Videos da visita guiada polas fosas comuns e os enterramentos clandestinos presentes no Cemitério de Sto. Amaro
A CRMH da Coruña organizou un Roteiro polo Cemiterio da Coruña, o 8 de novembro de 2025. O investigador Rubem Centeno Paradela, vogal da asociación, dirixe o acto.
AS FOXAS COMÚNS DO CUARTO DEPARTAMENTO
Os primeiros mortos relacionados coa sublevación fascista caen a raíz da saída dos militares á rúa, contra os defensores do Goberno Civil. A estes mortos déronselles acubillo no departamento 3º; vinte sete en total.
Neste 4º departamento, empezouse a enterrar en foxas comúns, por arriba, posiblemente na parte cimentada, aproximadamente seis ou sete sindicalistas, uns dos moitos que defenderon no primeiro intre a República, e foron asasinados o 20 de agosto de 1936.
E só vai acoller a xentes de esquerdas, aos “rojos”, dende o 9 de agosto de 1936, dado que antes tamén foran sepultadas xentes que non tiñan ren a ver coa represión dos golpistas.
No Departamento cuarto hai contabilizadas unhas 14 foxas de paseados ou fusilados polos franquistas. A partir da foxa 9, están sepultados os soldados de infantería do Grupo do cabo Neira; entre eles o soldado, de 24 anos, Manuel Seoane Díaz, do que acompáñannos dous sobriños netos, amáis da nora de súa irmá Otilia. Estes mozos, opostos aos sublevados, foran chamados á filas, para loitar na fronte de guerra contra o goberno legal da República; pretendían sublevarse, coa axuda de persoal civil de fora do cuartel; mais por unha delación, foron sometidos á consello de guerra, e mandáronos, andando, fusilar ao Campo do Rata, o 23 de outubro de 1936, a pleno luz do día.
Testemuña da nora de Otilia, irmán de Manuel Seoane Díaz , que lémbranos o que lle contaba súa sogra sobre seu irmán Manuel, da Moura, nas aforas da cidade da Coruña.
Eran moitos os agochados na cidade que tentaban loitar contra os sublevados, ou fuxir cara as frontes de guerra da República. Mais Coruña era unha cárcere a ceo aberto, rodeada de forzas sublevadas, militares , policías e falanxistas, así como os paramilitares “Caballeros de La Coruña”ou a Garda Civil.
No departamento.terceiro foron sepultados, como indicou Rubem Centeno, os primeiros mortos relacionados coa sublevación fascista, que caen a raíz da saída dos militares á rúa, contra os defensores do Goberno Civil. Vinte sete persoas en total.
Na noite do 18 ao 19 de xullo do 1937 asasinaron a José Torres e a Alejandro Basilio Palacios. Seus netos, diante do Departamento 3º, hoxe construído totalmente con nichos de cemento, e sen exhumar as foxas comúns que habería debaixo, lémbranos.
Un ano despois do golpe de estado, déuselle acubillo no departamento 3º, esquerdo, na foxa 5ª,á José Torres no nº 133, e a Palacios no nº 138.
No ano 1942 as mulleres destas vítimas tentaron levar seus corpos a un nicho familiar, antes de que ós trasladaran nese ano ao osario. Negouselles terminantemente, a cambio de sofrir o mesmo pago que seus seres queridos. O fillo de José, Antonio Torres parou tamén nunha foxa común deste 3º departamento o 1 de agosto do 37.
O medo foilles trasmitido ás familias, por xeracións. E con estas testemuñas téntase xa rematar de vez co silencio, cimentado de xeito real, sobre os corpos dos defensores da República.
Nun dos nichos do Departamento 3º está enterrado o derradeiro alcalde da Coruña, Alfredo Suárez Ferrín. Mais non é a única excepción. Así o 1 de novembro do 1936 soterran a Fortunato Carreras Trigo, xefe da estación de radio costeira da cidade, que os días previos á sublevación militar, trasmite as ordes do goberno, dende a Cadena Ser da Coruña. Detéñenno. E non está claro se tenta fugarse do cárcere, e os soldados do corpo de infantería que custodian o penal coruñés críbano a balazos, ou aplícanlle a lei de fugas.
Luís Huici Fernández apareceu asasinado na cuneta dereita da estrada da Moura á Bens, na Coruña, o 20 de agosto de 1936. En principio, soterrárono nunha foxa común. Mais súa muller, Aurora Carreras Cao, foino reclamar ao edificio de Falange, e de seguido levárono ao nicho familiar de Sto. Amaro.
Huici era militante de Izquierda Republicana e socio de Germinal, debuxante, pintor, gravador e xastre. No seu obradoiro de xastre, no edificio do Banco Pastor, artellaba faladoiros, ao que acodían o debuxante, caricaturista e membro das Irmandades da Fala, Álvaro Cebreiro Martínez, o pintor Francisco Miguel Fernández. Moratinos, o pintor, debuxante e escritor Luís Seoane López ou o sindicalista José Villaververde Velo…
A viuva de Luís Huici tenta recuperar o diñeiro que se lle debía a seu marido, pero os clientes aproveitan a ocasión e néganse “pagar a traidores”… Arruinada, ten que exiliarse en Nova Iorq.
No cemiterio civil da Coruña deuse sepultura a varios represariados da ditadura, pero neste caso, Rubem Centeno Paradela fai unha exposición de súas investigacións, no relativo ao Gobernador Militar e Xefe da 15ª Brigada de Infantería, con sede na Coruña, Rogelio Caridad Pita, que, xunto ao seu superior, o Xeral Xefe da VIII División Orgánica, con sede tamén na cidade, Enrique Salcedo Molinuevo, foran fusilados o 9 de novembro de 1936, no Castelo de S. Felipe, en Ferrol.
Rubem Centeno deu atopado un documento de traslado, asinado o mesmo día do fusilamento, despois do consello de guerra ao que foron sometidos estos dous xerais leais á República
O Comandante de Infantería Ramón Mourelle traslada, con dous policías gubernativos, o corpo de gobenador militar Caridad Pita, que residira nesta cidade, e entérrano no nicho 11 do cemiterio civil, sen nengún xeito de identificación, nin “obstentación”, como indica o documento de traslado, e como lle informa o conserxe do Cemiterio, Emilio Patiño, ao alcalde nese intre, o Capitán José Fuciños Gayoso, o primer alcalde franquista da Coruña. E especialmente sen acompañamento de familiar do Xeneral Caridad.

