Actualidade

A CRMH da Coruña cede o seu arquivo audiovisual á Deputación da Coruña

A CRMH cederá de valde todo o seu fondo audiovisual, segundo o acordado coa area de Dereitos Civís da Deputación Provincial, un total de 168 cintas de video e 6 DVD, que conteñen entrevistas con testemuñas a máis dun cento de testemuñas directas do golpe militar e civil na Coruña de 1936 e da posterior represión.

O fin desta cesión é a preservación deste material de grande valor, a súa dixitalización e facilitar o acceso ao seu contido.

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña ven de asinar recentemente un contrato de comodato coa Deputación da Coruña, para a formalización da entrega do material audiovisual que forma parte dos fondos do arquivo da asociación, previo informe do Servizo de Cultura, Igualdade e Dereitos Civís, emitido o pasado 18 de febreiro, e no que en síntese, sinala o seguinte:

(…/…) Desde a área de Dereitos Civís, a deputada delegada considera indispensable a catalogación, dixitalización e difusión deste material. Quedan xa moi poucas testemuñas vivas do período histórico comprendido entre o golpe de Estado de 1936 e os primeiros anos da represión da ditadura franquista, polo que resulta de vital importancia preservar estes documentos inéditos para evitar que se perda a memoria oral desa época. O obxecto da presente solicitude é, polo tanto, a tramitación dun contrato de comodato coa CRMH que permita á Deputación catalogar e clasificar a documentación segundo estándares bibliotecarios, co fin de proceder á súa dixitalización para consulta na Biblioteca Provincial. Os ficheiros de audio resultantes dos traballos de dixitalización deberán quedar dispoñibles para a súa reprodución, mais non para a súa descarga, polo que se empregará a plataforma que actualmente utiliza a Biblioteca. Terceiro.- A cualificación xurídico-patrimonial do citado fondo como ben de dominio público, posta en relación coa normativa sobre patrimonio das Administracións Públicas, determina que existan diversas vías para instrumentar a cesión, polo que lle corresponderá ao Servizo de Patrimonio e Contratación elixir e tramitar o procedemento que estime máis axeitado para o cumprimento do fin proposto.
Polo anteriormente exposto, SOLICÍTASE a Sección de Patrimonio, que se leven a cabo as xestións necesarias coa Asociación Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), con sede na rúa Santo André, 1º, 15003 A Coruña, e CIF G-70026687, para obter a cesión dos fondos documentais sobre a represión franquista para a súa conservación, catalogación, dixitalización e posta a disposición para consulta pública por un período de 10 anos.

O fondo audiovisual da CRMH da Coruña. Un pouco de historia

Por M. Beatriz Gómez Amigo

A historia da CRMH da Coruña supera xa os vinte anos de vida, tempo no que a nosa entidade foi medrando, superando diversos obstáculos. Organizouse, desde un principio, en asemblea aberta, e debatimos diversos temas que preocupaban a un grupo de coruñes@s no relativo á memoria histórica. Un dos temas que pareceunos máis urxente, foi a necesidade de recoller a memoria oral; deciamos daquela “as vivencias dos e das represariad@s aínda viv@s”.

Foi un asunto que nos ocupou desde o mesmo ano 2004, cando nacimos, a sabendas de que
chegabamos moi tarde para a maioría das vítimas, e que continúa a preocuparnos 22 anos
despois, aínda que de xeito distinto.

Na asemblea do 14 de decembro de 2004 empezábamos a valorar a recollida de testemuñas, preparar un arquivo sonoro; e nela abriuse a debate a necesidade de colaborar con investigadores en memoria oral das universidades. Mais fomos aos poucos aprendendo como poder desenvolver este cometido da Asemblea, cos nosos medios dos que dispoñíamos e puxémonos ao traballo, cada quen nas súas posibilidades, sempre de xeito voluntario e altruista.


De novo, mes e medio despois, en xuntanza aberta, vólvese facer mención do tema sobre a recuperación da memoria oral, a necesidade da elaboración dun vídeo coas futuras entrevistas.
A seis meses do nacemento da CRMH da Coruña xa tiñamos recollidas algunhas das conversas
con persoeiros que sofriron a represión da ditadura nesta cidade, con medios moi modestos,
pero con moita ilusión por poder transmitir ás xeracións futuras as vivencias persoais que, en
moitos casos, non figurarán nos libros de historia, mais que sí conforman a historia local, a
historia dun barrio, dun partido, dunha asociación, dunha familia…


En Xuntanza Xeral organizase un grupo de traballo para a elaboración das entrevistas ás vítimas
do franquismo. Dela fan parte Maite P. Teira, Chema Palacios, Beatriz Parga, Ramón Isasi,
Fernando Souto, Carmen G- Rodeja e Beatriz Gómez.


A un ano do nacemento da asociación, o grupo de traballo trata o tema das entrevistas e algúns
documentos e fotografías que algunhas das vítimas comparten coa asociación. Antes do remate
do ano 2005, damos conta do traballo feito en memoria oral e do que está por facer. Como exemplo, a labor desenvolta no concello de Irixoa, un lugar onde foron asasinados varios membros da mesma familia e soterrados en foxa común no cemiterio da Coruña.


En xaneiro do 2006 empezamos a falar sobre os dereitos de reprodución, os contidos sonoros e
o copyright. Fáisenos a reclamación ao grupo da necesidade de entregar xa as grabacións ás
familias. Como vemos, tardouse alomenos vinte anos máis en cumprir esta reclamación no seu
conxunto.


O 17 de abril de 2006, en Asemblea Xeral, tratamos nun punto da orde do día, da recollida de
memoria oral, do sinxelo material do que podíamos dispor; e infórmase á Asemblea que temos
xa DVDs editados, de xeito altruista, e outra boa cantidade de “brutos de cámara” por volcar á
DVD..


Falamos tamén do futuro documento a asinar coa UDC. O traballo, 22 anos despois, poñerase ao dispor da sociedade. A investigación, os guións, as entrevistas, a labor administrativa é ilusionante, se podemos palpar a realidade vista dende a óptica persoal de quen viviu esa etapa siniestra da Ditadura, e se podemos xa trasmitirlle ese coñecemento persoal das vítimas á sociedade do s. XXI, xente que viviu a ditadura primorriverista, a Segunda República, a represión franquista, a guerra civil e o exilio, tanto desde o punto de vista dos homes, como das mulleres que os coidaron, os protexeron, os alimentaron, os agocharon…


Dende aquí quero dar as grazas ao moito esforzo invisible e voluntario, no volcaxe, na labor
silenciosa, da que se encargaron a compañeira Maite P. Teira. Daquela iamos avanzando no
material que precisábamos, un escáner, un trípode, un ordenador… E por primeira vez se lle
formulaba á Xunta Diretiva a necesidade de que as entrevistas sexan realizadas por persoal
especializado, xa que ata o momento foi traballo meramente altruista.

Foi descartada a proposta e continuamos co labor dalgúns dos membros da Xunta Diretiva da CRMH.
Sucesivamente foise avanzando nas responsabilidades dos membros do grupo de traballo, en
todos os meses do 2007, xa levando a cabo os cometidos precisos para a legalización do
material das entrevistas e en comprimento das obrigas que nos esixe o DL.

A Asemblea Xeral do 17 de abril de 2007 impón a decisión de que os orixinais das entrevistas
deban estar sempre baixo a custodia da Comisión. En xuntanzas sucesivas do 2007 e 2008, e
coa axuda económica da Consellería de Cultura, fomos dando pasos, ao “externalizar” xa parte
do traballo de volcado á DVDs e a elaboración dun pequeno vídeo resumo de algunhas das
entrevistas, algo máis adiante (accesíbel en https://memoriadacoruna.gal/testemunas-da-represion/).

A UDC e a Comisión chegamos ao acordo de compartir espazo, a cambio de protexer noso
patrimonio de memoria oral. Pasado o tempo, a Comisión recuperou todo o material, despois
dos cambios na UDC, coa creación da Cátedra de Memoria Histórica. Nese tempo, o noso traballo
de memoria oral estaba en perfectas condicións, pero precisábamos dalo a coñecer, para, en
parte, completar a historia da represión, esa anaco das vivencias individuais, persoais , especialmente das vítimas descoñecidas, e que por moito tempo foi denostada entre os investigadores académicos.

No 2025- 2026 preparouse o traballo de dixitalización e posta en valor dos fondos de memoria
oral da CRMH da CORUÑA. E neste ano 2026, por fin ese traballo estará a disposición no Arquivo da Deputación da Coruña, grazas á Área de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís, con quen asinamos un contrato e que garantirá a súa consulta e divulgación.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *