
Xoan Antón Suárez Picallo. 90 anos do seu asasinato impune. Os seus restos mortais seguen desaparecidos.
O vindeiro 11 de agosto cumprirase o 90 aniversario do brutal asasinato de Xoán Antonio Suárez Picallo. Nos días previos fora detido polos sediciosos xunto aos sindicalistas agrarios de Meirás, Manuel Prego Chas e Antonio Carballeira Muñiz. Os tres foron asasinados “por disparo de arma corta de fuego, hechos a bocajarro“, segundo consta na causa instruida o 12 de agosto de 1936 polo xulgado de Betanzos.
Os sediciosos, antes de asasinalos, someteron a esas tres persoas a todo tipo de vexacións, torturas e mesmo mutilacións. O irmán de militancia de Xoan Antón no Partido Galeguista, Xil González Mosquera, Secretario do Xulgado de Sada, suicidaríase tras recoñecer o cadáver, expantado polo que acababa de ver, e temendo que lle acontecese o mesmo.
O seu irmán Ramón Suárez Picallo conseguera salvar a vida pasando ao exilio. Segundo narraba en 1965 Maximino Brocos en A Nosa Terra desde Bos Aires, outro irmán de Ramón e de Xoan Antón, sufría tamén a persecución fascista. Chamábase Eduardo e desapareceu sen voltarse a saber dél. Neste contexto de sofrimento, os pais dos Suárez Picallo morren tamén de pena case ao mesmo tempo.
Asasinados na total impunidade
O 14 de outubro de 1938 o tribunal que leva o procedemento no xulgado de Betanzos, resolve sobreseer provisoriamente a causa. Considera a xustiza “que si bien de lo actuado aparece demostrada la perpetración de un delito no hay motivos suficientes para acusar a determinada persona como responsable del mismo, en tal concepto procede silenciar por ahora el procedimiento con arreglo a lo previsto en el art. 641 nº 2º de la Ley Procesal“.
O 8 de novembro dese mesmo ano, o tribunal emite unha providencia de arquivo da causa, quedando así e ate o día de hoxe os tres crimes na total impunidade.
Os restos mortais de Xoan Antón, Manuel e Antonio, siguen en paradoiro descoñecido
Si atendemos ao contexto no que se producen estes feitos, estes asasinatos supoñen unha clara violación dos Dereitos Humanos. Son delitos de lesa humanidade que xamais deberían prescribir, moito máis cando existe unha dupla violación destes dereitos, neste caso e en tantos outros de asasinatos durante a brutal e sanguinaria represión franquista.
Estamos a falar dos enterramentos clandestinos. De fosas ocultas que teñen elementos comúns que as definen. A negativa ao dereito á verdade, ocultando os enterramentos ás familias e amigos dos asasinados. Sen dereito á identidade, borrando a pegada e o nome da vítima en fosas que ocultan esa identidade. Estas e outras características definen un enterramento clandestino, que violan tamén dereitos humanos fundamentais.
Resulta dificil de comprender como un estado democrático continúa a ter un listado sorprendente de enterramentos deste tipo sen resolver pasados máis de 50 anos da morte do tirano Franco. Entre eles están Xoan Antón Suárez Picallo, Manuel Prego e Antonio Carballeira.
Desde a CRMH da Coruña non cesaremos na reclamación do dereito, á verdade, xustiza e reparación (localización e dignificación da memoria, e o remate da impunidade dos seus asasinatos).

