18 cadros. 18 retratos de golpistas e franquistas. 18 símbolos contrarios á democracia. Descolguémolos xa!
Este vindeiro sábado 23 de maio ás 12:00 horas a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) organiza un acto reivindicativo. Levaremos as copias dos 18 cadros de golpistas e alcaldes franquistas expostos nas diferentes estancias do concello (incluído o despacho oficial da alcaldía) e os descolgaremos simbolicamente, demostrando que é un acto de hixiene democrática fácil e sinxelo.

Máis quenes son estas 18 imaxes que nos avergoñan?. Velaquí tes un pequeno resumo de todos estes retratos:

Severiano Martínez Anido
Militar golpista e ministro de Franco. Ministro de Orde Pública a princípios de 1938, encarregando-se do deseño dos aparatos de vixiancia policial e tortura baixo asesoramento directo do III Reich. En Xullo de 1938 asinou un convenio de colaboración policial con Heinrich Himmler, o chefe das SS e a Gestapo e un dos principais responsábeis en implementar e supervisar a denominada “solución final”: o proxecto nazi para exterminar aos xudeus da Europa. O mandato de Severiano Martínez Anido caracterizou-se por unha dureza extrema en materia de seguranza, vixiancia e represión, sentando as bases as bases do modelo de represión e tortura da Brigada Político-Social franquista.
Mario Muslera y Planes

Militar golpista. Formou parte como vogal do Directorio Militar da Ditadura de Primo de Rivera (1923 a 1925), en representación da 8ª Rexión Militar con sede na Coruña. Cando era xeneral de división apoia a sublevación do 18 de xullo de 1936 e foi designado polo xeneral Mola para dirixir o golpe de Estado en Gipuzkoa. Fracasado este, foi xulgado por conspiración contra a República e fusilado o 27 de agosto de 1936.
José Calvo Sotelo
Ministro de Facenda (1925-1929) na Ditadura de Primo de Rivera, fascista e golpista. Co proclamación da República en 1931 emigra a Italia procurando o amparo do ditador fascista Benito Mussolini. Regresa en 1933, liderando Renovación Española e posteriormente, en 1934, o Bloque Nacional, formación política de extrema dereita. A corrente monárquica que dirixía evoluciona cara a posicións fascistas e Calvo Sotelo foi un dos máis destacados instigadores da sublevación militar contra a República. Participou activamente na organización do Golpe de Estado, que se executou despois do seu asasinato. Despois do triunfo da Fronte Popular en febreiro de 1936, Calvo Sotelo intensifica o seu discurso catastrofista e as súas posicións fascistas.

Miguel Primo de Rivera
Miguel Primo de Rivera Orbaneja, ditador, participou como militar nas guerras de Cuba e Filipinas, ascendendo por méritos de guerra a tenente xeral; foi capitán xeral de Madrid e sendo capitán xeral de Cataluña encabeza un golpe de Estado en 1923, co visto bo do rei Afonso XIII, que instaura unha Ditadura durante máis de sete anos. O Directorio Militar que preside anula as liberdades democráticas.
Pedro Barrié de la Maza.
Empresario, banqueiro, franquista e participante na represión e depuración após 1936. Financiou o exército de Franco. Participou no roubo do Pazo de Meirás – como por exemplo acredita a sentenza do TS 386/2026, na que se constata a participación de Barrié como apoderado notarial de Franco na escritura simulada de compravenda do Pazo – e da Casa Cornide da Coruña, para proveito persoal da familia Franco.
Sempre ao servizo da ditadura e da represión, entre o 4 de outubro de 1937 e o 5 de marzo de 1938 Pedro Barrié, como “Director” do Banco Pastor, informaba en numerosos escritos ao gobernador civil da Coruña do persoal sancionado, en cumprimento das directrices da Xunta de Defensa Nacional.
O artigo 41.1. da Lei de Memoria Democrática (LMD) retira título nobiliario de Conde de Fenosa – creado e outorgado expresamente a Barrié por Franco en 1955 – en “defensa dos valores democráticos e os dereitos e liberdades fundamentais”.



Sisenando Martínez Yunta
Militar golpista, era comandante en 1936. Alcalde na Ditadura (25-11-1937 a 13-1-1938).Continúa coa represión dos traballadores do Concello, que iniciaran os alcalde José Fuciños Gayoso e Hernán Martín de Barbadillo Paúl. Presidía o Pleno de 16 de decembro de 1937 que tomaba nota do recurso de reposición interposto polo arquitecto municipal Antonio Tenreiro Rodríguez, que continuou depurado. Ese Pleno e os de 23 e 31 de decembro dese mesmo ano aprobaban a destitución.

O alcalde Fuciños informaba no Pleno de 21 de decembro de 1936 do alcance da represión dos traballadores até esa data, camuflada como “bajas”: “Disciplinado plenamente el personal, trabaja con eficacia y su rendimiento es completo. En estos cinco meses se produjeron 122 bajas”. A través das chamadas “oposicións patrióticas”, as persoas depuradas eran substituídas por ”Excombatientes, Oficiales Provisionales y de Complemento, personas perjudicadas por la Guerra y de indudable adhesión al Movimiento Nacional, Caballeros Mutilados por la Patria” etc., e só o 20.% para a quenda libre.
Juan González-Regueral y Álvarez Arenas
Militar golpista, era coronel cando é nomeado alcalde na ditadura (25-1-1938 a 11-8-1938).Continúa coa represión e a Comisión Permanente de 3 de marzo de 1938 resolve o expediente contra Antonio Montiel Cacharrón, “Afecto al Frente Popular, perteneciente al Partido de Unión Republicana; fue iniciador de una suscripción para pagar al funcionario municipal César Alvajar (procesado por la Jurisdicción de Guerra) los sueldos que no percibió durante la sustentación del sumario y se le considera desafecto al Glorioso Movimiento Nacional”.

Fernando Álvarez de Sotomayor y Zaragoza
Alcalde na ditadura (1938-1939). Significado fascista, acaba o seu discurso na toma de posesión “brazo en alto”, como recolle a acta. Participaba como Terceiro Tenente Alcalde na Comisión Permanente de 3 de marzo de 1938 que acordaba, entre outras, resolver o expediente contra Antonio Montiel Cacharrón, oficial de administración, por motivos claramente políticos. Sotomayor foi Procurador nas Cortes franquistas de 1958 até o 17 de marzo de 1960. Negociou a compra do pazo de Meirás á que derivou como alcalde da Coruña 25 mil pesetas das arcas municipais, sendo ademais un dos promotores da Junta pro Pazo del Caudillo e do espolio de Meirás.
José Pérez-Ardá y López Valdivieso

Falanxista da Vieja Guardia, alcalde na ditadura (1939-1940), (1943-1944) e (1969 -1974). Combatente co exército sublevado en 1936. Como tenente alcalde da corporación municipal que se constitúe o 18 de agosto de 1938, participa na depuración do funcionarado. Como alférez honorífico do Corpo Xurídico Militar foi membro de tribunais militares con numerosas condenas a morte. En 1938 participa na represión como vogal, en representación da Falanxe, do “Tribunal Regional de Responsabilidades Políticas de La Coruña”. Entre os encausados por este Tribunal figuraban intelectuais e políticos como Ricardo Carvalho Calero, Francisco Pérez Carballo, Manuel Guzmán García, José Miñones, etc. Pérez Ardá presidía, como alcalde accidental, o Pleno municipal do 23 de xuño de 1939 que concede ao ditador Franco a Medalla de Ouro da cidade e o nomeamento de Alcalde de Honra. Procurador nas Cortes franquistas nos períodos 1943-1944 e 1971-1974.
José Crespo y López-Mora

Alcalde na ditadura (1940-1942). Na súa toma de posesión como alcalde, o Xefe Provincial da Falanxe, o camarada Lorenzo Villalonga Lacave, manifesta no seu discurso: “Hasta mí llegaron continuas quejas de cómo funcionan las oficinas municipales, donde se hizo una mal llamada depuración, existiendo todavía manzanas podridas, que en bien de todos han de ser seriamente extirpadas para que no contaminen a las sanas”. Durante o mandato de José Crespo continúan os expedientes e sancións contra traballadores do concello, especialmente gardas municipais.
Eduardo Ozores Arraiz
Militar golpista, participante na represión. Alcalde na Ditadura (1946-1947). O 18 de xullo de 1936 era capitán no Rexemento de Artillería nº 16 e estaba no núcleo organizador da sublevación militar contra a República, como enlace da súa unidade cos golpistas, en contacto con José Rañal Lorenzo, capitán da Garda Civil. Bombardeou o Teatro Rosalía de Castro o 20 de Xullo de 1936, onde se atopaba o Goberno Civil, para forzar a rendición do gobernador republicano Francisco Pérez Carballo. Tamén se encarregou persoalmente da detención do alcalde lexítimo Alfredo Suárez Ferrín, posteriormente fusilado. Os golpistas causaron decenas de mortos aqueles dias na cidade.Como persoa de confianza dos sublevados, poucos días despois do golpe é encargado da Garda Municipal. Posteriormente participa nas columnas galegas dos golpistas, que combaten en Asturias. Ascende a tenente coronel en xullo de 1944, antes de ser designado alcalde. Foi tamén procurador das Cortes franquistas.

Alfonso Molina Brandao
Alcalde na Ditadura (1947-1958). Serviu no exército sublevado de Franco como tenente honorario de enxeñeiros. Entra como concelleiro no Pleno extraordinario do 18 de agosto de 1938, cando se constitúe a nova Xestora Municipal, que preside o alcalde Fernando Álvarez de Sotomayor. Participa na Comisión Permanente de 19 de agosto de 1938 que acorda separar a Luís Vidal Ogén do cargo de Practicante da Beneficencia Municipal, despois do expediente instruído pola Inspección Provincial de Sanidade para depurar a súa “actuación social e política”. Presidente da Cámara da Propiedade da Coruña até 1943, participando en actividades represoras, procesos de depuración laboral, en cumprimento dos decretos da Xunta de Defensa Nacional. Foi unha referencia do franquismo na Coruña e tivo unha estreita relación co ditador e a súa esposa. Como home de palla de Franco, participou no espolio de Meirás, como membro da Junta pro Pazo del Caudillo, e da Casa Cornide.
Sergio Peñamaría de Llano
Fascista de primeira hora, incorpórase como voluntario no exército sublevado en 1936. Participa como tenente da Lexión na represión na comarca de Valdeorras (Ourense) e como fiscal militar nos tribunais contra demócratas e guerrilleiros que loitaron contra a ditadura. Designado alcalde na Coruña (1959-1963).
O Pleno da Coruña de 6 de maio de 2019 aprobaba unha moción instando a alcaldía a que se retiren honras e distincións a alcaldes que participaron na sublevación de 1936, xogaron un papel destacado na represión ou ocuparon postos de responsabilidade na ditadura. O Pleno do Barco de Valdeorras do 3 de outubro de 2019, alcaldía do PSOE, aprobaba por unanimidade unha moción para informar ao concello da Coruña da actuación represiva de Peñamaría nesa comarca. E o Pleno de outubro de 2021 aprobaba, tamén por unanimidade, unha moción que sinalaba “crueis e asasinas accións de represión ao servizo da ditadura” e do “sinistro paso de Peñamaría pola comarca de Valdeorras”. A moción “insta ao concello da Coruña a tomar en consideración a proposta da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña en orde a substituír a rúa Alcalde Peñamaría de Llano pola de “Mártires de Valdeorras”.
Eduardo Sanjurjo de Carricarte
Alcalde na ditadura (1963-1965). Cando estaba en Valladolid durante a II República, estudando para avogado, Eduardo Sanjurjo era un “camarada de primera línea” da Falanxe, participando nun tiroteo, dirixido por José Antonio Girón de Velasco, significado falanxista e despois ministro de Franco, contra unha manifestación antifascista.
Ingresa no Corpo Xurídico Militar cando finaliza a Guerra Civil. Tenente alcalde con 26 anos na corporación que se constitúe o 18 de agosto de 1938, en plena represión franquista e depuración dos funcionarios. No consello de guerra contra o guerrilleiro Manuel Luis Bello Parga “Manolito Bello”, Eduardo Sanjurjo era capitán auditor e participaba como vogal poñente (Sergio Peñamaría representaba ao Ministerio Fiscal). Tenente coronel xurídico cando é nomeado alcalde en 1963. A proposta do Ministro do Exército, o ditador Franco concedíalle a Gran Cruz da Orde do Mérito Militar con distintivo branco (BOE, 5-10-1964). Foi tamén procurador nas Cortes franquistas (1961-1964).




Demetrio Salorio Suárez
Alcalde na Ditadura (1966-1969). Enxeñeiro. Traballa na Sociedad Gallega de Electricidad en 1943 e en Fenosa desde 1947, foi asesor da Presidencia até 1992. Vicepresidente da Xunta de Obras do Porto da Coruña en 1965. Procurador nas Cortes franquistas (1967-1969). No seu mandato construíuse o aparcamento da praza de Pontevedra, coñecido como o “búnker”. As protestas conseguiron o seu derrubamento e a remodelación da praza na década dos 80. Tamén pretendeu unha remodelación do “Rellano” (paseo fronte ao Kiosco Alfonso), paralizada pola oposición veciñal.
Jaime Hervada Fernández-España

Alcalde na Ditadura (1974-1976). Avogado e militar, ingresou no Corpo Xurídico Militar, chegando a xeneral de brigada auditor do Exército de Terra. Procurador nas Cortes franquistas (1974-1976). Pouco despois de morrer o ditador Franco, Hervada preside o Pleno municipal do 15 de decembro de 1975 que acorda erixir un monumento a Franco na praza de María Pita, que non se materializou. A primeira Corporación democrática, a iniciativa de Pura Barrio, concelleira de Esquerda Galega na candidatura de Unidade Galega, acordaba facer un monumento a María Pita na súa praza.
José Manuel Liaño Flores
Alcalde na Ditadura (1976-1978).Concelleiro da corporación franquista en 1946 co alcalde Eduardo Ozores. Participa desde moi novo en responsabilidades relacionadas coa ditadura. O Pleno do 28 de xullo de 1971, que presidía o alcalde José Pérez-Ardá, aprobaba por unanimidade a proposta do concelleiro Liaño Flores para que o viaduto da praza de Madrid até Linares Rivas levase o nome de “Viaducto del Generalísimo”. Manifestouse sempre como admirador de Franco, que cualificaba como “Caudillo excepcional”, tamén despois da morte do ditador.
Berta Tapia Dafonte.
Alcaldesa (1978-1979) antes das primeiras eleccións democráticas de 3 de abril de 1979. Concelleira na ditadura desde 1973 polo chamado terzo familiar e conselleira do Movemento Nacional. Tiña relación política co dirixente falanxista Enrique Salgado Torres. Militante da Sección Femenina deFalange Española y de las JONS, declarouse sempre como falanxista.




