Valoración da CRMH da Coruña da reunión celebrada polo Consello da Memoria Democrática da Coruña
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña quere manifestar publicamente a súa valoración sobre dous acordos do Consello de Memoria Democrática (CMD) do Concello da Coruña, que celebrou reunión este pasado luns 23 de febreiro no Palacio de María Pita. Reunión, por certo, que se celebra pola insistencia e denuncia pública da CRMH da Coruña, do incumprimento constante do concello da Coruña na convocatoria deste Consello e das súas normas de funcionamento.
Vaia por diante que a reunión resposta a esta única razón e non por un súpeto compromiso do Concello da Coruña, que incumpre desde anos de xeito palpábel, manifesto, meditado e decidido a aplicación da Lei de Memoria Histórica na cidade, nomeadamente o que ten que ver coa retirada da simboloxía franquista.
A comunicación errática realizada nas redes sociais do Concello na mañá e tarde do dia de onte, 24 de febreiro, a respecto de acordos do CMD, e concretamente relativos a simboloxía na cidade da Coruña, e sobre o establecemento dunha suposta “candidatura” para “Lugares de Memoria” na cidade da Coruña coidamos precisan dunha reflexión seria e real. En concreto sobre dous aspectos, regulados na Lei de Memoria Democrática (LMD): Simboloxía e Lugares de Memoria
A SIMBOLOXÍA FRANQUISTA NA CIDADE DA CORUÑA.
Lembremos que o único informe que o CMD coñece formalmente é o elaborado por un grupo de traballo liderado polo Instituto Cornide no ano 2020 para dar cumprimento á antiga Lei de Memoria, hoxe derogada desde o ano 2022 e substituida por outra que obriga ao concello da Coruña a retirar todos os símbolos contrarios á Memoria Democrática.
A actitude do Concello, lonxe de actualizar o informe do Instituto Cornide, foi o de ocultar este á cidadanía e obstaculizar, como xa se dixo, as convocatorias do CMD que propiciasen algún avance desde o ano 2020, e que viñan precedidos de anos tamén de incumprimentos por parte do Concello.
Proba delo é que a dia de hoxe a cidadanía sigue sen poder consultar na páxina web do Concello este informe, a pesar de existir acordos que obrigan ao concello a facelo, máis aló que este informe pode consultarse na páxina web da nosa asociación.
INFORME SOBRE SIMBOLOXÍA. ANO 2020. INSTITUTO CORNIDE DE ESTUDOS CORUÑESES:
Polo tanto, e así o anunciamos na reunión do pasado lúns, a CRMH non participaría en ningún acordo que non garantise con prazos concretos e inmediatos, a aplicación do Informe do Instituto Cornide, que afecta a numerosos símbolos (rúas, avenidas, honras, cadros, monoilitos…) vinculados a 14 persoas. Tamén en prazos concretos e compromisos na realización de novos informes que garantan a retirada doutros outros moitos símbolos que non recolle o citado informe.
Neste sentido, acordamos, e así se nos trasladou por escrito, nas seguintes conclusións para traslado á corporación municipal:
1.- Retirada da simboloxía franquista e elementos contrarios á Memoria Democrática tomando como base o informe histórico presentado polo grupo de traballo da Memoria Democrática, constituido polo Instituto José Cornide de estudios coruñeses, no relativo á denominación de rúas, avenidas e prazas da cidade realizado en novembro de 2020, dito acordo adoptarase antes do 30 de xuño.
2.- Creación dun grupo de traballo para a actualización do Informe histórico do Instituto José Cornide e presentación das conclusións ao pleno do Consello da Memoria antes do 30 de setembro de 2026.
Esta foi a proposta acordada. E para dar cumprimento ao primeiro dos acordos, é preciso que a corporación adopte acordos ao respecto no pleno ordinario previsto para este vindeiro mes de marzo, tendo en conta os trámites previos (Reunión da Comisión de Honras e aplicación do Regulamento…).
Así que non tardaremos en coñecer se o concello ten compromisos reais co cumprimento da legalidade. Desde a CRMH somos moi escépticos, tendo en conta os antecedentes nesta cidade sobre estas cuestións, polo que estaremos atentos a este procedemento en tempo real, xa que o goberno municipal ten que entender que xa esgotou a paciencia da sociedade comprometida coa memoria democrática na nosa cidade.
LUGARES DE MEMORIA DEMOCRÁTICA NA CIDADE DA CORUÑA.
Sobre esta cuestión, temos que manifestar que quedamos abraiados polo traslado que se nos deu polo goberno municipal diante das peticións formais que existen a día de hoxe presentadas e comunicadas ao CMD (3 por parte do Concello da Coruña e 2 pola CRMH da Coruña).
Trasládasenos a proposta do Concello de declarar toda a cidade da Coruña como Lugar de Memoria, derivada dunha comunicación informal do departamento estatal que leva isto, de limitar o número de lugares de memoria sobre os que se iniciaran procedementos, derivado da forte carga de traballo da administración.
Ou sexa, a administración propón limitar a tramitación de expedientes polo procedemento que recolle a Lei, creando un criterio absurdo ao noso entender. Moito máis cando a solución proposta é declarar todo o termo municipal como espazo de Memoria, o que na práctica favorecería a ocultación e singularidade de espazos da cidade que sí merecen esta consideración.
Polo tanto a CRMH da Coruña oponse á declaración de toda a cidade como Lugar de Memoria nos termos que recolle a LMD, e tampouco participa na confección de ningunha candidatura do concello da Coruña, como se recolleu onte nesa cerimonia da confusión que a este respecto, tamén promoveu o Concello da Coruña.
O que sí propuxo a CRMH da Coruña é a creación dun grupo de traballo – de acordo coas normas previstas ao repspecto no regulamento do CMD -que permita chegar a un acordo, tendo en conta que algunhas propostas formalizadas como peticións que fixo a CRMH e o Concello no seu dia, poden ter posibilidades de convertelas nunha proposta única, xa que algunha delas, como é o antigo cárcere da Coruña, ten urxencias de protección e rehabilitación, e parécenos urxentes tomar medidas ao respecto (como así o comunicamos, solicitamos e denunciamos en diferentes ocasións).
O cárcere, o campo da rata, o cemiterio de Santo Amaro…. son espazos que poden formar parte dun único expediente e propomos traballar entre todas as partes para chegarmos a un acordo que nos permita avanzar na protección destes espazos, nomeadamente do cárcere polas razóns comentadas. Nada máis.

