo Carril, e unha numerosa representación de asociacións da Coruña.

Despois da intervención da presidenta da CRMH, Beatriz Gómez Amigo, falaron familiares e vítimas da represión franquista: Antón Santamarina, Elvira Varela Bao, Pepe Rei, Teresa Villar Chao.

Moitas persoas colaboraron no éxito desta homenaxe. Sabela Baña fixo o deseño do cartel. Escritores e poetas puxeron as súas voces para recuperar a memoria: Ana Pillado, Henrique Rabuñal, Serafín Mourelle, Xulio López Varcárcel, Marica Campo, Xesús Alonso Montero, Pilar Pallarés, Teresa Suárez, Cesáreo Sánchez, Manuel Rivas. No apartado musical, fixeron un canto á liberdade: Miro Casabella, Paco Lodeiro, A Quenlla, Xosé Taboada e Cántigas da Terra. A presentación correu a cargo de Xurxo Souto.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *