Actualidade

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, celebrou o Día da República.

Foron catro actos en total, os dous da mañá localizados na vila de Sada, e que contaron coa colaboración da AC Irmáns Suárez Picallo e os dous da tarde localizados na cidade da Coruña. Todos eles tiveron lugar este pasado sábado 13 de abril.

ACTO INSTITUCIONAL NO CONCELLO DE SADA

O primeiro dos actos celebrouse no Salón de Plenos do Concello de Sada, que contou coa presenza de representantes de diferentes institucións coma do concello de Bergondo, da Universidade da Coruña, ademais do alcalde de Sada Benito Portela.

O acto contou coa presenza de Jesús Castro Vidal, nomeado pola asemblea xeral de soci@s da CRMH da Coruña como Republicano de Honra 2024, acompañado da súa familia.

A sesión comezou coa intervención de Carlos Babío, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, seguida da de Claudia Varela en calidade de vicepresidenta da Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo. Rematou o acto Benito Portela, alcalde de Sada, quen lle fixo entrega a Jesús Castro en nome do Concello de Sada dunha peza autoría de Isaac Díaz Pardo (Republicano de Honra 2011). En concreto unha peza das ceramicas de Sargadelos de unha imaxe de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

HOMENAXE ÁS VÍTIMAS DO FRANQUISMO EN SADA

Rematado o acto no Salón de plenos do Concello de Sada, diriximonos ao Memorial polas vítimas da barbarie franquista en Sada, localizado no paseo marítimo da vila, onde realizamos unha ofrenda floral.

Previa a esta, houbo diferentes intervencións. En concreto de Beatriz Gómez Amigo , en representación da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, de Manuel Pérez Lorenzo, en calidade de presidente da Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo, de Gabriela Castro, filla de Jesús Castro Vidal e de Sonia Vázquez Día, Vicerreitora da Universidade da Coruña.

O acto tamén contou coas intervencións de Pilar Vázquez, quen deu lectura a un poema de Claudio Rodríguez Fer e de Amable Carballeira, da AC Irmáns Suárez Picallo.

Rematadas as intervencións e a ofrenda floral, entonouse a gaita o himno galego coas gaitas da Asociación de música tradicional “Nova Troula”, entidade que acompañou este acto da mañá en Sada.

HOMENAXE ÁS VÍTIMAS DO FRANQUISMO NO MEMORIAL DA AVENIDA DE NAVARRA

O terceiro acto do día foi na Avenida de Navarra da Coruña, no Memorial “Xermolos” adicado ás vítimas do franquismo na comarca da Coruña.

Durante o acto, o presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, deu lectura ao manifesto “Construamos un futuro Republicano” que ven de aprobar recentemente a nosa entidade memorialista, e que se pode consultar integramente nesta ligazón.

Unha vez realizada a ofrenda floral, entonamos o himno galego tocado a gaita por Raul Galego.

CEA DA REPÚBLICA

Este ano recuperamos un evento tradicional da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña; a cea da República.

Celebrámola no hotel Meliá Maria Pita onde xuntamos case un cento de persoas. Durante a cea, entregouse a Jesús Castro Vidal o premio Republicano de Honra 2024.

Durante a cea contamos coa actuación musical de Paco Campos. Para a presentación dos diferentes eventos que tivemos durante a cea, contamos con Isabel Risco.

O premio ao Republicano de Honra 2024 entregouse polo artista e creador da peza institucional Pepe Galán.

Rematada a cea, interviron os presidentes da Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo, Manuel Pérez Lorenzo e o da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, Carlos Babío.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *